O estudantado galego volve saír á rúa contra a política educativa de Wert

Estudantes, nunha manifestación en Vigo CC-BY-SA gzvideos.info

Plantándolle cara ao ministro Wert. As dúas principais organizacións estudantís galegas, Liga Estudantil Galega e Comité, acordaron un calendario de mobilizacións no ensino en contra da futura Lomce (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa) e na defensa da ensinanza pública galega. As protestas culminarán o vindeiro 6 de febreiro cunha xornada de folga.

“O estudantado galego non vai ficar calado ante un golpe de estado na educación” resaltou Daniel Candal, responsable nacional dos Comités durante unha rolda de prensa na que se explicaron os detalles das mobilizacións. Para este colectivo e a Liga Estudantil, coa Lomce só se pretende avanzar na "privatización, na recentralización e no reforzamento dun ensino elitista ao servizo da Igrexa Católica". “O PP presenta unha auténtica contrarreforma educativa para recuperar o modelo educativo do franquismo” indicaron, polo que "vai haber resposta" do estudantado.

Liga e Comités acordan un calendario de mobilizacións contra a futura Lomce e na defensa do ensino público

Ademais, Comités e a Liga veñen de facer un Manifesto aberto na defensa do ensino público, na que reivindican a ensinanza pública como "un dereito fundamental en calquera sociedade democrática", así como "unha ferramenta imprescindíbel para diminuír as desigualdades sociais". Os dous colectivos estudantís consideran que "o modelo educativo do PP está nas antípodas da defensa do carácter público do ensino", ao estar "inspirado nun proxecto profundamente reaccionario" coa única intención de "converter o ensino nun privilexio".

Un comunicado conxunto reivindica o ensino público e carga contra o "modelo educativo reaccionario do PP"

Ademais, para a Liga e os Comités, a futura Lomce que prepara o Goberno conservador "non é máis que a plasmación do proxecto ideolóxico do PP: debilitalo ao máximo para ser menos público, menos democrático, menos galego e cunha menor calidade". "Trátase dun retroceso de máis de corenta anos e da volta do fracasado modelo educativo do franquismo", censuran as dúas organizacións, que insisten en que o Ministerio de Educación pretende "privatizar e elitizar o ensino, españolizalo, recentralizalo e cedelo en exclusiva ao poder da Igrexa Católica".

Do mesmo xeito, no manifesto critican as medidas aplicadas polo PP no ensino superior, como a Lei de Universidades, que "supón unha privatización encuberta da universidade pública na que se prima a competencia entre universidades no canto da cooperación e no que se aposta por un ensino ensino superior máis elitista e menos galego".

"Mentres reducen 150 millóns de euros no ensino público, transfiren máis de 230 millóns ao privado concertado"

"Acompañado desta lei, veñen constantes retrocesos nas as condicións de acceso e permanencia na universidades galegas, cada vez máis restritivas, aumentos abusivos das subas dos prezos das matrículas e reducións nas bolsas para a axuda ao estudo", censuran, tras criticar "unha nova redución orzamentaria" que busca unicamente "afogar economicamente o ensino público e rematar coa autonomía universitaria". "Mentres reducen 150 millóns de euros no ensino público e transfiren máis de 230 millóns ao privado concertado queren converter os centro de ensino e as universidades en comparsas do desmantelamento da rede pública de ensino", engaden.

Por todo isto, Comités e Liga fan  un chamamento á sociedade galega para "mobilizarse na defensa do ensino público fronte ás agresións reiteradas do goberno galego e do central" e participar activamente na xornada de folga estudantil do vindeiro 6 de febreiro. Así, fan  un chamamento a nais, pais e persoal docente a secundar folga contra a Lomce porque "castiga" todos os colectivos do ensino.

Por outra banda, o Sindicato de Estudantes tamén anunciou un calendario de mobilizacións que se desenvolverá na semana de entre o 4 e o 8 de febreiro. Anuncia unha folga xeral para os días 5, 6 e 7 de febreiro, así como unha manifestación estudantil. Ademais, o colectivo anuncia que proporá ás anpas e aos sindicatos de profesores unha marcha conxunta de alumnos, pais e docentes para o 7 de febreiro en protesta contra a política educativa do Goberno do PP e a Lomce.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Estudantes na Praza do Toural de Compostela CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.