O BNG presenta unha moción en Bueu contra o uso de balas de goma

Antidisturbios en Madrid CC-BY-SA Juanlu Sánchez

O BNG vai presentar unha moción no pleno municipal Bueu para denunciar o uso de balas de goma. O Concello, no que o Bloque conta con maioría absoluta, adherirase deste xeito á campaña Stop balas de goma. A moción tamén insta a Xunta "a que demande do Goberno do Estado que proceda á prohibición do uso de balas de goma, tal e como sucede en outros países europeos".

O BNG denuncia que dende 1990 máis de 25 persoas perderon un ollo en toda España a causa deste tipo de proxectís

A formación salienta que algunhas forzas e corpos de seguridade do Estado "son das poucas policías que utilizan balas de goma en manifestacións e eventos públicos" e denuncia que dende 1990 máis de 25 persoas perderon un ollo en toda España a causa deste tipo de proxectís. A moción explica que estes proxectís, que poden acadar unha velocidade de 720 quilómetros por hora, son capaces de causar danos permanentes nos órganos vitais e son dificilmente controlables, xa que ao ser disparadas defórmanse e non seguen unha traxectoria predefinida e prefixada.

Recentemente nas diferentes manifestacións da folga xeral do 29M dous rapaces máis perderon a vista dun ollo e outros foron perdidos de gravidade, sendo intervidos no bazo ou por fracturas nas costelas. E nas manifestacións da folga xeral do 14N en Barcelona unha persoa perdeu un ollo por recibir un impacto dunha bala de goma e unha segunda perdeu parcialmente a visión.

Nas manifestacións da folga xeral do 14N en Barcelona unha persoa perdeu un ollo por recibir un impacto dunha bala de goma e unha segunda perdeu parcialmente a visión

O Parlamento Europeo, tras uns feitos ocorridos en Irlanda do Norte no 1982 (12 persoas morreron polo impacto destes proxectís, deles sete eran nenos menores de 15 anos) instou os países membros á prohibición do uso deste tipo de armas contra a poboación civil. Pronunciouse no mesmo sentido en 1984 e 1997.

Antidisturbios en Madrid CC-BY-SA Juanlu Sánchez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.