A empresa mineira, obrigada a abandonar o seu centro de traballo en Corcoesto

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

A empresa mineira de Corcoesto abandonará de xeito definitivo o seu centro de traballo nesta zona da comarca de Bergantiños ao carecer de licenza e non poder legalizar a súa actividade, segundo asegura a plataforma que loita contra a instalación da futura mina a ceo aberto na comarca.

O Concello de Cabana aceptara o recurso contra unha antiga orde de peche

A empresa Edgewater recorrera a orde de peche da nave agrícola na que viña desenvolvendo desde hai máis de dez anos actividades relacionadas coa extracción mineira sen licenza municipal, tal e como explica a Plataforma pola Defensa de Corcoesto. Logo, a compañía presentou un recurso de reposición no que facía "unha interpretación interesada das normas xurídicas" para así tratar de continuar realizando a súa actividade en solo rústico de protección ordinaria fóra da legalidade.

O rexedor actuou "en clara conivencia coa empresa", segundo a plataforma

Segundo explica o colectivo, á vista do recurso de Edgewater, o alcalde de Cabana deu por boa toda a súa argumentación xurídica "en clara conivencia coa empresa", polo que "ditou unha resolución inxusta que deixaba sen efecto a anterior que ordenaba o peche inmediato da nave agrícola por carecer de licenza municipal". Con esta decisión, permitiu que se continuase traballando na mesma.

Foi a raíz dun novo recurso presentado polos denunciantes, fundamentado no decreto 133/2008 que regula a avaliación de incidencia ambiental, "o que agora obriga ao peche definitivo da nave agrícola por ter un uso que non é susceptible de licenza municipal", tal e como xa denunciara a Plataforma pola Defensa de Corcoesto.

O citado decreto establece que "as actividades de minería e as instalacións de tratamento de pedras e outros produtos minerais, cando a súa capacidade é superior a 200.000 toneladas por ano, ou para calquera capacidade, cando a instalación diste menos de cincocentos metros dun núcleo de poboación, precisan dun estudo de incidencia ambiental", aspecto que pretendía obviar a empresa mineira e tamén o Concello de Cabana.

Neste caso a nave agrícola dedicada a usos industriais extractivos dista 298 metros do núcleo de poboación do Dequente e 446 metros do de Campo de Castro. En consecuencia, "o Concello estaba obrigado á adopción de medidas cautelares e a decretar de xeito inmediato a suspensión da actividade".

Ademais, a empresa pretendía que lle resultase de aplicación a Lei 17/2009 sobre o libre acceso ás actividades de servizos coas modificacións introducidas pola lei 2/2011 de economía sostible, para "poder desenvolver a actividade industrial mineira disfrazada dunha actividade de servizos carecendo de licenza municipal", argumento que tamén foi aceptado polo alcalde de Cabana de Bergantiños.

No entanto, a actividade desenvolvida por Mineira de Corcoesto "nada tiña que ver cos servizos aos que fai referencia a devandita norma", e así se constata nos informes do Arquitecto Técnico Municipal e da Policía local, que acreditaban que a nave se dedicaba ao procesado de material procedente dunha actividade extractiva.

Por último, e tal como xa se tiña denunciado, tamén se incumpría de cheo a lei 9/2002 do solo de Galicia, aspecto que tamén querían obviar tanto a empresa como o Concello, en especial no referido ao cambio de uso das instalacións, neste caso de uso agrícola a industrial.

"O Concello non ten máis remedio que ordenar o peche inmediato para non incorrer en prevaricación"

Visto todo, o alcalde de Cabana, malia que aínda non comunicou a resolución do peche aos denunciantes, "non ten máis remedio que ordenar o peche inmediato é definitivo da nave agrícola para non incorrer en prevaricación", tal e como se acredita no feito de que agora a empresa mineira recoñeza publicamente que “pecha a vella nave agrícola por non estar legalizada e por non ser unha actividade autorizable”.

Desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto cren que se "volve probar a conivencia entre o Concello e a empresa mineira Edgewater" e tamén a proba definitiva de que a empresa non “tiña todo en regra” como dixera no seu día o xerente Luis Boixet. "A empresa mineira está especializada no incumprimento xeneralizado da normativa de aplicación ao exercicio da súas actividades", rematan.

Protesta da plataforma xunto a afectados chegados de Asturias CC-BY Plataforma pola defensa de Corcoesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.