0 Gardados para despois

Unha de cada catro mulleres latinoamericanas sufriu violencia machista física ou sexual

Laura L. Ruiz | @lauralruiz


Falar da muller en América do Sur, Iberoámerica ou Latinoamérica é falar dun todo. E os seus problemas tamén: violencia machista, desigualdade laboral, falta de representatividade, prostitución, saúde reprodutiva, educación... Unha realidade que afecta a 278 millóns de mulleres, máis da metade da poboación de América do Sur e Caribe. O 60% viven na pobreza e reciben un 38% menos de salario que un home. A OMS calculou en 2002 que, de media na rexión, un 23% das mulleres latinoamericanas foran obxecto de violencia intrafamiliar física ou sexual. Moitas das agresións cométense no propio seo familiar e en numerosas ocasións as vítimas son menores de idade.

Sen vontade política, sen policía especializada e, máis que nada, sen educación nin sensibilización social todo é papel mollado

A lexislación é a maior baza dunha sociedade que quere defender a igualdade. Costa Rica, Guatemala, Arxentina, Colombia, O Salvador, México, Brasil e Venezuela son algúns dos países que empezaron reformando as súas leis con este fin, pero na maioría dos casos quedaron só en boas intencións. Un avance foron as políticas de definición do termo feminicidio. Agora inclúen non só a violencia física, senón tamén a psicolóxica, a sexual, a económica, consideran a diversidade étnica e de orientación sexual. Agresións que se cometen contra a muller polo mero feito de ser muller. Pero sen vontade política, sen policía especializada e, máis que nada, sen educación nin sensibilización social todo é papel mollado.

 

Un problema de educación

A maioría das asociacións de mulleres destacan que un problema non é un problema se non se lle chama polo seu nome. É o que pasa en moitos países de América do Sur, que as propias mulleres non saben diferenciar a violencia machista dunha relación normal. “Moitas mulleres non coñecen os seus dereitos e non saben distinguir entre o que está ben ou mal. Aceptan as malleiras dos seus maridos e as violacións porque sendo nenas os seus pais pegáronlles e violáronas, polo tanto, veno normal”, comenta Judith Muñoz, xornalista en Nicaragua. Por iso non é de estrañar que as cifras que organismos oficiais dese país e das ONG dean dos malos tratos non sexan un reflexo fidedigno da realidade. Aínda que en 2009 se rexistraron 11.300 casos de violencia interfamiliar e case 5.000 violacións, son moitos os abusos que non se denuncian nunca. E sen unha denuncia, moitas veces acaban en homicidios. En 2011, recoñeceuse que 76 mulleres morreran a mans das súas parellas, homes que en só seis casos foron condenados.

As propias mulleres non saben diferenciar a violencia machista dunha relación normal

En Bolivia, son moitas as asociacións que loitan por ter máis peso nos organismos da Administración e por educar, xa que do mesmo xeito que en Nicaragua, moitas mulleres ven como algo normal a violencia doméstica. Desde o Centro de Promoción da Muller Gregoria Apaza traballan para mostrarlles aos adolescentes que o respecto e a comprensión son parte dos valores que unha parella debería ter, non así os ciumes, a infidelidade ou a dependencia.

Magalí Chávez, coordinadora do proxecto, asegurou nunha recente visita a Galicia que antes eran elas quen tiñan que chamar á porta dos colexios para presentar o curso de noivado sen violencia, “pero agora son eles os que nos solicitan que traballemos con eles”. “A violencia en Bolivia, do mesmo xeito que en España, non diferencia entre clase social, nivel educativo ou adquisitivo e por iso é máis difícil de visualizar”, conclúe Chávez. 
 

Penalización do aborto

En Brasil, as esperanzas das mulleres están postas na súa presidenta e en Eleonora Menicucci. A nova Secretaria de Políticas da muller empezou o cargo facendo unha cousa que en Occidente se esquece: visibilizando as distintas realidades femininas. Menicucci, antiga guerrillera que compartiu cela coa propia Dilma Rousseff, recoñeceu a súa condición bisexual, nunca tratou de ocultar que a súa filla era lesbiana e falou abertamente dos dous abortos que lle practicaron. Un xesto que nada ten que ver con airear a súa vida privada, senón con darlles voz ás 250.000 mulleres que cada ano teñen que ser atendidas ao intentar abortar de forma clandestina. Porque en Brasil teñen unha lexislación que non se modificou desde os anos corenta do século pasado e que só permite a interrupción voluntaria do embarazo se a vida da nai corre perigo ou se foi vítima de violación. Unhas leis obsoletas que provocan que o aborto sexa a cuarta causa de mortalidade materna no país.

En Brasil teñen unha lexislación que non se modificou desde os anos corenta do século pasado e que só permite a interrupción voluntaria do embarazo se a vida da nai corre perigo ou se foi vítima de violación

Neste sentido, Uruguai constitúe un referente sobre o empoderamento da muller sobre o seu propio corpo. Pese ao veto en 2008 do presidente Tabaré Vázquez e da ministra de Saúde Pública, o Congreso aprobou o pasado mes de decembro unha lei de saúde reprodutiva no que se establece que “toda muller maior de idade ten dereito a decidir a interrupción voluntaria do seu embarazo durante as primeiras 12 semanas do proceso xestacional”. Aínda que está por desenvolver a lei, espérase que a normativa permita dar voz a consideracións emocionais, socio-económicas ou psicolóxicas que antes non estaban contempladas en ningures.
 

Trata de persoas e prostitución

Un dos alicerces que mantén a ONU para loitar contra a trata de persoas é o axioma de que é imposible separar a prostitución forzosa da voluntaria, xa que senón é pola coacción, hai moitos elementos sociais que obrigan á muller a comercializar co seu corpo. O presidente do Observatorio Latinoamericano de Trata de Persoas, o mexicano Óscar Castro Soto, resume á perfección esta idea: “Pobreza, machismo e corrupción están detrás do tráfico de mulleres e nenas”.

A ONU mantén que é imposible separar a prostitución forzosa da voluntaria, xa que senón é pola coacción, hai moitos elementos sociais que obrigan á muller a comercializar co seu corpo

Aínda que moitos consideren a Arxentina o paradigma de desenvolvemento que os países veciños deberían seguir, o certo é que a crise de hai unha década non só dinamitou a súa economía senón que tamén afectou á situación da muller. Segundo o Observatorio Latinoamericano de Trata de Persoas, nos anos 90 as redes de prostitución consideraban Arxentina e Brasil como países de destino para comercializar co mulleres traídas desde Perú, Colombia. Despois do corralito, Arxentina converteuse nun novo país de orixe destas vítimas que son levadas a España, Holanda ou Xapón para ser explotadas sexualmente.
Outro punto que fai que a lexislación arxentina non estea precisamente á cabeza da defensa das mulleres son as leis respecto da violencia machista. Só grazas á xurisprudencia, en febreiro de 2008 un xuíz admitía os malos tratos como causa de divorcio. Segundo as autoridades estes feitos non se adoitan ter en conta porque ao ocorrer na esfera privada “son moi difíciles de demostrar”. Neste caso, o testemuño do fillo da vítima foi vital para que o tribunal o crese.


Violencia contra as mulleres en América Latina

© Google Maps

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O proxecto 'Cidades Seguras'

A pesar de que o 65% da violencia contra a muller se leva a cabo no ámbito doméstico, a seguridade na rúa desempeña un compoñente moi importante no empoderamento feminino. Moitas iberoamericanas non poden desenvolver o seu traballo como vendedoras ou teñen que depender dun home para ir a moitos lados debido aos ataques e as violacións que poden sufrir en determinados barrios das cidades. Co obxectivo de que non haxa lugares vetados ás mulleres, UNIFEM (Fondo de Desenvolvemento de Nacións Unidas para a Muller) leva a cabo o proxecto Cidades Seguras. Coa axuda da AECID, o programa desenvólvese en Arxentina, Chile, Colombia, Perú, O Salvador e Guatemala.

Neste último país, un nos que máis violencia machista hai – e considerado o peor país de Latinoamérica para ser nai, segundo Save the Children , a acción exterior e máis visible chámase ‘Pasos e pedais’. As autoridades cortan as arterias máis importantes da Cidade de Guatemala deixar o asfalto aos peóns, á vez que levan a cabo xogos, representacións teatrais, lecturas e competicións deportivas. Un ambiente moi lúdico no que vai implícito a mensaxe de igualdade, respecto cara á muller e tolerancia cero da violencia. Ademais das accións de rúa, o programa de ONU mulleres incorpora formación, sensibilización, capacitación con recursos, promove as redes de axuda e ofrece asesoramento para as mulleres e as súas asociacións.

Conflitos armados

Colombia foi un dos primeiros países en plasmar na súa lexislación unha sensibilización con este tema. A Lei 1257 de Violencia contra as Mulleres de Colombia foi aprobada en 2008, pero pouco se fixo para a súa implantación. “O feminicidio nin sequera é mencionado en Colombia. Está na lei, pero a maioría de delitos quedan na impunidade", sinala Olga Amparo Sánchez, directora da Casa da Muller. Esta institución calcula que entre 2002 e 2009 leváronse a cabo máis de 1.200 feminicidios no país. En moitas delas descoñécese se houbo violencia sexual, pois nin sequera está contemplado nas estatísticas de Medicina Legal. Unha situación que empeora no marco de violencia no que vive desde fai máis de 30 anos Colombia.

O conflito armado cobrouse a vida de case 900 persoas nos anos máis belixerantes. As asociacións polos Dereitos Humanos denuncian que moitas destas mortes non as levaron acabo guerrilleiros nin paramilitares, senón policías e soldados. Unha situación de impunidade que afecta de moitas formas á muller, xa que adoita ser usada como botín de guerra, violada, escravizada, exiliada, militarizada, condenada á pobreza e a ser invisible para a Xustiza. Das 80 mil denuncias que recibiu a Fiscalía de Xustiza e Paz, ata 2007 en todo o país, só 625 mulleres aparecen como vítimas directas das violencias cometidas no conflito.

Feminicidios e narcotráfico

Do mesmo xeito que no caso de Colombia, en México e en Honduras clámase ao ceo porque as autoridades miran cara a outro lado cando as asasinadas son mulleres. Nestes dous países popularizouse o termo de feminicidio, polas continuas mortes en Ciudad Juarez e en Ciudad de Guatemala. Nas dúas localidades trátase de milleiros de casos de mulleres que desaparecen e despois son atopadas violadas, asasinadas e moitas veces mutiladas. México alcanzou un punto histórico en 2009 con 1858 certificados, onde no 88% dos casos o médico forense nin sequera especificou se había sospeita ou non de que se tratase de violencia machista. A pesar de que este fenómeno se leva estudando desde 1985, non foi ata 2011 cando se tipificou o feminicidio no Código Penal mexicano.

Pola desidia das autoridades, dúas premios Nobel da Paz, Rigoberta Menchú e Jody Williams, comezaron unha investigación o pasado mes de xaneiro para esclarecer o vacio legal e a impunidade que se respiraba en México, Guatemala e Honduras. A líder indíxena culpa aos gobernos destes tres países de mirar a outro lado, cando en Honduras se rexistraron case 300 feminicidios e en Guatemala máis de 700 en 2011. Cifras moi aproximadas á realidade, xa que Human Rights Watch calcula que o 90% da violencia familiar e sexual nesta rexión non se denuncia.