David Reboredo escríbelle a Willy Uribe dende a cadea

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

O pasado 27 de decembro o vigués David Rebordo mandoulle a Willy Uribe unha carta de agradecemento dende o cárcere da Lamaun texto que este martes publica El Periódico de Catalunya. Pedíalle que abandonase a folga de fame -daquela o escritor vasco aínda mantiña unha protesta que finalizou o 1 de xaneiro- e dille que "imos obrigalos a que teñan que desmontar a inxustiza que cometeron, neste caso comigo, pero outras tantas veces con persoas na miña mesma situación". Foi nesas datas cando o Tribunal Supremo aceptaba a redución da condena de Reboredo -até os 2 anos- pero a Reboredo ségueselle denegando o indulto.

 

Amigo Willy:

Eu tamén me permito chamarte amigo, porque como ti me dis na túa carta, xa o somos. Somos amigos por dereito e para sempre. Cóntasme que coñeces o tema do jaco porque o viviches vendo moitos dos teus amigos enganchados, moitos dos cales non saíron nunca do pozo e aí quedaron até a morte. Disme doutros que si o conseguiron, lograron saír do pozo. Eu son un dos tantos que na miña mocidade caemos no pozo do cabalo, e como na túa experiencia, tocoume ver a moitos dos meus amigos que quedaron no camiño, e tamén cheguei a ver como outros se levantaron e aí están. Eu estaba nesas, loitando desde hai moitos anos.

"Douche a razón no que me dis, eu triunfei, e logreino con sufrimento, recaídas, etc. E o que recibo a cambio é unha condena, un castigo desproporcionado, fóra de lugar"

E tes razón, ninguén que non o viviu nas súas carnes ou nas dalgún familiar ou amigo próximo sabe o que custa deixar atrás a droga. Douche a razón no que me dis, eu triunfei, e logreino con sufrimento, recaídas, etc. E o que recibo a cambio é unha condena, un castigo desproporcionado, fóra de lugar, nada menos que sete anos da miña vida por ter unha papela no 2006 e outra no 2009. Como xa sabes, entre as dúas non chegaba ao medio gramo de jaco. E para que o castigo sexa o dobre no momento en que teño a miña vida estabilizada, fóra das drogas, axudando en grupos de autoaxuda, en obxectivos sociais, coma conseguir albergues para os sen teito, etc. Tentei, no grupo IMAN ao que pertenzo, facerlles ver aos novos consumidores, mozos de 18 a 20 anos, que non caian en erros que eu cometín, ou polo menos aconsellarlles que se o fan o fagan con cabeza, o que se di cursos para consumos seguros, evitando riscos tipo hepatite, VIH, etc. Pero aos xuíces, fiscais e políticos parece que pouco lles importa.

"A pesar do mundo que nos tocou vivir, e de como está todo montado a favor duns poucos, a pesar de todo isto, sempre na condición humana coñecemos, atopámonos con persoas que desbordan corazón e comprensión"

Todo este movemento que se puxo en marcha desde o meu ingreso en prisión reafírmame na idea que teño desde hai moitos anos, que a pesar do mundo que nos tocou vivir, e de como está todo montado a favor duns poucos, a pesar de todo isto, sempre na condición humana coñecemos, atopámonos con persoas que desbordan corazón e comprensión. Nunha palabra: humanidade. Pídoche que non poñas en perigo a túa saúde e sei que máis pronto que tarde te poderei coñecer en persoa, e poderemos charlar e tomar un zume de cebada, como ti dis. Mentres, segue dándolle vidilla ao caso, que non se lles esqueza. Sei con toda seguridade que o farás, que vas estar comigo a tope e sen pausa. Eu pídoche que deixes a folga de fame para non ter que sufrir os dous, cando o que ten que pasala son eu, con todo o teu apoio e o de toda a xente que traballa por lograr o indulto.

Acábaseme o tempo, espero que nos sigamos escribindo, eu porque agora non podo pois se acaba a sesta e fannos baixar ao patio, pero en breve volverás ter noticias. Que saibas que todo o que che escribo podes usalo de altofalante na rede e facerllo chegar a todos os que se interesan pola nosa causa. Transmítelles o que sinto, e sobre todo o agradecemento sincero da miña persoa, de corazón, e que como se di en Galicia: Sempre na loita! É a única maneira de ir cambiando as cousas que pasan neste puto país, se é que así se pode chamar. Animo e que non decaia o ruído, imos obrigalos a que se lles caia a cara de vergoña, e teñan que desmontar a inxustiza que cometeron, neste caso comigo, pero outras tantas veces con persoas na miña mesma situación.

"Animo e que non decaia o ruído, imos obrigalos a que se lles caia a cara de vergoña, e teñan que desmontar a inxustiza que cometeron, neste caso comigo, pero outras tantas veces con persoas na miña mesma situación"

Agradece a todos os teus amigos e xente que colabora connosco, en especial ao equipo de Sigueleyendo, medios de comunicación e outros activistas sociais implicados nesta loita pola xustiza.

Despídese cun forte abrazo e con todo o meu agarimo e agradecemento:

David Reboredo.

27 de decembro de 2012.

David Reboredo Dominio Público Praza Pública
Willy Uribe en folga de fame Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.