Laura Bugalho rexeita a oferta da Fiscalía de 'xuízo rápido' e redución dun terzo na petición de pena

Lectura do manifesto do Foro Galego de Inmigración © @Dj_Tapleras

Despois de case catro anos de espera, a Fiscalía vén de propoñerlle a Laura Bugalho a celebración dun xuízo rápido e unha redución dun terzo na petición de pena. Porén, a activista rexeitou por completo esta oferta e afirmou que non aceptará pena ningunha. É o novo capítulo nun caso inzado de sombras e de irregularidades, ás que este mércores na vista oral se uniu o feito de que a acusación non se persoo nos xulgados de Compostela.

Este proceso aberto contra Laura Bugalho, que probablemente celebrará en maio o seu xuízo, continúa camiñando en paralelo co xuízo contra os responsables da trama de estafa a inmigrantes destapada grazas á propia Bugalho na Operación Peregrino e cuxo proceso aínda non se resolveu. Neste caso están implicadas "persoas con moito poder", denuncia. 

Pouco despois das nove da mañá Laura Bugalho chegou aos xulgados de Compostela e alí atopou o alento de ducias de persoas que se achegaran para manifestarlle a súa solidariedade e apoio. Un grupo moi numeroso que se foi incrementando ao longo da mañá, nas case tres horas que durou a declaración de Bugalho ante a xuíza Ana López-Suevos. No transcurso desta concentración os representantes do Foro Galego de Inmigración leron un comunicado de apoio que alerta da "criminalización de la población inmigrante" e da "persecución sistemática cara a este colectivo en Galicia".

Manifestouse "aliviada" pola próxima resolución do proceso. "Pero máis aliviada estaría -dixo- se xa se resolvera o proceso da Operación Peregrino"

Laura Bugalho considera "unha brincadeira macabra" a oferta de xuízo rápido "despois de catro anos" e adiantou que non vai aceptar pena ningunha. Acusada de falsidade documental continuada no seu labor de axuda a persoas migrantes, afirmou estar "tranquila" porque "os documentos que son feitos por min son feitos son meus e os que non, non teñen relación comigo". Repetiu as acusacións de que detrás desta ofensiva da Físcalía está o interese da Policía Nacional manifestouse "aliviada" pola próxima resolución do proceso". "Pero máis aliviada estaría -dixo- se xa se resolvera o proceso da Operación Peregrino", engadiu. Concluíu que os supuestos causantes da súa imputación "van ter unha condena: a condena social xa está nas rúas, espero que chegue canto antes a condena xudicial".

En maio resolverase este xuízo no que segue sen concretarse a pena que a acusación pide para ela, que podería chegar aos seis anos

Confesou que "foi moi emocionante" atopar nos corredores do xulgado algunhas das persoas migrantes ás que ela axudou e que tamén están imputadas nesta acusación e lembrou que "non teñen nada contra eles" pero que "unha persoa que recoñeceu que eu non fora xa foi expulsado. Unha pasada". En maio resolverase este xuízo no que Laura Bugalho está unicamente imputada de momento, pois a acusación segue sen concretar a pena que pide para ela, que podería chegar aos seis anos.

Lectura do manifesto do Foro Galego de Inmigración © @Dj_Tapleras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.