Pídenlle ao Goberno que atenda a sentenza do TC que avala a atención sanitaria universal

Lectura do manifesto na Coruña © Foro Galego de Inmigración

O 18 de decembro é o Día Mundial das Migracións, unha data á que o Tribunal Constitucional lle outorgou maior trascendencia coa súa decisión, feita pública este luns, de permitir que en Euskadi as persoas migrantes sen papeis poidan ter acceso de balde á atención sanitaria. O Goberno vasco aprobara hai meses un decreto que así o aseguraba, pasando por riba da decisión do Goberno central que limitaba este dereito. O TC avalou a decisión do executivo de Patxi López baseándose en que limitar o acceso á sanidade para determinados colectivos pode afectar non só á súa saúde, senón á de toda a sociedade. Porén, o Ministerio de Sanidade xa asegurou que a decisión non mudará a situación do resto do Estado e que as persoas migrantes sen papeis residentes en Euskadi nin sequera poderán usar a súa tarxeta sanitaria fora do País Vasco.

O Ministerio de Sanidade xa asegurou que a decisión non mudará a situación do resto do Estado e que as persoas migrantes sen papeis residentes en Euskadi nin sequera poderán usar a súa tarxeta sanitaria fora do País Vasco

O Foro Galego de Inmigración organizou actos na Coruña, Compostela e Ferrol 18 de decembro para demandar os dereitos básicos das persoas migrantes e protestar conta o "acoso policial" que -aseguran- sofren. A cuestión do dereito á saúde tornou máis importante se cadra por mor da decisión do tribunal. Neste senso Rubén Sánchez, un dos seus voceiros, declarou que “o goberno debería adecuar a normativa á sentenza do TC aínda que de refira ao Pais Vasco. O que está claro é que o TC dixo que se ten que atender gratuitamente as persoas migrantes”. E concluíu que “deberiamos tratar os inmigrantes como queremos que traten os nosos emigrantes agora que os nosos fillos están marchando fóra”.

O Foro tamén denunciou a problemática das mulleres empregadas de fogar, que nos últimos tempos viviron "un fortísimo retroceso dos seus dereitos laborais"

O Foro Galego de Inmigración denuncia que “dende que se aprobou a directiva europea que chamamos directiva da vergonza non hai lexislación que non sexa xenófoba, porque é unha norma feita para negar unha realidade. As persoas migrantes son seres humanos, pero como a directiva lles nega o seu dereito a estar aquí, pois xa que están negámoslle a súa dignidade humana”. O Foro tamén denunciou a problemática das mulleres empregadas de fogar, que nos últimos tempos viviron "un fortísimo retroceso dos seus dereitos laborais".

“Parécenos un derroche que a policía gaste os seus recursos en perseguir unha falta administrativa. A min preocúpame que alguén me roube na rúa pero non me preocupa cruzarme cunha persoa sen documentación”

Nestes actos tamén se denunciou "a política de persecución policial dirixida cara ao colectivo de persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa, especialmente en Compostela e en Ferrol". O Foro explica que na primeira parte do ano era na Coruña onde estas situacións se producian con máis frecuencia e que agora en cambio é nas outras dúas urbes onde se dá: “Parécenos un derroche que a policía gaste os seus recursos en perseguir unha falta administrativa. A min preocúpame que alguén me roube na rúa pero non me preocupa cruzarme cunha persoa sen documentación”, comenta Rubén Sánchez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.