O 'currículo oculto' da LOMCE desde a Inspección Educativa

Concentración de nenos e pais en contra dos recortes © ANPA O Carballo

Un inspector de educación -que prefire manter a súa identidade oculta- analiza neste texto algúns dos aspectos máis salientables do proxecto de lei, comezando por dous conceptos que considera "claves": democratización e autonomía na xestión.

Este pensamento en voz alta dun membro da Inspección Educativa trata humildemente de analizar, dende o observatorio desta profesión, o que supón ou pode supoñer unha modificación do marco lexislativo neste país que veña mudar a Lei orgánica vixente (LOE/LODE) pola Lei orgánica LOMCE. Esta primeira entrega pretende acoutar, a través da reflexión verbo dalgúns dos aspectos máis salientables do proxecto de lei, as consecuencias que –no entender profesional do autor– levarán unha viraxe na dinámica de traballo e na autonomía dos centros escolares. Non entrarei a analizar, non obstante, o aspecto tan debatido do tratamento das linguas: xa existen foros e organizacións de todo tipo e autoridades científicas que están nesa tarefa. Preocupareime doutros aspectos que están no borrador, e que configuran unhas novas regras de xogo que están a piques de ser aprobadas.

Esta primeira entrega pretende acoutar, a través da reflexión verbo dalgúns dos aspectos máis salientables do proxecto de lei, as consecuencias que –no entender profesional do autor– levarán unha viraxe na dinámica de traballo e na autonomía dos centros escolares

Nestes días, nos que tanto se pode ler, escoitar, reflexionar… escoitei que o ministro do ramo consideraba a LODE (Lei orgánica do dereito á educación), obsoleta e que era preciso modificala. Pois ben, analicemos cales eran as mudanzas previstas na LODE e comparemos aspectos básicos do discurso que nos preámbulos das respectivas leis reflicten o pensamento que guía ou pretende guiar o camiño polo que discorre o articulado de cada unha desas normas. Da lectura tranquila do preámbulo, extráese a impresión de que se introducen conceptos de diferentes pensamentos e filosofías, así como textos de diversos autores mesturados de xeito confuso, cando non contraditorio: ás veces semella unha lectura cun fío condutor moi claro, mais non tarda en renxer, cando se trata de darlle un cariz máis próximo a teorías nas que os autores da LOMCE non cren, polo que acaba dando a sensación dun corta-pega dos que adoitan facer os alumnos con pouco tempo na véspera da presentación dun traballo.

Hoxe propoño comezarmos a reflexionar sobre algúns conceptos que para min son as claves: democratización e autonomía na xestión...

Hoxe propoño comezarmos a reflexionar sobre algúns conceptos que para min son as claves: democratización e autonomía na xestión...  deixando para outra ocasión aspectos máis concretos presentes no articulado que definitivamente sexa aprobado.

Só quen vivira, convivira ou se educara en contextos normativos anteriores á Lei xeral de educación de 1970; quen estivera no oficio da docencia a partir dese marco legal; quen por permanecer neste oficio cando se promulgou en 1985 a “obsoleta LODE” celebrara a súa publicación; só a eles se lles pode permitir falar da necesidade de mudar o actual marco legal. E ademais, en boa lóxica, esa reforma debería abordarse despois dunha avaliación técnica ampla, cientificamente válida e fiable, que achegue solucións e propostas para a mellora; mais non, como se di no borrador desta futura lei, con base en que “os cambios propostos están baseados en evidencias”. É verdade que unha avaliación da LOXSE tecnicamente sólida daríanos algunhas claves para mellorala sen cambiar o fondo e a filosofía, pero politicamente deixouse escapar a ocasión cando o momento era propicio, e despois os ventos neoliberais foron sixilosamente facendo acto de presenza –en actuacións tácitas e expresas inspiradas nesa ideoloxía– como se dun verdadeiro proceso de obsolescencia programada do ensino público e de calidade se tratara. Sobre este aspecto deterémonos máis noutra ocasión.

Unha avaliación da LOXSE tecnicamente sólida daríanos algunhas claves para mellorala sen cambiar o fondo e a filosofía, pero politicamente deixouse escapar a ocasión cando o momento era propicio, e despois os ventos neoliberais foron sixilosamente facendo acto de presenza

Os que por sorte viviron –vivimos– esas etapas, sabemos que a LODE foi o inicio do que se considerou o marco legal da democratización da educación neste país. En sucesivos contextos e avatares políticos (sempre a política en minúsculas polo medio, e non o consenso) e con bastantes atrancos ás veces, foise modificando pero permanecendo sempre como un dos principios esenciais a ter en conta na redacción das sucesivas normativas.

Considero interesante lembrar nestes momentos o que a LODE no seu preámbulo manifesta, aproximándose ao que ordena e considera a Constitución sobre os dereitos e liberdades na educación. Dese textualmente: “Os postulados da programación do ensino e participación son principios correlativos e cooperantes de axuda aos centros docentes que se contemplan no artigo 27.9 do texto constitucional, xa que contribúe a satisfacer as esixencias que del se deriven do gasto público. Por un lado, que a súa distribución sexa equitativa e que se oriente a financiar a gratuidade, e a iso diríxese a programación; por outro, optimizar o rendemento equitativo do gasto e velar pola transparencia da administración e calidade da educación, o que se asegura a través da participación. No ámbito educativo, ese control social, esa esixencia de transparencia encomendouse, máis directamente que aos poderes públicos, a pais, profesores e alumnos, o que constitúe unha preferencia pola intervención social fronte á intervención estatal”.

Como non vai ser obsoleta a LODE, segundo o ministro Wert? Non están de actualidade nin a equidade, nin a transparencia, nin a participación, nin a intervención social

Como non vai ser obsoleta a LODE, segundo o ministro Wert? Non están de actualidade nin a equidade, nin a transparencia, nin a participación, nin a intervención social. Podemos incluso remontarnos ás ideas expostas polo actual ministro, en xullo de 2010, na FAES: “Comeza a ser maioritaria a percepción de que as malformacións do sistema se relacionan coa perda de referencias de valor daquel. Hai un claro refluxo das aspiracións participativas en beneficio da restitución da autoridade e da esixencia (…) Os evidentes excesos na descentralización do sistema educativo xa produciron un impulso social a prol dunha recuperación do papel do Estado. Hai máis xente a favor de que o sistema educativo sexa xestionado desde o Estado que favorable á súa xestión autonómica (…)” Creo que non precisa aclaracións o pensamento exposto nese foro polo actual ministro de Educación. O malo é que aqueles que o defenden, viven nunha nube que non lles deixa ver a realidade dunha sociedade que non é xa a da transición, senón outra que aglutina a herdanza daquela etapa máis a que foi crecendo baixo os beneficios da democracia, do espírito libre, das metodoloxías aperturistas, da loita pola liberdade, de vivir pensando que todo o que tiñamos e que tanto custou conquistar e manter xamais estaría en perigo.

Outro concepto que consta no borrador é o da autonomía, e de novo teño o convencemento da confusión do lexislador á hora de entendelo e aplicalo. Nalgún momento, dise que a autonomía dos centros é clave para a mellora dos resultados dos alumnos: estamos diante dunha concepción da autonomía ligada ao liderado dos directivos, á rendición de contas, á xestión de persoal… e todo cunha estrita xerarquización dos órganos de goberno.

Aquí está unha clave importante para entender o que acontecerá unha vez que entre en vigor a LOMCE: o Consello Escolar de cada centro terá funcións consultivas; o equipo directivo, as decisorias

Aquí está unha clave importante para entender o que acontecerá unha vez que entre en vigor a LOMCE: o Consello Escolar de cada centro terá funcións consultivas; o equipo directivo, as decisorias. E iso está desenvolvido no articulado para levar ata o final o propósito que se busca: na maioría das veces, a Administración educativa debía asumir as decisións adoptadas polos Consellos Escolares, sempre e cando a lei fora respectada; dese xeito, os funcionarios –e nomeadamente as direccións dos centros– víanse avalados á hora de executar esas decisións. Sen embargo, a partir da aplicación da LOMCE, cada director/a de centro precisará negociar coa Administración as súas reivindicacións, expresando as necesidades do seu centro como unha petición a título persoal ou –no mellor dos casos– como cargo directivo ante os seus superiores. Cun cambio tan profundo do principio regulador, o Consello Escolar será para os pais unha perda de tempo, un carpetazo; e é previsible que o mesmo sexa aplicable ao claustro de profesores e ao conxunto dunha comunidade educativa.

Nin sequera está claro o nivel de autonomía do cal disporán as direccións dos centros educativos. En calquera caso, semella evidente que non serán poucos os casos en que a voz tímida deses órganos de goberno deixará de escoitarse.

É un momento moi importante para todos os que respiramos acotío en ámbitos educativos. Debemos ser optimistas e loitar como ao principio: uns coa palabra e outros na sombra, no traballo e na responsabilidade que toque

É un momento moi importante para todos os que respiramos acotío en ámbitos educativos. Debemos ser optimistas e loitar como ao principio: uns coa palabra e outros na sombra, no traballo e na responsabilidade que toque. É tan importante tanto unha actitude como a outra para sobrevivirmos todos e que a riqueza democrática que temos se manteña. As nais e os pais tamén deben reflexionar e loitar activamente por ese espazo democrático que teñen nos consellos escolares: se non hai presenza, non hai participación. Deixarse levar por análises non sempre certas, como “total, para o que serven os consellos escolares…” dan alas para xestionar a participación eliminando a capacidade de decisión.

Por iso, ningunha das nosas reflexións poden levar pensamentos de fracaso. Temos que pensar que esa parte da sociedade civil que se ve ameazada e non viviu os inicios do que temos –e non tivemos sempre– ten un punto de partida con máis posibilidades de éxito: gozaba dun modelo educativo democrático e participativo como se sempre estivera aí, na súa vida cotiá, pero cando desperte (e debe ser urxente que o faga) decatarase de que nada é eterno.

O modelo educativo que temos debe manterse e mellorarse, e se despois de analizar, razoar, contrariar, refutar con argumentos científicos entre todos esa reforma, non existe consenso, adiante co plan B: impedir que esa impronta, esa pegada que deixou en todos nós o espírito democrático, decaia

O modelo educativo que temos debe manterse e mellorarse, e se despois de analizar, razoar, contrariar, refutar con argumentos científicos entre todos esa reforma, non existe consenso, adiante co plan B: impedir que esa impronta, esa pegada que deixou en todos nós o espírito democrático, decaia. Somos moitos os cidadáns que temos impresa nos xenes esa pegada da que é imposible desprenderse, e polo tanto acompáñanos na rutina, nos xestos, nos hábitos de cada profesional no seu contexto educativo.

Haberá que facerlle fronte á LOMCE traballando como sempre, con máis esforzo, sen importar que a norma xa non avale tantas actuacións de docentes, directivos, pais, asociacións… Proseguindo coa atención ao diferente, coa participación de todos os sectores en decisións importantes para a comunidade educativa, co respecto aos equipos directivos que foron elixidos por nós con participación amplamente democrática…

Concentración de nenos e pais en contra dos recortes © ANPA O Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.