A 'Coruñavidad' de Carlos Negreira "ridiculiza" a cidade, di A Mesa

Un dos carteis, nunha rúa da Coruña CC-BY-SA A Mesa

"Yo soy de merlucita del pincho Yo de capón de Villalba,". Este lema, de peculiar redacción e cuestionable respecto pola toponimia estendeuse hai poucos días polas redes sociais de internet. En ton de brincadeira os usuarios e usuarias lamentaban a escasa fortuna da lenda, incluída nun dos carteis cos que o Concello da Coruña promociona a súa campaña de Nadal. Baixo o non menos curioso nome de Coruñavidad o goberno local que preside Carlos Negreira (PP) inzou a cidade de carteis e bandeirolas con lemas coma este, configurando unha paisaxe que para o grupo local d'A Mesa pola Normalización Lingüística é "propia do esperpento" e "ridiculiza" a cidade, e non só pola "clamorosa irrelevancia da lingua galega" nesta acción propagandístico.

"Un único letreito luminoso coa frase 'Bo Nadal' e un único modelo de bandeirolas publicitarias penduradas dos farois" son "toda a presenza visual que ten a lingua propia na campaña", na que a proporción a respecto do castelán é "de seis a un". Esa proporción aínda se reduce máis na "sinaléctica do poboado lapón da Praza de María Pita" ou do "xornal gratuíto" que o Concello "está a distribuír masivamente nas rúas". Neste caso, di A Mesa, non está incluída "nin unha soa palabra en galego".

Pero a esta circunstancia únese outra que non é menor para o colectivo. En toda a campaña existe unha "presenza sistemática de nomes propios", tanto da cidade como de fóra, completamente "castelanizados como nos mellores tempos do franquismo". Só se salva o Mercado das Conchiñas, mencionado nun dos carteis. "Non se comprende que non se fale de Las Conchitas", ironizan dende A Mesa, que lamenta ademais a "importante repercusión" negativa que está a ter a campaña en ámbitos como as devanditas redes sociais, "onde xerou dende idignación a mofa e mesmo todo tipo de brincadeiras e réplicas cheas de retranca", con mencións ao viño "alvarito" ou ás tapas de "rajo".

A campaña "alimenta falsos mitos e tópicos sobre a suposta hostilidade da Coruña contra a lingua", di o colectivo

Neste contexto, o grupo local d'A Mesa "lamenta profundamente que os complexos, prexuízos e autoodio do alcalde e do seu equipo" sirvan "para alimentar falsos mitos e tópicos sobre unha suposta hostilidade da Coruña contra a lingua e a cultura galegas", que realmente, din, "nin existe nin nunca foi tal". Por este motivo as "actitudes e políticas" do consistorio "non contribúen precisamente a proxectar unha imaxe positiva da Coruña", cidade que A Mesa "aposta por que sexa aberta, universal e acolledora". Pero o Concello, di, "antepón o lapón e as sevillanas ao noso idioma e á nosa cultura".

Un dos carteis, nunha rúa da Coruña CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.