Traballadores do Ateneo Ferrolán denuncian "o acoso" do Concello

O Ateneo realizou unha actividade cultural moi importante dende os anos setenta © Ateneo Ferrolán

Os traballadores do Ateneo Ferrolán denuncian "as manobras de acoso que está a facer o goberno de PP no Concello de Ferrol" e que, segundo asegura, poden "por en perigo" os seus postos de traballo. Por todo isto, exixen o alcalde da cidade "que poña fin a tal despropósito", logo de levar meses denunciando o intento da administración local por arrebatarlles o local.

Nun comunicado, aclaran que estando recepcionadas as obras de rehabilitación da sede do Ateneo, o alcalde e o seu goberno "inventou un reparto de espazos no edificio" que ocupa o Ateneo Ferrolán dende hai 30 anos en exclusiva, "sen ter en conta e descoñecendo a superficie do inmoble".

Logo de ter ido a votación a pleno municipal, o Goberno pretendía que se repartise o espazo coa SAF e a Asociación de Veciños Zona Centro, pero pasado un mes, súmase ao reparto a Sociedad Filarmónica Ferrolana que, segundo din os traballadores do Ateneo, "nin sequera tiña coñecemento nin tiña solicitado" a súa ubicación, que está prevista no lugar proxectado para a cafetería do centro e que terá que ser aprobado noutro pleno.

"Reclamamos que devolvan as chaves a esta entidade para poder acceder ao noso traballo pola porta de diante"

"Non entendemos toda esta liorta na que teima o goberno do PP, provocándonos unha inseguridade ante o que acontece, e reclamamos se devolvan as chaves a esta entidade, que nos mesmo entregamos á empresa construtora, e poder acceder ao noso posto de traballo pola porta de diante", din. Así mesmo, exixen "a devolución do patrimonio desta entidade que é de todos" para poder así "traballar con normalidade".

Do mesmo xeito, os traballadores do Ateneo denuncia tamén "que algunhas asociacións que pretenden facer actividades culturais no Ateneo Ferrolán están sendo ameazadas telefonicamente para que non utilicen este espazo". Por iso, acusan o alcalde José Manuel Rey Varela e o goberno do PP de" estar xogando cos postos de traballo" que advirten que "seguirán defendendo". 

O Ateneo levou a cabo unha importante obra de rehabilitación no seu edificio © Ateneo Ferrolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.