0 Gardados para despois

Galicia, no top da incineración

Rebeca Fernández


Galicia ten o dubidoso mérito de ser unha das comunidades máis incineradoras de Europa. Pese a ter unha media de xeración de residuos un 30% máis baixa que a do Estado -cada galego produce uns 442 quilos ao ano fronte aos 600 estatais-, o país queima o 42,5% dos seus refugallos. Tendo en conta que a media europea está no 20% e a española non chega ao 10% do total de residuos xerados, Galicia é líder neste modelo de tratamento de residuos, só por detrás de Dinamarca, que envía a incinerar a metade dos 800 quilos de lixo que cada cidadán xera ao ano. Lonxe de reverter a situación, o Plan de Residuos 2010-2020, aprobado pola Xunta de Galicia hai un ano, seguirá incrementando a dependencia que temos da incineración coa posta en marcha dunha segunda planta no concello ourensán do Irixo.

A nova incineradora –cuxa entrada en funcionamento está prevista para o período 2014-2017- eríxese no piar sobre o que se asente o novo modelo de xestión do lixo, actualmente colapsado pola saturación das plantas de tratamento e o depósito da metade dos refugallos no vertedoiro da Areosa (Cerceda). A decisión implica darlle continuidade a un modelo de centralización de residuos que ofrece resultados negativos: o Complexo Medioambiental de Cerceda –que arrincou en probas en xaneiro de 2000 para funcionar a pleno rendemento dende abril de 2002-, atópase ao bordo do colapso, incapaz de tratar o 60% do preto do millón de toneladas de lixo que recibe e cunha débeda municipal superior aos 15 millóns de euros.

Concibida para tratar un máximo de 550.000 toneladas de residuos ao ano, Sogama debe asumir hoxe en día as 900.000 toneladas que recibe dos 290 concellos adscritos a este modelo. Máis da metade vai parar ao vertedoiro, actualmente en obras para aumentar oito anos a súa capacidade de almacenamento.

O propio presidente do complexo, Luís Lamas, recoñece que só existen dúas opción para desconxestionala: ampliar as instalacións ou construír outra das mesmas características. Esta última opción foi a elixida pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: “A valorización destinada á produción de enerxía eléctrica é unha alternativa realista, viable e necesaria fronte á eliminación dos residuos en vertedoiro”, esgrimen dende o departamento dirixido por Agustín Hernández, que rexeita a “demonización” que certos sectores fan deste sistema. Ademais da creación de postos de traballo, Medio Ambiente asegura que este sistema permite xerar enerxía limpa e apunta que as novas incineradoras incorporan os últimos avances técnicos para minimizar os impactos sobre a saúde pública e o medio natural.

“Non estamos ante un modelo inocuo”. Esta é a posición do movemento ecoloxista galego e estatal que non dubida en acusar ao Goberno galego de seguir apostando por un modelo caduco e contrario á directiva europea, que sitúa a queima de residuos como opción final, só prioritaria sobre a vertedura. “A incineración é un sistema de xestión que endebeda os concellos, destrúe emprego e contamina”, afirma Julio Barea, responsable de contaminación de Greenpeace, organización que na súa Análise socioeconómica da incineración de residuos municipais chega a unha conclusión rotunda: queimar resulta ata tres veces máis caro que a aposta pola reutilización e a reciclaxe. O informe, no que se analiza o “custo real” das plantas, rebela que as alternativas á incineración xeran 39 veces máis postos de traballo e rebaixan nun 20-30% a taxa do lixo e o gasto municipal por recollido. Ademais, cifra en 115 millóns os danos ambientais, que aumentan nun 70% o impacto da actividade.

O “negocio” da incineración
A aposta galega pola incineración non será, non obstante, un caso illado. O seu predominio manterase nas próximas décadas a nivel estatal: ás 10 plantas que existen nestes momentos sumaranse antes de 2015 un total de 18, entre elas a do Irixo. Por iso, Greenpeace defende que o único motivo que existe para primar a incineración por riba de calquera outro modelo é o lucro que se logra a través desta actividade. ¿Como? A través das achegas económicas que recibe en concepto de réxime eléctrico especial. Grazas a este sistema, as incineradoras recibiron 19 euros por cada tonelada queimada, embolsándose o conxunto das plantas estatais uns 37,8 millóns en 2009, dos que Sogama obtivo o 34%. “Mentres que a cantidade de enerxía vendida aumentou nun 53% durante o período 2003-2009, a retribución total recibida fíxoo nun 109%. Isto significa que a protección brindada polas administración non sería viable economicamente se non existisen primas e axudas ao sector”, apunta Barea.

A construcción da planta do Irixo correrá a cargo, ademáis, de Estela Eólica, a terceira grande beneficiada polo Concurso Eólico promovido pola Xunta, o que xera suspicacias entre cidadáns e ecoloxistas.

Fomentar a redución, a reutilización e a reciclaxe e apostar por unha valorización dos residuos sólidos urbanos a través dunha rede descentralizada de plantas de compostaxe –prioridades da Directiva marco 2008/98/CE- é o modelo defendido historicamente polos ecoloxistas. Algo que, para a Xunta, non entra en contradición cos obxectivos marcados no Plan de Residuos. Tal e como establece o texto, a incineradora virá acompañada de oito novas plantas de compostaxe, que se sumarán ás tres xa existentes –Lousame, Nostián e O Morrazo-, que Medio Ambiente prevé mellorar e potenciar. Actuación que virá acompañada dun novo obxectivo: incrementar a reutilización e reciclaxe, pasando do 10 ao 30 na porcentaxe de valorización dos residuos. A posta en marcha de todas estas infraestruturas, xunto coas campañas de concienciación para promover a redución e a reutilización, só logrará, non obstante, rebaixar á metade as toneladas de refugallos que vaian para ao vertedoiro. “Pasará do 53% actual ao 24%”, confirmou o conselleiro Hernández. “É unha baixada de brazos por parte da Administración, que recoñece a inoperancia do modelo Sogama”, esgrime Fins Eirexas, voceiro executivo de Adega, quen advirte de que a compostaxe xa logra nestes momentos porcentaxes semellantes ás que a Xunta prevé lograr coa incineración.

A Xunta, non obstante, celebra a posta en marcha dun “modelo de convivencia” entre a incineración e a compostaxe, que se está seguir nos países máis avanzados de Europa como Austria ou Alemaña. Unha percepción non compartida polo ecoloxismo, que cre que o sistema duplo de Galicia é unha fraude: “Austria conta con 9 incineradoras e 400 plantas de compostaxe, que son as que asumen o gordo da xestión do lixo”, advirte Eirexas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A opción cidadá: compostaxe e recollida selectiva

Xusto no lado oposto da política de residuos do Goberno galego, cidadáns, concellos e ecoloxistas apostan pola reciclaxe dos refugallos. Preto de cen vilas decidiron acollerse aos programas de compostaxe caseira –promovidos inicialmente dende Adega e Amigos da Terra e aos que se sumou posteriormente a propia Sogama e a consellería de Medio Ambiente-, convertendo os residuos sólidos urbanos en compost de alta calidade que, ademais de evitar a contaminación ou depósito do lixo en vertedoiro, axudan a aumentar a fertilidade da terra e obter alimentos sans e nutritivos.

Xunto coa compostaxe, a redución e reutilización, a cidadanía debe implicarse na recuperación daqueles materiais que non teñen por que acabar reducidos en cinzas ou acumulados nun vertedoiro. A clave deste proceso está na correcta separación dos refugallos e o seu depósito no seu colector correspondente. Pese aos avances, o anonimato que rodea ao acto de depositar o lixo no colector é o principal obstáculo para conseguilo.

Para paliar este déficit de implicación cidadá, cada vez son máis os concellos que, apoiados en grupos ecoloxistas, aposta polo sistema de recollida porta a porta. Con este sistema, os cidadáns separan as distintas fraccións dos residuos en orixe que son recollidos polos servizos municipais na porta da propia vivenda seguindo un calendario prestablecido. A pesar da sinxeleza do sistema, as vantaxes son múltiples: os residuos chegan mellor separados á planta de tratamento, o índice de recuperación das diferentes fraccións é moi superior ao igual que a súa calidade, redúcese o volumen de lixo que non pode ser tratado e a implicación da xente chega ao seu máximo nivel.

Cuestión de eficiencia, non de rendibilidade

Enfrontamentos á marxe, o argumento que debería determinar a aposta por un ou outro modelo debería ser a súa eficiencia. A xestión e tratamento do lixo non é rendible. O colapso e a débeda municipal que soporta Sogama e a difícil situación que viven as plantas de compostaxe de Nostián (A Coruña) –afectada por importantes deficiencias de funcionamento derivadas da técnica escollida para o tratamento de refugallos e dunha mala recollida selectiva- e Servia (Lousame) –afectada por unha débeda que ascende a 8,5 millóns de euros e unha caída de ingresos derivados das empresas recuperadoras do lixo- demóstranno. “Economicamente falando, ninguna das dúas opción é viable. Pero o tratamento do lixo é un servizo cidadán, non un negocio”, apunta Celestino Quintela, secretario da Federación Ecoloxista Galega (FEG), que ve a eficiencia como a principal diferenza entrambos os dous modelos.

“Os resultados da compostaxe son indiscutibles, cunha eficacia de recuperación de residuos catro veces maior que o complexo de Cerceda”. Así o rebela o informe A recollida selectiva en Galicia, elaborado pola asociación ecoloxista Adega, tomando como referencia o Documento de Inicio do Plan de Xestión dos RSU de Galicia 2010-2020 da Xunta e que constata que no 2008, as plantas de Nostián e Lousame reciclaron o 32% dos residuos sólidos urbanos dos 472.000 habitantes adscritos a este modelo. Fronte a esta porcentaxe, os 2.300.000 galegos pertecentes a Sogama só reciclaron o 8% do total dos residuos. E as dúas opción de compostaxe coas que conta Galicia, a do Barbanza eríxese na máis eficiente do Estado, triplicando a cifra media de recuperación de residuos por habitante.