Dación en pago tras acampar en folga de fame

Ricardo Barcia, acampado ante Ibercaja en Vigo Dominio Público @desihdzleon

Outro rostro da desesperación e outra iniciativa desesperada. Ricardo Barcia iniciou este luns unha folga de fame e unha acampada diante dunha sucursal de Ibercaja en Vigo para reclamarlle á entidade que lle conceda a dación en pago para así saldar a débeda contraída co banco. O home, de 50 anos e con problemas de saúde, leva en paro desde 2008 e actualmente non percibe ingreso ningún. Xa pagou 40.000 euros dunha hipoteca de 90.000 por unha vivenda en Salceda de Caselas, taxada en 114.000 euros pero cunha escritura realizada en 50.000.

Por unha vez, houbo final feliz. Contra as 19.30 da tarde, e logo de dez horas de protesta, Ibercaja aceptou a dación en pago, polo que quedará coa casa e o afectado librarase da débeda de 50.000 euros. A entidade entregoulle un documento asinado por dous apoderados e pediu un prazo de quince días para tramitar a documentación. Ricardo Barcia, unha vez contrastado o texto ante notario e confirmar a súa validez, levantou a acampada e deu por finalizada a folga de fame. "Agradezo que desen o paso", asegurou. "Oxalá non teña que volver facer isto", insistiu.

Ibercaja non lle concedía en principio a dación en pago malia cumprir os requirimentos aceptados polas entidades

Ricardo Barcia cumpría os requirimentos incluídos no código de boas prácticas asinado polos bancos para que lle sexa aceptada a dación en pago, pero a entidade non lla concedía ao ser unha medida voluntaria. Emocionado durante as declaracións que realizou aos medios este luns á mañá, o afectado cargou contra os bancos e asegurou que os cidadáns "non son clientes" deles, senón "vítimas". "Déronme por todos lados", dixo, tras asegurar que a oficina bancaria "só está a buscar" que perciba algún ingreso para "poder agarralo". Chegáronlle a preguntar se cobraba algunha prestación por minusvalía logo de comprobar os seus problemas de saúde. A súa presión e o balbordo mediático axudáronlle na súa loita.

"Que o pobo abra os ollos porque este Goberno non vale para nada", di o afectado

"É unha desesperación, está a danarme a saúde", insistira o afectado, que reclamaba a Ibercaja que aceptase a dación en pago, algo que non daba feito malia cumprir cos requisitos do código de boas prácticas.  "Xa me desafiucei eu só", insiste Barcia, que non pode vivir na súa vivenda e que fixo un chamamento para que "o pobo abra os ollos porque este Goberno non vale para nada". Así, defendeu a protesta cidadá. "Que saian á rúa porque isto está moi mal", pediu.

Por outra banda, a Plataforma de Afectados as Hipotecas de Vigo-Tui-Baixo Miño, que está a apoiar o caso de Ricardo Barcia, entregou nos xulgados de Vigo un escrito para pedir a suspensión xudicial das execucións hipotecarias, ademais de solicitar axuda a avogados e psicólogos para atender os numerosos dramas humanos que se lle están a presentar nos últimos meses.

Ricardo Barcia, acampado ante Ibercaja en Vigo Dominio Público @desihdzleon

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.