Viveiro convértese no sétimo concello galego que prohíbe a tortura contra os animais

Acción en Catalunya pedindo que Mataró se declarase concello libre de circos con animais CC-BY-NC Libera

O pleno do Concello de Viveiro aprobou este mércores cos votos a favor do PSdeG-PSOE unha moción que prohíbe a instalación en terreos públicos de circos ou otras instalacións con animais salvaxes. E fixoo apoiándose no Tratado Europeo de Ámsterdam de 1977, a Lei 1/1993 de Protección dos Animais de Galicia ou os acordos da Organización Mundial de Sanidade Animal. A moción non contou co apoio dos partidos da oposición: PP, BNG e iVi.

Viveiro convértese deste xeito no sétimo concello galego que prohibe a tortura contra os animais e únese a Cangas, Dodro, A Pobra do Brollón, Vedra, Teo e Ares, que nos últimos anos xa aprobaron declaracións en contra de todo tipo de malos tratos, tanto os que se poden producir en corridas de touros e encerros ou outro tipo de espectáculos crueis con bois, burros ou cans, coma os que afectan aos animais de compaña.

Viveiro convértese deste xeito no sétimo concello galego que prohibe a tortura contra os animais e únese a Cangas, Dodro, A Pobra do Brollón, Vedra, Teo e Ares

Este tipo de mocións que declaran un determinado concello "amigo dos animais" son moi habituais noutros territorios do Estado, coma Catalunya. "Alí é máís doado", afirma Rubén Pérez Sueiras, un dos voceiros de Libera en Galicia, "as asociacións animalistas levan máis anos realizando un traballo de sensibilización e ademais os concellos teñen unha meirande pluralidade partidaria: aprobaron estas mocións municipios gobernados polas CUP, ERC, ICV e mesmo CiU". Pérez Sueiras salienta que estas mocións son importantes ainda que en moitos casos son derrogadas cando o concello cambia de cor política.

Dende esta asociación prefírese que sexan os veciños e veciñas de cada concello os e as que tomen a iniciativa en cada caso. Así sucedeu en Ares, onde un grupo de cidadáns conveceron o alcalde de que o pleno debería aprobar a moción

En Galicia Libera ten un modelo de moción que é máis ou menos a que presentou en Cangas, Dodro, A Pobra do Brollón, Vedra e Teo e conseguiu que se aprobase. Porén, dende esta asociación prefírese que sexan os veciños e veciñas de cada concello os e as que tomen a iniciativa en cada caso. Así sucedeu en Ares, onde un grupo de cidadáns conveceron o alcalde de que o pleno debería aprobar a moción. Libera puxo en marcha hai un tempo unha campaña específica para conseguir que cada vez máis municipios prohiban a tortura aos animais nos circos.

 

O modelo de moción

No modelo de moción que promove Libera, e que despois cada concello pode adaptar, lémbrase a Lei de Protección dos Animais 1/93, do 14 de abril, a cal considera os animais "organismos dotados de sensibilidade física e psíquica e, polo tanto, suxeitos a gozar ou sufrir". A moción pide que se prohiba "calquera espectáculo ou festexo onde se usen ou empreguen, mostren, faga sufrir ou se torture, física ou sicoloxicamente ningún tipo de animal, tales como galos, cans, cabalos, gatos, burros, novillas, etc, incluidos circos con animais, touradas, encerros, etc".

Tamén se inclúe unha carta-tipo que se dirixe aos representantes políticos do concello e que lembra que "calquera costume, conduta, comportamento, non se pode manter in aeterum polo feito de ser tradicional"

Tamén se inclúe unha carta-tipo que se dirixe aos representantes políticos do concello e que lembra que "hai tradicións históricas no noso país que incluen o uso ou participación de animais, que sufren sicolóxica e fisicamente" e engade que "calquera costume, conduta, comportamento, non se pode manter in aeterum polo feito de ser tradicional, como o demostra o feito que un gran número de prácticas tan tradicionais ao longo da nosa historia, como a escravitude, as execucións públicas, a subordinación das mulleres aos homes, a mesma pena de morte, as mutilacións practicadas aos delincuentes ou a tan a nosa matanza pública do porco, están agora prohibidas por lei, así como lugares que xa rexeitan os circos con animais".

O texto tamén defende que "ningún animal debe ser sometido a malos tratos: nin os animais salvaxes, para os que temos que conservar o medio coa finalidade de permitirlles vivir de acordo coas súas necesidades; nin aos animais domésticos, polo benestar dos cales os que exercemos de donos temos que velar; nin os animais de granxa que decidimos criar para alimentarnos, aos que debemos como mínimo unhas condicións dignas de vida, espazo suficiente para realizar exercicio, unha alimentación completa e, finalmente, un sacrificio rápido e indoloro". 

Acción en Catalunya pedindo que Mataró se declarase concello libre de circos con animais CC-BY-NC Libera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.