Milleiros de berros en Galicia contra a violencia machista

Representantes do BNG na manifestación de Vigo Dominio Público @obloque

Milleiros berraron contra a violencia de xénero este domingo en Galicia. Vigo, Ourense, Santiago ou Ferrol acolleron diversas marchas con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista. Na cidade olívica tivo lugar a manifestación principal, convocada pola Marcha Mundial das Mulheres baixo o lema Marchamos polos dereitos das mulleres a unha vida sen violencia e que partiu no mediodía desde o Marco.

A Marcha Mundial das Mulleres cre que a loita contra a desigualdade foi "case testemuñal"

Na declaración institucional realizada, os asistentes denunciaron que os recursos para as vítimas de malos tratos e para a sensibilización "foron insuficientes" durante estes anos, de forma que a loita contra a desigualdade "e en favor da emancipación das mulleres" foi "case testemuñal". "É tempo de ampliar alianzas cos outros sectores sociais agredidos, de tinguir con alternativas feministas as loitas que é preciso dar en toda Europa, para facer nacer outro modelo onde o feminismo sexa unha das matrices deste cambio", destacou a Marcha Mundial das Mulheres nun acto ao que asistiron representantes do BNG, como a responsable de Igualdade no Parlamento, Carme Adán, que solicitou a Gallardón que non aplique as taxas xudiciais contra as vítimas da violencia machista.

Pola súa banda, en Ourense levouse a cabo unha marcha reivindicativa na que participaron unha cen persoas, convocadas polo movemento feminista da cidade. A voceira da Marcha Mundial das Mulheres en Ourense, Ximena González, quen explicou que esta protesta estivo encabezada cun cartel en homenaxe ás 74 vítimas mortais da violencia machista deste ano, segundo datos do Observatorio da Rede Estatal de Organizacións Feministas, nunha cifra que dobra os números oficiais.

En Ourense, unha persoa caída cada certo tempo na marcha para representaqr de forma simbólica as vítimas da violencia machista

Durante a marcha, e cada certo tempo, unha persoa caía cada certo tempo de forma simbólica para debuxar unha silueta na que se inscribiu o nome das vítimas da violencia de xénero, logo de denunciarse outros tipos de violencia como a económica ou relixiosa.

Bela Auria, Foro Feminista Falando Nós, Marcha Mundial das Mulleres, Semente, STEG, Área da Muller de Esquerda Unida, Esculca, CIG, CCOO, Asamblea Aberta Ourense, Encontro Irmandiño, Acción Feminista de Anova ou a CUT, entre outros colectivos e persoas a nivel individual, participaron nas marchas.

Ademais, en Santiago tivo lugar este domingo a II Andaina Solidaria organizada polo Concello compostelán con motivo deste día para a eliminación da violencia de xénero. Preto de cen persoas, entre nenos e maiores, uníronse a esta marcha que percorreu 12 quilómetros desde Lavacolla ata a Praza do Obradoiro, na que hai unha instalación formada por máis de 5.600 siluetas realizadas por escolares na cal, por unha banda, atópanse palabras en negativo como 'malos tratos' ou 'violencia', mentres polo outro están 'amor' ou 'amizade'.

O BNG celebrou en Compostela o sábado -nun acto ao que acudiu o seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez- unha "festa de enterro do patriarcado", un acto simbólico co que converter "en heroínas ás vítimas de violencia de xénero" con motivo da celebración desta data sinalada.

En Ferrol, pola súa banda o alcalde da localidade, José Manuel Rey Varela, formou parte este domingo dunha ofrenda floral no peirao de Curuxeiras en homenaxe ás vítimas, no que denunciou que: "A violencia machista degrádanos como sociedade porque nos vulgariza como seres humanos".

Ademais, na localidade ourensá de Piñor, tivo lugar este 25 de novembro unha marcha na que participou a deputada socialista Laura Seara que censurou os recortes do Goberno popular en materia de protección ás vítimas e a desaparición de campañas de sensibilización.

Máis de 300 homes en cadea por violencia de xénero

En canto aos datos, un total de 314 homes atópanse en prisión en Galicia por delitos relacionados coa violencia de xénero, unha secuela que motivou entre xaneiro e xuño deste ano un total de 2.352 denuncias no país. Así o detalla o estudo realizado por CCOO. con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se celebra este domingo, no que se reflicte que 3.739 mulleres recibiron atención policial en Galicia ata o 30 de setembro de 2012 -o 3,8% das de España- por esta cuestión e que, destas, 903 tamén recibiron protección policial activa -o 5,5% do total do Estado-. Estas cifras son inferiores ás de 2011.

Representantes do BNG na manifestación de Vigo Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.