9 mil desaloxos despois, Galicia manifestarase contra os desafiuzamentos

Cartaz da marcha de Lugo Dominio Público Stop Desafiuzamentos

En Galicia prodúcense 17 desafiuzamentos cada día, 120 á semana. Todo, mentres no país hai preto de 38.000 vivendas baleiras sen estrear, tal e como se tira dos datos que facilita o Goberno central. En total, máis de 9.000 desafiuzamentos dende 2007 en Galicia, que podería superar os 10.000 ao final de ano, xa que agora o CGPJ tamén contabiliza os datos dos xulgados de primeira instancia e, polo tanto, daquelas pequenas localidades sen servizos comúns de notificación. 

En Galicia prodúcense 17 desafiuzamentos cada día, 120 á semana. Todo, mentres no país hai preto de 38.000 vivendas baleiras sen estrear

No conxunto de Estado, e tan só no que vai de 2012, as autoridades xudiciais procederon ao embargo de máis de 500 inmobles ao día até xuño, que fai un total de case 95.000 desafiuzamentos. Desde 2008, a cifra supera os 260.000 expedientes. Un drama de dimensións masivas e silencioso moitas veces, un silencio roto de forma violenta polos varios casos de suicidios de persoas que viñan de perder a súa vivenda. E un silencio que tamén rompeu o traballo dos colectivos e plataformas que loitan contra os desafiuzamentos encargados polas entidades bancarias.

As marchas, baixo o lema desafiuzar = asasinar, percorrerán as rúas de Compostela, Lugo e Ferrol, á espera de que se concrete algunha nova convocatoria noutras cidades

Tres marchas, baixo o lema desafiuzar = asasinar, percorrerán as rúas de Compostela, Lugo e Ferrol este sábado, á espera de que se concrete algunha nova convocatoria noutras cidades. Nas tres marchas lerase un manifesto que inclúe as reivindicacións que dende hai meses veñen repetindo estes colectivos: comezando pola paralización das execucións e a posta en marcha da dación en pago con efecto retroactivo acompañada da opción de aluguer social e a creación dun parque público de alugueiro social das vivendas usurpadas pola banca. Tamén se demandarán "responsabilidades xudiciais e políticas" aos responsables desta situación.

Finalmente, pídese que que as administracións se fagan cargo da defensa e asesoramento legal das familias que son vítimas dunha auténtica persecución bancaria, creando puntos de atención comarcal ou municipal financiados polos orzamentos públicos en colaboración cos colexios de avogados. E lémbrase que "o dereito á vivenda debe estar á marxe do mercado".

O manifesto salienta que "os culpábeis desta situación non son entes abstractos"

O manifesto salienta que "os culpábeis desta situación non son entes abstractos. Non son primas de risco, nin subidas ou baixadas do Euribor. Os culpábeis son os executeores das políticas neoliberais e os banqueiros que durante décadas só se preocuparon de encher o peto, sen pensar nin un intre no tipo de crecemento económico que estaban a xerar. Esta burbulla inmobiliaria estoupou pero non nos mollou a todos por igual. Mulleres, migrantes, menores, obreiros e obreiras, somos os que estamos a pagar os atropelos dos Aznar, Botíns, BBVs, Zapateros e Rajoys".

 

Convocatorias:

Santiago de Compostela. 20 horas. Praza Roxa

Lugo. 20 horas. Praza Maior

Ferrol. 19 horas. Praza Amada Garcia.

 

Presentación da marcha a cargo de Stop Desafiuzamentos Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.