Un cento de persoas reclaman "transparencia" en Compostela

Manifestación 'por unha Compostela transparente e participativa' CC-BY Praza Pública

Unha manifestación percorreu as rúas da cidade baixo a chuvia pedindo a disolución da corporación municipal e a convocatoria de eleccións, ante os escándalos de corrupcións relacionados con Gerardo Conde Roa e Ángel Currás. A marcha estaba convocada pola plataforma cidadá Compostela Transparente salientando que "estamos fartos da corrupción e as actitudes mafiosas do noso concello". A manifestación partiu da Alameda pouco despois das doce do mediodia vixiada por un gran despregue policial e con berros coma "corruptos no poder e obreiros en prisión". 

Na convocatoria da marcha, afirmábase que máis alá do desenvolvemento do proceso xudicial ligado á Operación Pokemon, "a realidade é que isto é unha problemática estructural e sistémica do noso modelo político-institucional. Tódolos partidos políticos que pasaron polo goberno desta cidade colaboraron no espolio dos nosos dereitos e na privatización dos nosos recursos para beneficio das súas redes clientelares".

Reclamaban de igual xeito "a necesidade de loitar contra esa cidade gris, sen democracia, represiva e silenciada pola policía, desigual e pechada que nos queren impoñer desde a corporación municipal". E demandaban "a creación de outro modelo de organización do concello, baseado na autoorganización das persoas e na recuperación dos servizos públicos. Unha cidade democrática e plural onde caiban todas as expresións políticas e culturais, onde o pensamento non estea privatizado". Por ese motivo solicitan a disolución da corporación municipal e a convocatoria de eleccións.

Manifestación 'por unha Compostela transparente e participativa' CC-BY Praza Pública
Manifestación 'por unha Compostela transparente e participativa' CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.