A Xustiza cuestiona o plan da Xunta de permitir a instalación de piscifactorías en espazos protexidos

Imaxe do Cabo Touriñán CC-BY-SA Adrián Estévez

Toda a costa galega poderá acoller piscifactorías, independentemente do seu grao de protección. Esta premisa, defendida pola Xunta de Galicia no futuro Plan Director de Acuicultura Litoral (PDAL), volve estar cuestionada, agora legalmente. Mais concretamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), quen estima que a alteración ou destrución dos valores paisaxísticos e ambientais son motivo suficiente para anular a instalación dunha piscifactoría.
Máis ambicioso que os seus predecesores, o futuro Plan Director de Acuicultura Litoral elimina posibles localizacións para a instalación de granxas de peixes planos e fai que toda a costa sexa susceptible de acoller unha destas plantas: a diferenza estará nas diferentes medidas de protección ambiental que deberán superar segundo o valor natural que albergan.

Polo momento, o Consello da Xunta desbloqueou 15.000 hectáreas das 28.000 totais que se corresponden cos niveis 1 e 2, os considerados de menor valor ambiental. Nestas zonas -máis afastadas da costa e, polo tanto, menos atractivas para a industria acuícola-, as piscifactorías non terán que someterse a máis requisitos que unha orde conxunta das consellerías de Mar e Medio Ambiente sobre o réxime de avaliación ambiental. En outubro será a quenda das zonas máis sensibles e amparadas baixo a Rede Natura (niveis 3 e 4), e das que aínda non se coñecen os trámites que as plantas deberán pasar.  En todo caso, tanto a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraron que o Goberno galego será “rigoroso” nestas esixencias ambientais.

 

A anulación da macrogranxa da Laxe Brava

Fronte a esta postura, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de poñer sobre a mesa a importancia natural dunha zona, anulando a macrogranxa que estaba prevista construír na Laxe Brava (Corrubedo-Ribeira). A pesar de que o alto tribunal aduce dúas infraccións lexislativas para proceder á súa anulación –o incumprimento da distancia mínima entre parcelas de acuicultura e do volume de edificabilidade que establece a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística de Galicia-, a resolución reflexa tamén os prexuízos ambientais.

Proxectada nunha zona non protexida pola Rede Natura pero dun indiscutible valor natural pola súa proximidade ao Parque Natural de Corrubedo, o TSXG argumenta que “que todos os valores (paisaxísticos e ambientais) poidan ser preservados por unha instalación de acuicultura que ocupe as dúas terceiras partes dun espazo de 308.000 metros cadrados é algo do que cabe dubidar”. Un aviso ao que engade a “infracción dos principios de cautela e de protección do medio ambiente que establece a Lei 9/2006". “A sentenza é un recoñecemento explícito do impacto ambiental que a macroacuicultura ten na costa e senta xurisprudencia demostrando que hai valores naturais que deben protexerse conforme a unhas cautelas que fixa a Lei 9/2006, normativa estatal que fai prevalecer fronte a calquera planificación sectorial”, esgrime Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, asociación que deu a coñecer a resolución do TSXG.

En setembro do 2009, o TSXG anulaba o permiso para construír unha granxa acuícola en Xove (Ribadeo) por afectar a terreos protexidos pola Rede Natura

Non é a primeira vez que o xustiza galega se pronuncia neste sentido. En setembro do 2009, o TSXG anulaba o permiso para construír unha granxa acuícola en Xove (Ribadeo) por afectar a terreos protexidos pola Rede Natura. A sentenza do alto tribunal a favor dun contencioso iniciado pola asociación ecoloxista Adega en 2005 anulaba a declaración de impacto ambiental outorgada pola Xunta aínda presidida por Fraga para a piscifactoría proxectada pola empresa de Ramón Álvarez Cascos no Lugar de Interese Comunitario (LIC) das Catedrais. A sentenza, con data do 23 de setembro de 2009, entende que o goberno de Fraga non tivo en conta as características da zona, poñendo en perigo os tres tipos de hábitats protexidos presentes na zona, tal e como certifica un informe pericial elaborado dende o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader).

A actual consellería do Medio Rural e do Mar asegura que ditames como o coñecido este luns non afectarán ao futuro Plan Director de Acuicultura

A actual consellería do Medio Rural e do Mar asegura que ditames como o coñecido este luns non afectarán ao futuro Plan Director de Acuicultura: “A sentencia do TSXG non xulga en ningún momento a compatibilidade dos proxectos acuícolas coas zonas protexidas. Nos fundamentos de dereito, a sentenza fala do valor paisaxístico da zona a ocupar pola parcela de Laxe Brava e non di en ningunha parte que eses valores non poidan ser preservados nun proxecto acuícola, algo obxectivo que si persegue o Plan director de Acuicultura Litoral”.  Así, ademais de reiterar que as piscifactorías que queiran instalarse en zonas sensibles deberán respectar unhas estritas esixencias ambientais, recorda que o permiso contará tamén co aval do Plan de Ordenación do Litoral (POL), que autoriza a instalación de plantas acuícolas incluso na área de maior protección das tres en que dividiu a costa.

 

É posible instalar piscifactorías en espazos protexidos?

Mais esta non é a única lexislación na que a Xunta se ampara para permitir a instalación de piscifactorías en zonas sensibles da costa. O Goberno galego apunta tamén á Directiva de Hábitats da UE, lexislación encargada de regular os usos das áreas incluídas en Rede Natura 2000, cuxas directrices dan pé a varias interpretacións e que volve poñer sobre a mesa un vello debate: é posible instalar piscifactorías en espazos protexidos?

Atendendo ao texto, a normativa permite establecer plans ou industrias en zonas protexidas pero obriga a que se realice unha “axeitada avaliación das súas repercusións no lugar”. Deste xeito, as administración só poden aprobalo se se demostra que non causan “prexuízo á integridade do lugar”. A Directiva impón restricións aínda maiores se os hábitats presentes na zona son prioritarios. Neste caso, o texto legal destaca que só poderán autorizarse por “razón imperiosas de interese público de primeira orde”. Avaliar se se cumpre ou non este requisito correspóndelle aos gobernos rexionais –neste caso Galicia- previa consulta á Comisión.

A Xunta bipartita rexeitou o proxecto de Pescanova para Touriñán ao non obedecer a un interese público de primeira orde

Este punto é o que levou a Xunta bipartita a rexeitar o proxecto de Pescanova para Touriñán, ao crer non só que ameazaba a integridade do lugar, senón tamén que a instalación dunha piscifactoría non obedece a un interese público de primeira orde. Así o entenden tamén os ecoloxistas, que recordan que a industria acuícola é unha actividade privada, que responde únicamente aos criterios económicos das empresas do sector. Mais tamén é ese punto o que lle permitiu a Portugal concederlle o permiso a Pescanova para a instalación na localidade de Mira –zona protexida pola Rede Natura- a piscifactoría máis grande de Europa.

E ese é tamén o argumento ao que se aferra a actual Xunta para permitir a instalación de granxas en zonas protexidas. Algo para o a Xunta xa declarou a acuicultura un sector “de interese público de primeira orde” e para o que contan co apoio das empresas acuícolas: “A Comisión Europea e a xurisprudencia estableceron que determinado tipo de instalacións, como a acuicultura, poden ser desenvolvidas sobre espazos catalogados como Rede Natura a condición de que se preserven os valores naturais obxecto de protección”, apunta Fernando Otero, avogado ambientalista e xerente da Asociación de Rodaballo de Galicia (Aroga). Algo que, segundo explica, se logra a través da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), que é a resolución da autoridade ambiental que analiza o estudo de impacto ambiental do promotor, e establece no seu caso as medidas protectoras, correctoras e compensatorias precisas para que a actuación sobre eses espazos sexa ambientalmente sostible.

Veciños e ecoloxistas cren que a sentenza do TSXG coñecida este luns senta precedente

Ante a ambigüidade legal, o discurso do Goberno galego indigna a veciños e ecoloxistas, que vén no futuro Plan Director de Acuicultura Litoral un novo intento da Xunta de “asaltar” a costa e poñela ao servizo da produción do peixe plano. Ademais de defender a posibilidade de demostrar ante a UE que a acuicultura non pode considerarse en ningún caso un sector de interese público de primeira orde, cren que a sentenza do TSXG coñecida este luns senta precedente e abre a porta para que calquera cidadán, colectivo ou administración poida facer valer a protección do litoral fronte á tentativa de empresas e goberno galego de promover a industria piscícola.

“Tanto ten que Feijóo teña declarado a acuicultura de interese público de primeira orde para puentear a Rede Natura; tanto ten que os instrumentos de protección territorial foran convenientemente rebaixados e que calquera sitio da costa poida ser ocupado: non é posible agochar os enormes impactos ambientais e territoriais destas instalacións e a Xunta non pode obvialos”, resume o secretario xeral de Adega, Fins Eirexas, quen recorda que a acuicultura non só é insostible ambientalmente, senón prexudicial dende o punto de vista económico e social ao coartar a expansión doutros sectores como o turismo ou mesmo destruír postos de traballo.

Cabo Touriñan Dominio Público Praza Pública
Concentración dos veciños de Merexo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.