Xustiza para o catalán en Valencia e "indefensión" para o galego en Galicia

Manifestación a prol do ensino en valenciano © Escola Valenciana

O Tribunal Superior de Justícia de la Comunitat Valenciana (TSJV) ditou hai tan só uns días unha sentenza histórica. O ditame obriga a Conselleria d'Educació a implantar unha liña en catalán nun centro infantil concertado, tal e como solicitara a propia escola en 2009 e logo de estimar o recurso imposto polos pais e nais dos alumnos que anula a decisión do Goberno autonómico de 2010, cando denegara o programa de ensino en lingua catalá aos máis pequenos.

A sentenza obriga a Generalitat a implantar a educación en catalán ante a demanda dos pais e do centro

A orde do TSJV de implantar unha liña de catalán no centro Sant Cristòfol de Picassent foi cualificada polas entidades defensoras da lingua como "firme e inapelable", ademais de "histórica" ao "marcar  uns precedentes importantísimos", xa que recoñece a reclamación do Consello Escolar da escola, que aprobara o cambio de programa ao non haber suficiente oferta de ensino en valenciano para toda a demanda e malia os argumentos da Generalitat, que aseguraba que "o equilibrio no uso normal e ensino das dúas linguas oficiais se vería prexudicado" de implantarse a liña en catalán.

Esta sentenza semella que pode marcar un precedente para as outras linguas cooficiais do Estado, nomeadamente o galego, e que sofren unha clara discriminación no ensino, especialmente -e precisamente- na etapa Infantil. De feito, e segundo as enquisas que a propia Xunta levou a cabo no inicio do curso 2010-2011, por provincias, na Coruña o galego foi o idioma preferido para a educación polo 41%, en Lugo polo 42%, en Ourense polo 41% e en Pontevedra, polo 25%. Ademais, e segundo os datos dos inquéritos recollidos polo sindicato STEG, malia que un 40% das familias das cidades escolleran lingua galega, tan só o 12% das aulas a imparten.

A "indefesión xurídica" do galego impide que a sentenza abra a porta a garantir o ensino en lingua propia nas escolas do país

A Mesa pola Normalización Lingüística, no seu terceiro estudo a respecto da presenza do galego nas aulas de Infantil nas cidades, denunciaba o "varrido" da lingua propia de Galicia. No entanto, e malia ás preferencias das familias do alumnado, o galego está ausente por completo no 95% dos centros na actualidade.

A demanda, xa que logo, é incluso "maior que a que se dá na Comunitat Valenciana co catalán", tal e como aclara Carlos Callón, presidente d'A Mesa que, porén, non ten moita esperanza en que a devandita sentenza xudicial sirva en Galicia para que todos os milleiros de familias que optaron pola educación en galego poidan ter esperanzas de conseguila a través dos tribunais. "Lamentablemente, a indefensión xurídica é moito maior no noso país, porque o decreto do plurilingüismo nin tan sequera permite esas liñas na lingua propia que si se imparten en Valencia", explica.

A norma galega, amparándose no pretendido "equilibrio lingüístico", non permite as diferentes liñas educativas que si aplicaba a Generalitat Valencia pero que está a eliminar progresivamente para seguir o modelo galego. A sentenza do TSXG, precisamente, deixa claro que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais” e é por iso polo que anula o artigo 5.2 que atinxe á consulta ás familias que, no entanto, acabou por varrer de facto o galego na educación infantil nas cidades. Porque o pretendido bilingüismo non é tal, e moito menos nas idades máis temperás.

"En Valencia hai unha porcentaxe moitísimo  máis elevada de ensino en lingua propia en Infantil que en Galicia, malia que a demanda é moito menor que aquí", insiste Callón, que cre que a sentenza da Xustiza valenciana e a obriga á Generalitat si que ten "un importante valor simbólico", ao deixar claro que "non sé en Cataluña ou en Euskadi" se defende e promove o idioma propio, senón que "comunidades gobernadas polo PP como Valencia ou Baleares tamén teñen modelos que protexen máis que o galego a súa lingua propia".

Manifestación a prol do ensino en valenciano © Escola Valenciana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.