0 Gardados para despois

A plataforma contra a suba das peaxes desconfía do desconto anunciado para o treito Vigo-Pontevedra

Redacción | @prazapublica

A ministra de Fomento, Ana Pastor, tramitará con responsables de AUDASA un convenio para introducir a rebaixa da peaxe entre Pontevedra e Vigo a través dunha bonificación. Descoñécese aínda a contía exacta desta rebaixa, pero a Plataforma contra a suba das peaxes xa se anticipou a advertir que esta rebaixa "o acabaremos aboando o resto dos galegos, ben vía impostos, ben vía subas noutros tramos". Lembra que a gratuidade do Fene-Ferrol levou aparellada a extensión da concesión da AP9 até o ano 2048.

Ademais, esixe que esta rebaixa se estenda a outros treitos e a outros grupos de condutores, pois afirman que esta bonificacións só se aplicará a vehiculos lixeiros e non a transportistas. Reclama en concreto que o desconto se aplique tamén aos milleiros de vehículos que circulan a diario entre Ferrol e A Coruña, "pois, se se trata de favorecer as cidades máis castigadas pola crise, en Ferrol temos quizáis o exemplo máis cru de toda Galicia, un núcleo urbano xa desmantelado e, con esta última crise, a piques de desaparecer do mapa económico da nosa comunidade".

Finalmente, denuncia que a Xunta e o Goberno central financien unha empresa que "está tendo beneficios" cando son moitas as empresas que cada día acumulan perdas, e mesmo quebran, tendo que botar á rúa os seus traballadores, e que non reciben axudas públicas.

 

Mobilización o 28 de decembro

A Plataforma convoca unha nova xornada de boicot á AP9 o 28 de decembro, na que pide que se utilicen vías alternativas

A Plataforma convoca unha nova xornada de boicot á AP9 o 28 de decembro, na que pide que se utilicen vías alternativas. Ademais, convócase a todos os usuarios e usuarias a levar no seu coche un monigote propio do Día dos Inocentes en protesta pola "inocentada" dos "prezos abusivos". E repiten que continuarán con estas e outras protestas até que os prezos se rebaixen ou que cando menos se apliquen en Galicia os mesmos descontos que as empresas concesionarias das autoestradas ofrecen noutras comunidades autónomas para os usuarios frecuentes. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.