"Somos desempregados, pero non estamos parados"

Asemblea de desempregad@s de Ferrol CC-BY-SA ADF

"Somos desempregados, pero non estamos parados". Con esta frase resúmese a filosofía das asembleas de desempregad@s que, creadas ao abeiro da CIG pero abertas a calquera persoa sen traballo, están a espallarse por toda Galicia. Xunto a outros colectivos semellantes, estas organizacións nacen co obxectivo de reivindicar os dereitos deste cada vez máis numeroso grupo de cidadáns ante os recortes que están a sufrir coa diminución das súas prestacións ou doutros dereitos fundamentais. Pero hai moito máis.

"Mobilizámonos contra os recortes que nos afectan, levamos a cabo accións de protesta, difundimos información de utilidade para os desmpregados... Pero tamén intentamos darnos cobertura mutua, axudamos na busca de traballo ou de bolsas de formación e colaboramos entre todos para resolver problemas", resume Duarte Abade, voceiro da asemblea de desempregad@s da Coruña, unha das primeiras en conformarse no país xunto coa de Ferrol. Esta última saltou aos titulares de prensa logo de que varios dos seus membros foran xulgados e condenados a pagar 835 euros logo dunha acción simbólica nun supermercado do que substraeron alimentos valorados en 25,37 euros para "chamar a atención sobre as penurias que están a padecer as persoas sen traballo".

    Ás asembleas de desempregad@s da Coruña e Ferrol únese agora a de Lugo

Aquela acción -e aquela condena- deitou un pouco de luz sobre uns colectivos que desde esta semana contan cunha nova organización, a asemblea de desempregad@s de Lugo que, como as demais, "funcionará con carácter aberto á totalidade das persoas que queiran traballar na mesma e que estean en situación de desemprego". "Non é só para afiliados da CIG, nin moito menos, senón que animamos a todo o mundo que estea a pasar por esta situación a que se una a nós", di Xosé Méndez, un dos membros da organización que lembra o vindeiro martes 6, no salón de actos da casa sindical, terá lugar a primeira xuntanza. "Cada un poderá achegar as súas ideas e propostas para poñelas en común entre todos", asegura.

    "Na situación que nos atopamos moitos, hai máis necesidade de actuar que de seguir falando"

As protestas e mobilizacións, as esixencias ás administracións públicas de cobertura ou o apoio ás reivindicacións laborais son algunhas das funcións destes colectivos, pero nin moito menos as únicas. "A asemblea xorde porque, dada a situación na que nos atopamos moitos, máis que a necesidade de seguir falando, séntese a necesidade de actuar; queremos dar corpo ás reivindicacións ante o que estamos a padecer", insiste Xosé Méndez, que advirte que "ser desempregado non é estar parado". "Non é algo co que un nace, é algo que xorde, e non polo fracaso persoal noso, senón polo fracaso dos gobernos e da sociedade que, tal e como está concebida, é totalmente inxusta", relata.

"É importantísimo estar na rúa porque aí tamén xorden oportunidades"

"O último que pode facer un desempregado é quedar na casa desesperada. É importantísimo estar na rúa porque aí tamén xorden oportunidades, ao igual que xorden nas mobilizacións ou no contacto con xente na mesma situación que ti", engade Duarte Abade, consciente de que as redes de apoio mutuo serven, en moitas ocasións, non só como consolo, senón como espazo de debate para procurar un futuro.

Todas estas asembleas teñen previsto diversas accións nos vindeiros meses, aínda que a súa concreción depende do que decidan en asemblea. Nelas tamén acordan a colaboración con outros colectivos de desempregados que están a xurdir de forma autónoma por todo o país. "Porque estar desempregado non é estar parado, esa é a cuestión", remata Xosé Méndez, ao tempo que anima os cidadáns sen traballo a que se unan á iniciativa de Lugo, a última e á que agarda que se unan outras localidades galegas.

Acción da asemblea de desempregad@s de Ferrol nun supermercado CC-BY-SA ADF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.