Queremos Galego busca encher Compostela pola lingua malia os atrancos do Concello

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Queremos Galego pretende encher este domingo as rúas de Compostela nunha nova marcha "pola lingua que nos une". A plataforma chama á cidadanía a manifestarse para solicitar a "derrogación inmediata do decretazo", logo das múltiples sentenzas do TSXG que eliminan o cerne da polémica norma do Goberno da Xunta de Núñez Feijóo e que invalida os seus dous artigos clave, aquel no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre as familias para a elección do idioma e Infantil e o que establecía que o alumnado podería usar a lingua da súa preferencia na aula.

Queremos Galego exixe a derrogación do decreto e di "non á lei da Wertgoña"

Será unha marcha na que tamén se dirá "non á lei da Wertgoña", a pretendida reforma educativa promovida polo ministro de Educación e que, á marxe das consecuencias globais no ensino, deixaría a lingua galega nunha posición residual. Ademais, reivindicarase a presenza do idoma propia na escola, unha presenza cada vez menor. En Educación Infantil, por exemplo, o 90% dos centros das cidades non imparten nada na lingua propia.

Queremos Galego intentará encher as rúas de Compostela malia os atrancos que está a poñer o Concello, nunha actitude que é xa repetida. A plataforma vese obrigada a non instalar o palco para o acto final da manifestación que sairá ás 12 horas da Alameda, logo das ameazas da administración local.

As ameazas do Concello provocan que non se coloque un palco para o acto final da marcha

De feito, o Concello de Santiago enviou unha comunicación á plataforma na que lle denega absolutamente a posibilidade da colocación deste palco para o acto final da marcha. O colectivo acudiu este mesmo venres aos tribunais para presentar recurso e defender “a liberdade a podermos realizar actos en defensa do noso idioma na capital do noso país”.

A administración compostelá exixe o depósito dos 600 euros de fianza por situar a instalación na Praza da Quintana e ameaza con disolver ou suspender o acto se os organizadores teiman na súa colocación. Queremos Galego considera excesiva a cantidade excesiva e lembra que nunca é reclamada para entidades sen ánimo de lucro e que non adoitaba a serlle foi requirida a unha plataforma que nunca provocou desperfectos na zona. Os atrancos postos polo Concello provocan que a organización quede sen palco e se teña que conformar coa megafonía.

A plataforma recorreu ante a Xustiza a petición de fianza aos organizadores para colocar un palco

O presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego, Carlos Callón, lembra que “non é a primeira vez que acontece unha situación semellante desde que goberna o PP en Compostela”, pois xa tentara evitar a realización da actividade escolar do Correlingua e tamén o acto final da manifestación do Día das Letras de 2012. “É triste constatar que ao PP lle proe que saiamos ás rúas da capital de Galiza en defensa do noso idioma e que procure todo tipo de subterfuxios para obstaculizar a mobilización da cidadanía”, destacou.

Malia todo, nada impedirá que neste acto se xunte a festa e a reivindicación. Uxía e Sés, xunto a varios gaiteiros, serán os encargados de poñer a música, mentres que varios representantes do mundo da arte e da cultura daranlle voz ao manifesta. Xurxo Souto, os actores Luís Iglesias e Pepe Penabade e as escritoras Marta Dacosta e Mercedes Queixas serán algúns dos intervintes nuns discursos nos que tamén terá presenza o mundo da escola a través das palabras dun alumno da ESO.

BNG e AGE chaman á mobilización

Mentres, BNG e AGE xa chamaron á sociedade a encher as rúas en defensa do idioma. Así, o voceiro do Bloque, Guillerme Vázquez, advertiu de que a estratexia do PP contra o idioma é “deliberada, porque queren acabar con calquer signo de identidade” e lamentou a necesidade de seguir mobilizándose en defensa da lingua.

Do mesmo xeito, criticou que os dirixentes do PP “afirmen querer o galego mentres adoptan todas as medidas á súa man para erradicalo”, ao tempo que criticou o proceso “reespañolizador” dirixido polo Goberno central.

Pola súa banda, Alternativa Galega de Esquerda chama a se  manifestar pola "derrogación do decreto que reduciu o galego na escola" e di apoiar a marcha "contra o proceso de analfabetización dirixido pola Xunta do PP”

Cartaz da manifestación CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.