A Xunta fai público o aval ambiental á mina de Corcoesto, que vai camiño dos tribunais

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

Agochado, moi agochado, na súa páxina web, a Consellería de Medio Ambiente publicou este luns o ditame da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da explotación mineira impulsada pola empresa canadense Edgewater a través da marca Grupo Mineiro Corcoesto en Cabana de Bergantiños. Tal e como xa adiantara o pasado venres, o Goberno considera "ambientalmente viable" un proxecto a ceo aberto que, tal e como recoñece o documento, producirá máis de 17 millóns de toneladas de residuos durante a súa vida útil.

A mina producirá 17 millóns de toneladas de residuos durante a súa vida útil

Confirmado o visto e prace do Executivo ao proxecto, duramente criticado por veciños, entidades sociais e colectivos ecoloxistas, a plataforma contraria á mina considera -á espera dunha análise máis polo miúdo- "unha trapallada e un despropósito" un informe que "semella feito pola propia empresa" e que é "incoherente". Así, anuncian xa que meditan levar aos tribunais un proxecto que, como denuncian, suporá "unha bomba" para o futuro económico, social, paisaxístico e medioambiental da zona.

A plataforma contraria á mina cre "unha trapallada e un despropósito" a DIA

Así "entre as medidas que garanten a viabilidade ambiental" Medio Ambiente xa citara nunha nota de prensa "as dirixidas a garantir a integridade do espazo natural protexido río Allóns" e a "salvagardar os seus valores naturais". "Para isto", afirma, abondará con que a extracción de ouro se produza "a unha distancia de 140 metros do espazo protexido", algo que a veciñanza considera "ridículo".

O ditame da DIA non é máis que unha lexitimación do proxecto no que se enumeran as medidas que ten previsto tomar Edgewater para evitar os evidentes efectos nocivos que provoca esta mina de 774 hectáreas a ceo aberto, 20 millóns de metros cúbicos de estériles de mina e 100.000 toneladas anuais de estériles de mina tratados con cianuro-sosa cáustica-ácido clorhídrico, tal e como denuncian os colectivos ecoloxistas.

Precisamente, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) xa advertiu que un artigo de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e a Universidade de Vigo sobre os niveis de arsénico na conca do río Anllóns demostran que a antiga mina de ouro desta zona de Bergantiños duplicou xa a cantidade de arsénico presente ao atravesar a zona de Corcoesto ata chegar á metade do límite aceptable en augas para consumo humano. Así, advírtese do risco dun proxecto moito máis grande, máis perigoso e máis destrutivo.

A empresa asegura no informe que "o contido de arsénico do vertido é inferior aos valores dalgúns mananciais da zona"

No entanto, e en canto ao nivel de arsénico, a DIA indica que a empresa canadense asegura que "o contido en arsénico do vertido calculado (0,077 mg/l) presenta un contido claramente inferior aos valores dalgúns dos mananciais da zona (ata 0.191 mg/l) e moi inferior ao valor das augas subterráneas profundas (0.593mg/l) ademais de ser do mesmo orde de magnitude que o criterio de calidade para canles".

Edgewater recoñece que o cianuro é "un dos principais contaminantes" pero asegura que as directivas comunitarias avalan o seu uso

Ademais, e respecto das alegacións que advertían de que o cianuro empregado nestas explotacións non é recomendado pola UE, que incluso pensa vetalo, Edgewater tamén ten resposta. "Se ben é certo que no Anexo VIII da Directiva Marco sobre política de augas(directiva 200/60/CE) o cianuro está considerado como un dos principais contaminantes tamén o están outras substancias de emprego común (biocidas,
fitosanitarios etc)", asegura para, a continuación, manifestar que "na proposta da comisión europea de 31/1/2012 para modificar as Directivas 2000/60/CE (Directiva Marco) e 2008/105/CE (normas de calidade ambiental) séguese sen considerar ao cianuro como substancia prioritaria" para  a súa prohibición.

En canto á posible afectación dos ríos, a DIA asegura que "o promotor indica que (...) se demostra que non se deteriora a calidade das augas do río Anllóns, e non habendo afección ó río non haberá afección as augas mariñas". Ademais, aclara tamén que "con relación ao réxime hídrico subterráneo; o proxecto só afectará a un 23% do total dos recursos subterráneos das cuncas onde se implanta, pero o bombeo e devolución o medio dos caudais implica que non se afectará ó réxime hídrico do Anllóns".

A compañía nega que os traballos afecten as augas do río Anllóns, malia que un estudo científico indica o contrario

Do mesmo xeito, e tal e como adiantara a Xunta, a empresa prevé extraer "1.095.000 onzas de ouro" a través da denominada "minaría de transferencia", nuns traballos que producirán ocos no terreo pero que, asegura, serán enchidos "con estériles prodecentes das cortas en explotación", polo que "o enchido dos ocos e da entulleira dará lugar a dúas elevacións integradas coa paisaxe". Ademais, defende, "unha vez rematada a extracción do mineral e o proceso de transferencia de estériles quedará un oco final obxecto de restauración a modo de lagoa, xerando unha lámina de auga libre dunhas dezaoito hectáreas".

Ao fin e ao cabo, para a Xunta a creación do emprego é un argumento máis que válido para xustificar a súa aceptación. A mina "atópase en tramitación para ser declarado proxecto industrial estratéxico" por parte da Consellería de Economía e Industra "pola súa capacidade dinamizadora da economía" e dará lugar "á creación de 270 postos de traballo directos cunh estimación de máis de 1.000 indirectos" na comarca.

Área de afectación do proxecto mineiro indicado na DIA Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.