Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO catro anos máis

Un momento da votación no Congreso de CCOO Dominio Público @ccoogalicia

Xosé Manuel Sánchez Aguión volve ser secretario xeral de CCOO Galicia para os vindeiros catro anos. O Congreso Nacional do sindicato elixiu este venres onte os novos órganos de dirección, xunto cos integrantes das comisións de Control e Garantías e os delegados que representarán á comunidade autónoma no Congreso Confederal, que se celebrará o próximo mes de febreiro en Madrid.

Sánchez Aguión, que presentou a única candidatura para a Secretaría Xeral, saíu reelixido co 70,33% dos votos. Malia iso, presentáronse dúas candidaturas para a Comisión Executiva Nacional, a encabezada polo actual máximo responsable con 166 votos (o 73,7% e 10 postos) e a liderada por Eusebio Justo Santos, que recibiu 56 papeletas (4 postos)

Xunto a Sánchez Aguión, na Comisión Executiva estarán tamén Mabel Pérez Simal, Manuel González Ríos, Maica Bouza Seoane, Francisco Carrera Pérez, Adela Poisa Baños, Jesús Castro Baamonde, Ascensión Esteban Ceballos, José Antonio Vilar González, Juan Martínez García, Machús Fernández García, Eusebio Justo Santos, Pilar Seoane Vázquez, Jaime López Golpe e Emilia Lamas Seoane..

A unidade de acción como "mellor ferramenta"

Por outra banda, Congreso Nacional de CCOO de Galicia aprobou unha resolución que insta o sindicato a iniciar con outras organizacións de clase un plan de traballo específico para afrontar a problemática da negociación colectiva. Tamén se aprobou un texto a proposta de todas as Secretarías da Muller de CCOO de Galicia, así como outro contra a Lei orgánica de mellora da calidade educativa (LOMCE).

Canto á primeira das resolucións, esta lembra que o 10º Congreso de CCOO de Galicia tivo lugar nun contexto de crise e grave recesión económica e social “non coñecidas na etapa democrática”. Ademais, o número de fogares galegos con todas as persoas activas en paro ascende a 91.900 e o número de persoas traballando é de 1.026.000. Para atopar unha cifra similar sería necesario retroceder máis dunha década”, critica o texto.

Esta resolución lembra tamén o impacto negativo da crise en “sectores clave” da economía galega, como o naval, a automoción ou o agroalimetario. Denuncia, ademais, os recortes en políticas sociais, dependencia, sanidade ou educación. Segundo CCOO, as consecuencias da crise agrávanse pola “ausencia de políticas activas anticíclicas” que apoien a industria e o estado de benestar, polo que lle reprocha á Xunta centrarse nas “mal chamadas políticas de austeridade que están a levar por diante o estado do benestar”.

CCOO manifesta a súa “firme vontade” de afondar na unidade de acción sindical, “a mellor das ferramentas” nesta crise

Mediante esta resolución, CCOO de Galicia manifesta a súa “firme vontade” de afondar na unidade de acción sindical, “a mellor das ferramentas” nun momento como o actual, de aí que Comisións remotrará “de maneira inmediata” o acordo cos sindicatos de clase galegos para establecer un plan de traballo específico coa finalidade de afrontar a negociación colectiva, “nun momento especialmente grave, onde nos xogamos impedir que se aplique a reforma laboral, especialmente no referente á ultraactividade e poder regular e defender o dereito” a esta negociación.

Con esta resolución, CCOO rexeita tamén a Lei de taxas xudiciais, que forma parte dunha “ofensiva” que tamén logrará “a privatización dos rexistros civís”. Finalmente, esixe unha aplicación “equitativa” da Xustiza, con “proporción” entre o delito e o indulto e non entre este e a clase social, polo que insta ao “indulto urxente” do cidadán David Reboredo.

Canto á resolución promovida polas Secretarías da Muller, foi aprobada con anterioridade nos diferentes congresos de unións comarcais e federacións nacionais de CCOO, que tiveron lugar a finais de 2012. O texto denuncia que a crise económica ten consecuencias especialmente negativas para as mulleres, liña na que afondan as diferentes medidas impostas polos Gobernos estatal e galego.

Un momento da votación no Congreso de CCOO Dominio Público @ccoogalicia
Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO-Galicia © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.