"O acordo alcanzado pode marcar un antes e un despois no sector gandeiro galego"

Roberto García sinala o prezo ínfimo dun cartón de leite © UnionsAgrarias

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, fai balance tras a folga de entregas de leite en Galicia. Está satisfeito co resultado, xa que considera que se conseguiu trasladar á sociedade "o drama" de milleiros de familias gandeiras, ademais de compromisos históricos que "poden marcar un antes e un despois" no sector gandeiro.

Está a folga suspendida totalmente?

A folga está suspendida temporalmente mentres avanzan as negociacións para concretar os acordos aos que se chegaron. Digamos que está aprazada a expensas de plasmar os resultados das negociacións. Se isto non se concreta, volveremos ás mobilizacións.

Hai gandeiros que aseguran que non todos querían finalizar o paro de entrega de leite.

Claro. Sabiamos que ía haber distintas sensibilidades. A nosa organización é a única en todo o Estado con tan importante número de gandeiros de leite e unha OPL constituída con máis de tres mil produtores, polo que é lóxico que haxa diferentes opinións dependendo, sobre todo, do drama de cada gandeiro. Hai quen estaba máis concienciado e disposto a seguir coa folga e outros aos que seguir tirando leite lles supoñía unha perda e un drama moi grande. O que non podiamos facer era non aceptar o que dixese a maioría, igual que o aceptamos cando se decide ir á folga. Houbo diferenzas nas asembleas de Teixeiro, Ordes ou Arzúa, pero a entrega de leite comezouse a normalizar este xoves á tarde.

"A folga foi un éxito porque se visualizou un drama, algo que non lograramos con anteriores mobilizacións"

Que balance fai da folga? Deu os resultados pretendidos?

Tal e como a plantexabamos, a folga foi un éxito e foi unánime. Logrouse o obxectivo de visualizar o drama das explotacións gandeiras en Galicia, algo que as mobilizacións anteriores non lograran. Non tiveramos tanto impacto. Conseguimos que a sociedade se decatase do drama de familias que están ao bordo da desesperación e tamén logramos colocar na axenda política do Goberno central e de Feijóo o noso problema, algo que tampouco acadaramos antes.

"O compromiso ten elementos que poden ser un antes e un despois: calquera venda de leite por debaixo de custos considerarase delito"

E lograron un compromiso importante de Administración e industrias, non si?

Si. Arrancamos un compromiso importante, á espera da súa plasmación práctica. Contempla elementos que poden ser un antes e un despois no sector gandeiro legal. Por exemplo, conseguimos a promesa de que se poida establecer base legal para que calquera venda de leite por debaixo do custo de produción se considere delito e que este sexa un principio fixo para que ningún gandeiro teña que vender por baixo de custos. Do mesmo xeito, agora os contratos estableceranse en base a criterios de mercado e non empresarais e a industria e a distribución comprometéronse a que o leite deixe de ser produto reclamo nas grandes superficies.

Que diferenzas hai con acordos anteriores que fracasaron?

Digamos que quen garante o cumprimento do acordo é o axente que ten a pistola. A diferenza doutras veces temos ferramentas para perseguir a quen incumpre, porque é legal negociar os prezos do leite e porque o Goberno comprométese a que a distribución e a industria que non cumpra, terá o seu castigo económico e xurídico correspondente. Quen asume que se cumpra ou non o acordado son a Xunta e o Goberno central e semella que a vontade é real, primeiro porque nós non estamos pedindo cartos e, segundo, porque xa non hai períodos electorais á vista que fagan pensar que o compromiso foi tan aló por motivos deste tipo.

"A diferenza doutras ocasións, agora teremos ferramentoas para perseguir a quen incumpre os acordos"

Pode explicar brevemente por que os gandeiros galegos cobran menos polo leite que os gandeiros do resto do Estado?

Quen ten a posición de dominio sobre un produto perecedeiro, neste caso as industrias, optaron por manter un prezo artificial á baixa para gañar máis cartos. Isto faise deliberadamente pactando prezos e grazas tamén a un Goberno que é consentidor, ao igual que o Tribunal de Defensa da Competencia. Esta situación só é posible mantela se as empresas se poñen de acordo pagando menos aínda que lles faga falta o leite. E aquí en Galicia interésalles facelo porque aquí está o 40% do leite do Estado e o 55% dos gandeiros. En Murcia non terían sentido que o fixesen, pero aquí, tal e como demostra o Tribunal de Defensa da Competencia, a rendibilidade económica permítelles abaratar o leite na subasta fronte á distribución e arranxar así a conta de resultados.

Roberto García sinala o prezo ínfimo dun cartón de leite © UnionsAgrarias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.