A desobediencia ou a arte de conseguir vitorias cando xa non hai superheroes

Acción de Supervivenda © vdevivienda

Tan só desde finais de 1997 até a actualidade os prezos dos pisos subiron máis dun 150%, mentres que os ingresos netos salariais nos sectores con convenio subiron só un 34,5%. O endebedamento medio dos fogares pasou do 45% en 1990 a máis do 60% en 2004. [...] Ao mesmo tempo continúa aumentando o número de pisos baleiros: segundo o censo de 2001, só na provincia de Barcelona a cifra superaba os 300.000 (e continuou crecendo cunhas taxas excepcionais). [...] E cada vez hai máis persoas obrigadas a xornadas laborais extenuantes en traballos cada vez máis precarizados para pagar a súa hipoteca ou aluguer. Pero aínda así para moitos non alcanza: só en 2002 houbo 3.675 desafiuzamentos en Barcelona.

Aínda que o tema é de rabiosa actualidade, estas liñas proveñen da Carta de medidas contra a violencia inmobiliaria e urbanística, asinada en setembro de 2005 "nalgún lugar da selva inmobiliaria", unha das poucas iniciativas que albiscaban o estalido da burbulla e a actual crise. Foi un de moitos capítulos dunha loita polo dereito á vivenda que empezou antes, e que aínda dura.

Sete anos despois, algunhas das persoas que asinaron esta carta seguen a súa loita na Plataforma de Afectados pola Hipoteca e hoxe ven que, aínda que a súa reivindicación -medidas para garantir un dereito universal, contemplado na Constitución- parece lonxe de cumprirse, conseguiron moitas vitorias. Grazas á mobilización, xuíces, policías, os dous partidos maioritarios e até a banca, víronse obrigados a deixar de esquivar a problemática.


A rifa aos partidos

O posicionamento dos grandes partidos está moi lonxe das solucións que propón a iniciativa lexislativa popular que xa recolleu medio millón de firmas. Agora, mentres representantes de PP e PSOE expresan a súa preocupación por este drama, a PAH publica un comunicado no que lles rifa. "A súa arrogancia non ten límites", aseguran, e lémbranlles que "son os últimos en chegar a este debate". Os activistas que levan anos nisto dedicáronse a loitar contra o silencio, político e mediático. E pensaron formas moi diversas de facelo, pero parece que ningunha con tanta forza como a actual.

Supervivenda era a cara do movemento V de Vivenda. "Foi un movemento moi novo, moi espontaneista, para o bo e para o malo, pero a crítica de fondo era a mesma que fai a PAH, evidenciar que era un fracaso o modelo de acceso á vivenda a través do sobreendebedamento"

Unha delas foi un superheroe. Supervivenda era a cara do movemento V de Vivenda. "Foi un movemento moi novo, moi espontaneista, para o bo e para o malo, pero a crítica de fondo era a mesma que fai a PAH, evidenciar que era un fracaso o modelo de acceso á vivenda a través do sobreendebedamento", di Ada Colau, que está nesta batalla desde hai unha década.

Supervivienda levaba na súa capa un 47, o número do artigo da constitución que di que "todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada" e tamén que "os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación".

Pero a traxectoria do heroe foi curta. "V de Vivenda tivo un grandísimo impacto en pouco tempo, durante 2006 e 2007, pero igual que subiu, baixou como a escuma", conta Colau. Co movemento tamén despareceu o heroe, sen cumprir a súa misión. A activista explícao: "Un dos problemas máis importantes foi que esa aposta polo espontaneismo, que tiña unha forza brutal á hora de facer intervencións creativas e sumar moitísima xente, cae cando se alarga no tempo e non consegues os obxectivos máximos; se non tes obxectivos a curto prazo a xente vaise desmobilizando".

"A Plataforma non se xestou só coa vontade de dar resposta ás persoas afectadas, que tamén, senón que o viamos como unha ocasión única de politización masiva de persoas que non se moverían por espazos activistas"

Foi unha lección aprendida cando se impulsou a PAH, e cando se conseguiu a primeira pequena vitoria das moitas que virían, o 3 de novembro de 2010, non había antefaces nin capas, pero si estaba o artigo 47 da Constitución, esta vez en forma de panfletos. Adrià Alemany, que participara en V de Vivenda e vestido a capa, leullo á oficial do xulgado que non puido executar o desafiuzamento de Lluís, na Bisbal do Penedès. Foi o punto de partida de Stop Desafiuzamentos.

"A Plataforma non se xestou só coa vontade de dar resposta ás persoas afectadas, que tamén, senón que o viamos sobre todo como unha ocasión única de replantexamento do modelo actual, que levabamos anos denunciando, e de politización masiva de persoas que non se moverían por espazos activistas", explica Colau. Por iso os afectados convertéronse nos protagonistas deste novo capítulo, que buscou dotalos de ferramentas. Iso conseguiuse, na medida que se implican nos problemas de todos, non só nos seus, e, a partir da experiencia adquirida, puidéronse crear moitos núcleos locais da PAH.

Para eles a desobediencia foi fácil, "na medida que o movemento xa tiña moi traballado o tema da lexitimidade, porque estamos ante unha lei inxusta e é unha obriga moral desobedecer", asegura a portavoz da PAH. Neste proceso, algúns conseguiron que lles condonaran a débeda, outros, uns meses máis baixo teito, e todos xuntos lograron pór o tema na axenda pública e obrigar os grandes partidos a situarse despois de anos de silencio.


A desobediencia vén de lonxe

Todos xuntos lograron pór o tema na axenda pública e obrigar os grandes partidos a situarse despois de anos de silencio

Non se trata de ningún invento da PAH. A desobediencia vén de lonxe -desde Antígona na antiga Grecia, din algúns-. Ada Colau non é nin moito menos a primeira en falar da obriga de desobedecer ás leis ás leis inxustas. "A lei xamais fixo os homes un chisco máis xustos; e, en razón do seu respecto por ela, incluso os mellor dispostos convértense a diario en axentes da inxustiza", escribiu Henry David Thoreau o ano 1849 na desobediencia civil.

"A acción directa non violenta trata de crear unha crise tal, e de orixinar tal tensión, que unha comunidade que se negou constantemente a negociar vese obrigada a facer fronte a ese problema. [...] Temos que comprender a necesidade de 'tabáns' non violentos creadores dunha tensión social", escribía Martin Luther King dende o cárcere de Birmingham.

De feito, a desobediencia é unha vella amiga dalgúns dos implicados na Plataforma, que no seu momento optaron pola ocupación, non como solución para reacoller familias que non teñen onde vivir, como fan agora, senón como opción de vida para denunciar un modelo que consideran inxusto. É o caso de Miles de Vivendas.

Primeiro viñeron os "espazos liberados contra a guerra", unha serie de ocupacións xurdidas das protestas contra a Guerra de Iraq que abriron o debate sobre a precariedade e "da precariedade na cidade, un dos principais temas que máis che determina a vida é o da vivenda, e de aí saíu a iniciativa de Miles de Vivendas", conta Colau.

Están a conseguilo as persoas máis vulnerables da nosa sociedade. As que a través da resistencia parecen conseguir converterse no "tabán" que dicía Luther King. De feito, aos afectados díselles desde a PAH que teñen que converterse "no peor pesadelo do banco"

"Na Barceloneta ocupamos un edificio enteiro que fora da Garda Civil. Aí vivimos unhas trinta persoas e formáronse distintos colectivos que traballan temas diversos, pero a vivenda sempre foi un tema central", di. Desa ocupación e da iniciativa da xa citada carta, saíu o Taller contra a violencia inmobiliaria e urbanística que, asegura, serviu de corpus teórico para V de Vivenda.

O movemento tivo os seus altos e baixos, pero o que non conseguiu o superheroe do "movemento novo e espontaneista", están a conseguilo as persoas máis vulnerables da nosa sociedade. As que a través da resistencia parecen conseguir converterse no "tabán" que dicía Luther King. De feito, aos afectados díselles desde a PAH que teñen que converterse "no peor pesadelo do banco".

Supervivenda é cousa do pasado, pero nunha entrevista no diario El País, o heroe aseguroulle á xornalista Clara Blanchar que "Supervivenda somos todos e todas os que sufrimos os problemas de acceso á vivenda: os hipotecados, os que non chegan a fin de mes, os mozos que non poden emanciparse, que pagan alugueres abusivos, os expulsados dos seus barrios... os que non nos conformamos."

Así que a idea é a mesma, sexan os protagonistas anónimos ou colectivos, e prometen mantela. No seu último comunicado, a PAH asegura que "ata que todas estas persoas non poidan condonar as súas débedas e teñan garantido o dereito á vivenda, a cidadanía vai manter todas as súas protestas desobedecendo as leis inxustas e sinalando aos responsables".

Acto da Plataforma de Afectados pola Hipoteca © Carmen Secanella
Acción de Supervivenda © vdevivienda
Acción de Miles de Vivendas © Miles de Vivendas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.