A plataforma de Corcoesto pídelles aos bancos que non financien a mina

A mina de ouro teria un impacto moi importante na zona © Plataforma pola defensa de Corcoesto

As entidades financeiras Barclays Bank e Credit Suisse, con sedes sociais en Inglaterra e Suíza, veñen de recibir senllos escritos da Plataforma pola Defensa de Corcoesto. O colectivo veciñal de Bergantiños diríxese a estes bancos para solicitarlles que "non lle concedan financiamento" á empresa canadense Edgewater para a mina de ouro que proxecta na comarca. Ademais de ter un importante impacto ambiental, a veciñanza advirte de que a "viabilidade económica" da explotación "non está debidamente acreditada".

Estes escritos non inclúen só opinións da plataforma, senón tamén "un informe da Universidade de Vigo que certifica que o proxecto de explotación unicamente pode asegurar un 22% dos recursos auríferos de Corcoesto", explican. Nomeadamente, este documento, din, "sinala que as campañas de investigación certificaron a fiabilidade desa porcentaxe (15% medido, 7% indicado). O restante 78% de recursos son "de baixo nivel de confianza", abonda o informe.

Un informe da Universidade de Vigo conclúe que "o proxecto de explotación unicamente pode asegurar un 22% dos recursos auríferos de Corcoesto"

Do mesmo xeito, o estudo "cuestiona a lei de corte establecida para o proxecto mineiro de Corcoesto", un parámetro que é "fundamental" para "determinar se os xacementos son explotables ou non" e, polo tanto, a súa viabilidade económica". Segundo o informe "a xustificación dos recursos queda en dúbida, xa que, en opinión da empresa mineira, dúas terceiras partes deles non están convenientemente xustificados e iso contravén o disposto no regulamento da Lei de Minas". Isto tamén o vén denunciando a plataforma ante a Dirección Xeral de Minas, lembran.

Nas oficinas de Barclays e Credit Suisse recibiuse tamén "un completo dossier coas alegacións presentadas por distintos colectivos sociais", un resumo de prensa no que fica "acreditada a oposición social ao proxecto" e "outros informes que poñen de manifesto os elevados riscos ecolóxicos e sanitarios" e "os negativos efectos socioeconómicos do proxecto para a comarca". Isto, di a plataforma, debería levar as entidades bancarias a "respectar as súas respectivas estratexias de responsabilidade social corporativa" e a non "convertérense en cómplices dun proxecto que destrúe a riqueza paisaxística do noso territorio, contamina o medio natural, destrúe as actividades económicas tradicionais e xera pobreza a medio e longo prazo"

Mentres agardan por Barclays, Credit Suisse xa lle remitiu unha primeira resposta á plataforma. Nela, apuntan, o banco "comprométese a analizar coidadosamente a información recibida e a mantela informada de calquera decisión da entidade financeira sobre este asunto".

A mina de ouro teria un impacto moi importante na zona © Plataforma pola defensa de Corcoesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.