Vigo abre en Galicia o "proceso constituínte" para unha nova Constitución

Dominio Público Praza Pública

"A Constitución de 1978 está deslexitimada e debe ser substituída por outra nova que emane directamente do pobo". Así de claro se di na Declaración de Constituíntes de Vigo, un manifesto xurdido dun grupo asembleario da cidade olívica, xurdido a raíz do movemento 15M, e que se une á corrente Constituyentes que desde diversos lugares do Estado promove "poñer en marcha un proceso para construír pacífica e participativamente, desde abaixo e cos de abaixo, unha nova norma fundamental, froito dunha revolución democrática".

O movemento consensuou un manifesto en Vigo logo de cinco asembleas

En Galicia, Vigo e a súa bisbarra dan o primeiro paso grazas aos esforzos dun numeroso grupo de cidadáns que, logo das súas cinco primeiras asembleas, fixo posible consensuar un texto que é "toda unha declaración de intencións" do que pretenden. Baseado na Declaración de Cádiz que deu inicio ao proceso o pasado mes de marzo, o texto pretende "difundir o debate na opinión pública sobre a necesidade de abrir un proceso constituínte comom unha parte fundamental para saír desta crise que estamos a vivir, e non só economica, senón tamén de liberdade, de democracia e de participación cidadá".

"Foi en Cádiz onde comezou o movemento, que logo foi recollido en moitos lugares, como A Coruña ou Vigo; aquí comezamos en setembro e a convocatoria foi máis ampla do que esperabamos", explica Guillermo Crego, un dos promotores da iniciativa e do grupo de Facebook onde os constituíntes da cidade olívica se organizan.

A falta de tempo e de recursos económicos obrígalles a empregar as redes sociais para organizarse, pero "bastante" fixeron, como lembra Crego, tras consensuar unha declaración baseada na de Cádiz, pero á que engadiron "un cariz local  para que a xente sinta que este proceso é local, nacional e estatal". "Hai implicadas persoas de todo tipo", engade Guillermo, que insiste en que a asemblea ten "moi claro" que este proceso constituínte "só o podemos iniciar os cidadáns porque somos os que temos o poder". "Pode que organizacións partidistas ou sindicais o compartan e o apoien, pero a clave está na cidadanía", lembra.

"Para avanzar na democracia e cara a unha sociedade máis plural e xusta, a actual Constitución non nos serve", explican

Agora, a idea é que o movemento "se espalle por todas as cidades, comarcas e vilas" e que a declaración "se comparta, se debata e se discuta" para ir acumulando achegas que permitan "avanzar en democracia e cara a unha sociedade máis plural e xusta". "É evidente que para conseguir isto a actual Constitución non nos vale e é incompleta; precisamos dunha norma fundamental que sexa efectiva e, sobre todo, que se cumpra", asegura Guillermo Crego.

"A semente foi o 15M, pero o que queremos é trasladar este proceso á xente; que sexa participativo e que se vexa como unha ferramenta de cambio e un movemento renovador e rexenerador da sociedade, non só no ámbito económico, senón en todos os ámbitos", engade un dos voceiros dunha iniciativa que intenta agromar tamén na Coruña. Polo momento, o vindeiro 9 de febreiro, en Barcelona, terá lugar a terceira Asemblea Estatal de Constituíntes.

Este proceso constituínte espállase xa por todo o Estado co obxectivo de "construír unha nova norma fundamental froito dunha revolución democrática"

Mentres, desde Vigo séguese a debater arredor dun manifesto no que se lembra que a actual Constitución de 1978 "acabou servindo para perpetuar o dominio das clases dominantes a cambio dunhas certas liberdades democráticas". "Constitúe un corpo legal ao servizo dos poderes económicos que levaron a maioría social a unha situación de progresivo empobrecemento, ao tempo que provocou un serio deterioro en canto ao espírito ético, perda de valores e de dereitos", asegura.

Para os Constituíntes de Vigo, así como para os do resto do Estado, a Carta Magna non é máis que "un espellismo democrático", polo que cómpre avanzar "cara ao obxectivo da súa substitución" para redactar unha nova "que se axeite á vida real e á vontade da cidadanía libremente expresada". "A Constitución de 1978 xa non é válida, nin para xestinoar o presente, nin moito menos para construír o futuro", insiste o texto, que recorda que o que se pretende "non é un imposible", logo do éxito acadado "nos últimos quince anos por numerosos pobos".

 

Asemblea do 15M en Vigo CC-BY-NC-SA Imagen en acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.