A prensa impresa comeza a escribir o seu epitafio

Dominio Público Praza Pública

Os xornalistas lánzanse á rúa e ás redes sociais para defender a súa profesión e os seus empregos. O hashtag #sinperiodismonohaydemocracia alaga Twitter e brilla nas chapas de moitos reporteiros. Con máis de 8.000 despedidos desde 2008, segundo as cifras da Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE), e innumerables peches de medios, a crise económica únese á longa deterioración da prensa, a máis castigada coa migración da audiencia e a publicidade ás pantallas: televisión, computadores, móbiles e tabletas.

O vaticinio da desaparición da prensa o ano 2046 feito antes da crise por Philip Meyer parece agora optimista e moitos auguran que moi poucos xornais en papel chegarán ao ano 2020

Os diarios agonizan. Xa ninguén se atreve a prognosticar canto tempo máis vivirán. O vaticinio da desaparición da prensa o ano 2046 feito antes da crise por Philip Meyer parece agora optimista e moitos auguran que moi poucos xornais en papel chegarán ao ano 2020.

Juan Luís Cebrián, fundador do País e presidente de Prisa, repite o epitafio dos diarios para xustificar o ERE no País e Pedro J. Ramírez, director do Mundo, encoméndase á esperanza do pago e as subscricións dixitais. Pero até agora Orbyt e Kiosko y Más, as dúas iniciativas de pago dixital en España, conseguen menos dun 10% dos ingresos por venda dos diarios a pesar dun enorme esforzo promocional.

A prensa é a máis castigada polo afundimento do mercado publicitario. Internet superou aos diarios como segundo mercado publicitario en España

Os diarios perden publicidade e venda de exemplares, pero non audiencia, en aumento na web, os móbiles e as tabletas. A súa crise é de negocio (os ingresos dixitais non compensan a perda dos do papel), de atención (tempo de lectura e de consumo), de credibilidade (como a política e outras institucións) e sobre todo de capacidade de innovar nun mercado completamente diferente ao da era Gutenberg. Un mercado onde só o 2,2% dos ingresos dos diarios de todo o mundo son dixitais, o 12,6% en España segundo os últimos datos dos editores.

A prensa é a máis castigada polo afundimento do mercado publicitario. Internet superou aos diarios como segundo mercado publicitario en España, moi por detrás da televisión, e o próximo ano farao en todo o mundo.

Calcúlase que os xornais só poden converter un 5% da súa audiencia dixital en subscritores

Desde o inicio da crise os diarios españois perderon a metade dos seus ingresos, como na maioría dos países de Europa e Norteamérica. As previsións indican que seguirán perdendo ingresos publicitarios e que o pago por contidos dixitais non é a solución. Para a maioría dos diarios calcúlase que só poden converter un 5% da súa audiencia dixital en subscritores, moi lonxe das cifras de medios como Financial Times ou The New York Times que xa contaban cunha ampla base de subscritores de papel.

“As empresas xornalísticas controlaban a cobertura, edición, distribución e venda dos produtos informativos. Hoxe, o xornalismo é un proceso desintegrado e aberto”

Os diarios españois, como os de case todo o mundo, ven como as noticias consómense nos móbiles e nas redes sociais, as preferidas dos máis novos. A publicidade gráfica dixital se estanca ou diminúe, atraída polas aplicacións móbiles, o vídeo, as redes sociais e os buscadores.

Dous recentes estudos das prestixiosas universidades norteamericanas Columbia Journalism School e Harvard escribiron a lápida para o enterro do negocio da prensa. Gurús dixitais como Clay Shirky e Emily Bell decretan que “non haberá nunca máis industria como a da prensa” no seu xornalismo posindustrial. Clay Christensen, teórico da innovación disruptiva, resume os males do negocio da prensa: “As empresas xornalísticas controlaban a cobertura, edición, distribución e venda dos produtos informativos. Hoxe, o xornalismo é un proceso desintegrado e aberto” en mans da audiencia, os buscadores, as redes sociais e as novas plataformas de distribución como as aplicacións.

Fin da esperanza de acomodar o negocio dos medios e hora de reinventarse reducindo redaccións, abrindo á audiencia o proceso e o produto informativo, especializándose e segmentando audiencia e mercado. Pero sobre todo, indo “máis aló dos seus modelos de negocio tradicionais para buscar novas formas de atopar valor” e beneficios, en palabras de Christensen.

Subsidiar a información con negocios dixitais é a clave do negocio para o xornalismo posindustrial de Shirky e Bell

Nada de cobrar por enlazar as noticias, como pretenden os editores en España, Alemaña ou Francia, e máis crear novas fontes de ingresos dixitais. É a estratexia de empresas como a norueguesa Schibsted ou a alemá Axel Springer con clasificados, móbil e outros produtos. Subsidiar a información con negocios dixitais é a clave do negocio para o xornalismo posindustrial de Shirky e Bell.

Os diarios xa non se poden manter só co pago por difusión (papel ou dixital) e a publicidade tradicional. O mercado é multipantalla, con espazo infinito para unha publicidade que se subasta en tempo real, adaptada ao perfil de público elixido polo anunciante, sen reparar en soportes, marcas nin contidos excepto para a chamada publicidade premium: a que aínda valora asociarse coa relevancia dunha cabeceira xornalística.

Os novos medios son rápidos, pequenos, baratos, segmentados e perseguen un público que xa non vai buscar as noticias

Os novos medios son rápidos, pequenos, baratos, segmentados e perseguen un público que xa non vai buscar as noticias. “Se son importantes, as noticias atoparanme a min”, din os usuarios pegados ás redes sociais máis de tres horas diarias. A información cada vez búscase menos e recoméndase e compártese máis. A información vai en busca da audiencia na era posindustrial: o usuario manda, non os medios nin os xornalistas.

Os xornalistas reivindican o papel democrático do xornalismo nun manifesto en defensa da profesión. Falta saber que medios asegurarán un novo xornalismo independente, crítico, aberto aos lectores e sustentable. Algunhas vellas cabeceiras sobrevivirán, pero ninguén dá xa un céntimo polo cheiro da tinta e o ruído das páxinas só é un recordo nas pantallas táctiles.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.