"Nun país civilizado, calquera político relacionado co Prestige tería a súa carreira afundida"

Presentación do libro no Culturgal. Xosé Manuel Pereiro con Manuel Jabois © Culturgal

En novembro de 2002 a sociedade galega sofre unha devastadora catástrofe que provoca, en palabras do autor, Xosé Manuel Pereiro (Monforte, 1956), un “cambio de mentalidade” dos galegos. Prestige, tal como foi, tal como fomos, de 2.0 Editora, está xa á venda desde hai tres semanas e narra a crónica dese desastre, do que aconteceu desde a traxicomedia da xestión do desastre, ata os delirios de grandeza das solucións políticas ante a inminente catástrofe. O escritor e xornalista, que vén de presentar a obra na Coruña, define como "chafallada" a xestión daquel sinistro e cre que a reacción da sociedade civil en Galicia foi "algo nunca visto".

Fala da obra como “unha guía da catástrofe do Prestige en 125 páxinas”. Como se podería resumir en poucas frases a xestión que se fixo daquela catástrofe?

Desde o punto de vista da Administración, unha chafallada, como por outra parte foron todas as anteriores. Quizais a Xunta podería ter disimulado máis, polo control do territorio e cidadán que tiña, pero fíxose cargo o Goberno Central, que demostrou que nin tiña idea do que aquí pasaba, nin o entendía, e o que é peor, que nin lle importaba. A reacción do que se chama a sociedade civil, de parte dos partidos políticos, dos sindicatos, de todo tipo de asociacións, de grupos de rock, de xente normal, foi incrible, demostrou que a sociedade galega estaba moito máis viva do que todo tipo de indicadores externos demostraban, ou polo menos nos parecía a nós. O fenómeno Nunca Máis, por extensión, por intensidade e por creatividade foi algo nunca visto.

"A reacción da sociedade galega foi incrible; demostrou que estaba moito máis viva do que demostraban os indicadores externos"

- Son as múltiples anécdotas que conta no libro a proba evidente da descoordinación ou da falta de medios e de previsión dos diferentes gobernos? Cal considera a máis divertida ou reveladora?

Posiblemente a de que no gabinete de crise, cando se debatía o destino do barco, non houbese cartas mariñas, e para prever a instalación de barreiras anticontaminación se marcasen cun rotulador nun mapa de estradas como o que levamos no coche. Alguén –que non era funcionario- tivo que ir a unha librería a mercar as cartas.

- Fala tamén dun "cambio de mentalidade, un trastorno social transitorio" na sociedade galega, que aproveitou "para demostrar que podemos ter dignidade". Segue vixente aquel cambio de mentalidade no pobo galego? Apagouse aquel espírito reivindicativo?

Creo que os experimentos científicos danse por válidos cando en condicións iguais os resultados son iguais. Teríanse que dar as mesmas circunstancias, ou similares, para ver se ese espírito segue vixente, pero o certo é que nas mobilizacións que se producen –nas folgas xerais, por exemplo- a participación en Galicia é porcentualmente, e moitas veces incluso en cifras absolutas, moi superior a outros sitios.

- Souberon os partidos políticos canalizar aquela resposta social vistos os inmediatos e posteriores resultados electorais?

Se xa non hai correlación estrita e directa entre boa ou mala xestión e resultados electorais, como estamos vendo, menos a hai entre mobilizacións e votos. As eleccións inmediatas eran municipais, nas que se escolle alcalde, non partido, e o PP en Galicia baixou catro puntos, mentres en España baixou décimas. Os resultados son malos ou bos dependendo das expectativas, e da imaxe que fixe a propaganda. “Ganamos en Muxía!" e toda unha serie de xente, entre eles moitos voluntarios, dixeron, e siguen dicindo: "y para eso fuimos a ayudar!”. Penso que o traballo político ten que ser menos inmediato e menos caníbal e que a solidariedade ten que ser máis desinteresada.

"Agardar unha tradución electoral inmediata do Prestige era moito agardar, pero as eleccións galegas gañounas unha coalición galeguista"

- Houbo quen viu naquelas masivas manifestacións de dignidade a posibilidade dun lóxico fortalecemento do nacionalismo ou galeguismo ante a xestión feita desde Madrid e ante a sumisión do PPdeG. Por que non se traduciu politicamente aquela reacción?

Os xornalistas temos un océano de coñecementos dun dedo de fondo.  Eu neste ámbito teño medio dedo de coñecementos. Supoño que agardar unha tradución electoral inmediata é moito agardar, sobre todo se o resto do discurso non acompaña. Aínda así, en certa forma hóuboa, deulle a maioría a unha coalición que consideraba de suma inequivocamente galeguista.

"No xornalismo actual non falta emoción; sobra crise e, sobre todo, falta xornalismo"

- Define aquel momento do Prestige como "emocionante" entre os xornalistas e a sociedade. Por que? A crise, os despedimentos, o cambio de modelo... Falta "emoción" no xornalismo actual?

Porque foi un momento en que a axenda a marcaban os medios, mesmo os xornalistas, non as institucións nin os gabinetes. Unha situación na que había unha demanda social de información, e unha interacción co público, sentías que o que contabas servía para algo. E a materia informativa era máis interesante desde todos os puntos de vista, desde o persoal, o social, o profesional e o creativo, que andar ás roldas de prensa. No xornalismo actual non falta emoción. Cada un pódelle poñer a que queira. Sobra crise e, sobre todo, falta xornalismo.

"Que xulguen un capitán por desobediencia e que estivese tres meses na cadea é miserable"

- Que opinión lle merece o xuízo que se está a desenvolver na Coruña? Que di do sistema xudicial ou da Administración que os que foron principais xestores daquela catástrofe non só non estean sentados non banco, senón que a maioría ostente cargos de maior responsabilidade aínda?

Que haxa un xuízo é bo, e aí acábase o positivo do asunto. Que xulguen un capitán por desobediencia (e que estivese case tres meses no cárcere!) cando un remolcador contratado por Salvamento estivo ese tempo negociando como se fose privado é miserable. E o do xefe de máquinas non digamos. E menos mal que Nunca Máis e a Audiencia da Coruña consideraron que tamén se debería de sentar con eles alguén da Administración, senón, aí estarían sos os dous gregos cabezas de turco, nunca peor dito. Eu non me meto en responsabilidades penais, pero nun país civilizado, calquera que tivese relación co Prestige, tería a carreira política igual de afundida. Con culpa ou sen ela, como o director xeral da BBC que vén de dimitir por dúas reportaxes que difundiron acusacións falsas contra unha persoa, e que el nin fixo nin revisou, por suposto. 

- Dez anos despois, estaría mellor preparada Galicia para xestionar unha catástrofe como aquela? Sería semellante a reacción da Administración? E a da sociedade?

Non hai esa vergonza de que o único remolcador público estea en Xixón sen facer nada mentres onde fai falta estea contratado un privado facéndolle un favor a un amigo. Supoño que algo máis dos oito quilómetros de barreiras mariñas que daquela había e hai unhas medidas de UE algo máis estritas para o transporte de hidrocarburos. Pero se pasa algo parecido, non sei –é dicir, creo que non- se estaría claro quen tomaría a decisión de que facer co barco, quen adoptaría as medidas técnicas. Eu todos os simulacros de sinistro que vin están previstos e anunciados a así non vale. A sociedade penso que non tragaría xa con escusas tipo “estaba de dios”, “estas cousas pasan” ou como dixo Ana Botella “a culpa é do barco”. Aínda que coas trincheiras que se cavaron desde entón e se seguen afondando, imaxino que habería tertulianos e portadas de xornais que asegurarían que o chapapote é bo para a crianza do peixe, e excelente para a dermis do bañista, e sectores da sociedade que o crerían como dogma de fe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.