Tripulantes do Prestige denunciaron danos no buque catro días antes do sinistro

O Prestige, partido e a piques de afundir © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Novas e sorprendentes revelacións no xuízo do Prestige. O comandante dun dos helicópteros que participou nos labores de rescate da tripulación do petroleiro asegurou este martes que tripulantes filipinos lle confirmaron, tras o sinistro, que o buque tiña unha vía de auga desde "había uns catro días" e que xa llo comentaran ao capitán.

"Estaban enfadados co capitán, dicían que tiña que tomar medidas"

"Estaban enfadados co capitán, dicían que tiña que tomar medidas", explicou Francisco Muñoz Corrales, comandante que participou no rescate de 17 tripulantes o día do accidente, o 13 de novembro de 2002. Sobre a vertedura, membros do operativo de remolque e rescate coincidiron en que había unha mancha de fuel "grande", que o comandante da Pesca 2, Francisco Guerrero, cualificou de "densa", cunha extensión dun "cinco millas" e unha anchura "de 300 metros".

En canto á traxectoria da mancha, -cuxo seguimento ratificaron que era visual- o capitán do Sertosa, Jesús Calvo, sinalou que "tarde ou cedo" consideraban que a mancha iría a terra.

En canto ao estado do barco, o comandante do helicóptero que rescatou á tripulación filipina confirmou, do mesmo xeito que outro piloto, que viu "unha greta ou burato", pero xustificouque non trasladase este dato ao Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra. "Dedicámonos á xente, non á mancha", aclarou. En canto ás condicións meteorolóxicas, explicou, en coincidencia con outros testemuños, que había "unha situación dura, con mar grosa" durante as operacións de rescate, aínda que cualificou dentro "do normal" o risco existente.

O capitán do remolcador 'Charuca Silveira' pensou que o barco "podía partirse" ante as "adversas" condicións meteorolóxicas

No xuízo, que se centrou tanto no tempo existente os días do operativo como no estado da vertedura e a súa posible dirección, declarou tamén Ángel Rielo, o entón capitán do remolcador Charuca Silveira, que participou nos labores de remolque desde o día 14 ata que se afundiu o barco, o día 19. Este capitán manifestou que pensou que o barco "podía partirse" debido ás condicións meteorolóxicas "adversas", que o daquela comandante do helicóptero Pesca 1, Carlos Risco, chegou a cualificar de "duras" e "horribles".

O capitán do Sertosa e do Alonso de Chaves afirmaron, pola súa banda, a preguntas dun letrado, que, cada día que pasaba, o risco de que o buque se partise era "maior".

Un momento do xuízo, desde a sala de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.