0 Gardados para despois

Pechados contra "a penosa situación" da universidade

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Algo máis de medio ano despois do último, a Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) volve acoller un peche reivindicativo. Estudantes reunidos en asemblea aberta decidiron o pasado xoves 17 iniciar outro encerro en protesta pola falta de espazos para o estudo nas bibliotecas e en plena época de exames. Pero esta reivindicación non é máis que unha "problemática" máis "enmarcada" noutra moito máis ampla que os alumnos levan tempo denunciando, tal e como se tira do comunicado que veñen de remitir.

Segundo o texto emitido pola asemblea aberta do #PecheHistoria, que suma catro días de protesta, a USC atópase nunha situación "de desleixo das funcións que lle corresponden" e ante "unha patente falta de organización" que, denuncian, vén provocada "pola incapacidade manifesta da equipa reitoral da USC para defender o seu carácter público, democrático e de calidade".

Os estudantes critican a "incapacidade" da equipa reitoral para "defender o carácter público, democrática e de calidade" da USC

Para os estudantes pechados, os "ataques" á USC a través "de sucesivos recortes no orzamento desde 2009" atopan a "conivencia e actitude contemplativa e de amparo" por parte do goberno da Universidade, o que estaría a levala "a unha situación insostíbel". "A actual situación da USC é penosa", insiste o comunicado, que resume en varios puntos as eivas da institución: "A USC é menos democrática, máis elitista, non ten autonomía e conta con menos e peores servizos".

"A USC é menos democrática, máis elitista, non ten autonomía e conta con menos e peores servizos"

Precisamente, a asemblea aberta dos alumnos enmarca neste empeoramento dos servizos "a actual situación das bibliotecas universitarias". Para un total de 21.000 matriculados, segundo denuncian, dispóñense de menos de 1.400 prazas (348 en Económicas) en horario extraordinario. Aínda que a Reitoría decidiu -a piques de rematar o período de exames- cumprir "co acordado o ano pasado", habilitando 88 prazas  máis en Filosofía, os estudantes consideran "insuficientes" as prazas e lembran que o custo desta apertura é "similar ao que tería abrir a Biblioteca Xeral ou a Facultade de Medicina".

No entanto, a falta de prazas nas bibliotecas semella tan só unha pinga máis na indignación duns estudantes que denuncian que "o acceso e a permanencia das e dos estudantes da USC está máis restrinxido desde a chegada de Casares Long ao goberno da universidade". O comunicado censura "a imposición" da Normativa de Permanencia, "fortemente respondida por parte do estudantado", ou do mantemento de "posicións compracentes ante a suba dos prezos das matrículas ou da diminución das bolsas de axuda ao estudo", o que tería provocado "unha USC máis elitista e máis restrinxida".

"Casares Long non deu unha soa vez a cara pola universidade ante as administracións"

Ademais, denuncian tamén que o Claustro "viuse privado do seu carácter de debate" e que se acabou por converter "nun mero instrumento de trámite" onde "non existe negociación nin diálogo". Para a asemblea, "o brazo executor na USC dos recortes provocados pola Xunta e polo Goberno central non merece ser Reitor da nosa Universidade". "A súa equipa de goberno rematou con calquera tipo de autonomía universitaria e fixo depender os acordos no seo da universidade a directrices alleas á mesma, ademais de manter posicións contemplativas ante os maiores recortes no ensino universitario nos últimos 30 anos", censura con dureza, tras acusar a Casares de "non dar unha soa vez a cara pola institución" ante as administracións.

Con todo isto, os estudantes insisten en criticar os recortes, que exemplifican con casos concretos como a existencia de "menos prazas nas residencias universitarias públicas", así como "diferentes problemas laborais en servizos que a día de hoxe están externalizados, como a reprografía ou a limpeza" e nos que se aprecia "unha merma da calidade do servizo". "A única estratexia política de Casares é a deriva dos cartos públicos ás empresas privadas", aseguran os estudantes que continuarán co peche na aula 6 da Facultade de Historia, cando menos ata o vindeiro venres e mantendo un espazo de estudo aberto durante 24 horas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.