Peche en Vigo na defensa da sanidade pública

Peche dos traballadores no Xeral de Vigo CC-BY CIG

As protestas contra o desmantelamento da sanidade pública espállanse aos poucos por Galicia. Traballadores do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) veñen de iniciar este martes un peche no vestíbulo do Hospital Xeral da cidade olívica. Fano para protestar polos "recortes" que se están a levar a cabo na sanidade pública e permanecerán encerrados ata o vindeiro xoves, logo de 48 horas de protesta. As protestas están apoiadas por todos os sindicatos da xunta de persoal.

Os médicos, celadores, auxiliares e demais persoal que participa no encerro aproveitan os cambios de quenda e o descanso para o café para poderse ir substituíndo nas protestas, co que procuran "non prexudicar os usuarios". Con estas accións pretenden chamar a atención sobre o que consideran unha "deriva privatizadora" por parte da Xunta de Galicia nalgúns servizos, así como contra os continuos recortes.

Os traballadores protestan contra a "deriva privatizadora" e os "recortes" da Xunta de Galicia

Segundo explicou o portavoz de CCOO, Ángel Cameselle, a asemblea de traballadores decidiu realizar este peche xa a semana pasada  para protestar polos "recortes" que está a haber "a todos os niveis" na sanidade, e tendo en conta ademais que a área de Vigo ten "unhas listas de espera escandalosas".

Ademais, os sindicatos insisten en que o novo hospital de Vigo será "privado", aínda que o "chamen como o chamen" desde a Xunta, que sempre asegurou que sería un centro público. Do mesmo xeito, quéixanse de que as obras do devandito centro seguen "paralizadas" por "falta de financiamento".

"Os recortes teñen o obxectivo de desprestixiar a sanidade pública"

Cameselle tamén censurou os novos axustes en materia salarial que sofren os empregados da sanidade pública e asegurou que son "intolerables" despois "dos recortes do últimos catro anos". Segundo el, a intención destas medidas é "desprestixiar a sanidade pública" con vistas a poder "privatizala".

Pola súa banda, o portavoz da CIG, Antonio Iglesias, advertiu ademais de que "xa outras comunidades están a pechar servizos asistenciais" e augurou que "aquí ese será o camiño que posiblemente vai seguir o señor Feijóo". "Non son recortes salariais, senón tamén recortes de servizos públicos", engade. Por todo iso, os representantes dos traballadores aseguraron que o persoal do Chuvi seguirá mobilizándose. "Os actos van ir a máis", subliñaron.

Por outra banda, representantes da Plataforma SOS Sanidade Pública achegáronse pola tarde até o centro médico vigués para apoiar a iniciativa da Xunta de Persoal. Ao remate do encontro anunciaron un “almorzo reivindicativo” na entrada do hospital este mércores a partir das 11 horas, mentres que ás 22 farase unha cadea humana que rodeará con velas o edificio. Finalmente, adiantan a convocatoria dunha gran manifestación na cidade para o día 3 de marzo.

O peche continuará até as 19 horas do vindeiro xoves, cando se celebrará unha concentración no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco). Ademais, a xunta de persoal do Chuvi pediu unha reunión coa dirección de Recursos Humanos e non descarta realizar unha concentración a próxima semana na sede do Sergas en Santiago.

Peche dos traballadores no Xeral de Vigo CC-BY CIG
Peche dos traballadores no Xeral de Vigo CC-BY CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.