O ex capitán marítimo da Coruña di que faría o mesmo co Prestige que hai dez anos

Mangouras declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

Continúan as diferenzas en canto á xestión que se fixo da catástrofe do Prestige. Aínda que son maioría os implicados que, até o de agora, censuran as decisións do Goberno e especialmente a decisión de afastar o buque a alta mar, o xuízo que continúa na Coruña segue a diferenciar entre aqueles cargos máis vinculados ao Goberno e os que exercían de maneira máis independentes. Desta vez, o ex capitán marítimo da Coruña, Ángel del Real, manifestou que "sen dúbida" adoptaría as mesmas medidas que se tomaron hai dez anos e reiterou que afastalo era "menos perigoso" que levalo a un porto refuxio polo "risco inminente" de afundimento.

"Non sabiamos se ía durar catro horas a flote ou seis días", dixo Ángel del Real

Del Real coincide así con López Sors. "Non sabiamos se ía durar catro horas a flote ou seis días", asegurou o ex capitán marítimo da Coruña e actual presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol na segunda sesión da súa declaración como testemuña. Así, rexeitou que o afastamento agravase os danos do buque e recalcou que o mesmo día do sinistro, o 13 de novembro, presentaba "danos estruturais graves" e unha "sobrecarga".

Desta sobrecarga, responsabilizou ao capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, por encher os tanques de lastre con auga, para corrixir a escora tras a avaría inicial. Así, expuxo como outras alternativas o transvasamento de carga a outro tanque ou "verter fuel ao mar", en alusión aos plans dos que dispoñen os petroleiros.

Ademais, e respecto á celebre frase de Mariano Rajoy na que aseguraba que o fuel se "solidificaría", Ángel del Real recoñece que lla trasladou aos seus superiores porque foi o que oíu nunha das xuntanzas do gabinete de crise durante a catástrofe, pero asume que en realidade o que se quería dicir era que "se faría máis denso e tardaría máis en saír do barco en caso de fugas".

Marea negra do Prestige © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.