Os sindicatos consideran "un insulto" a actitude da conselleira de Sanidade e anuncian peches nos centros

Rolda de prensa dos representantes sindicais do SERGAS CC-BY-SA Praza Pública

"Oscurantismo", "opacidade", "indefinición", "insulto". Son algúns dos cualificativos que lles mereceu aos representantes dos traballadores do SERGAS a actitude da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que este luns se ausentou da mesa sectorial na que os sindicatos esperaban que lles detallase o recorte salarial que sufrirán neste 2013 e que, segundo o anunciado, será superior ao dos restantes traballadores do sector público pola necesidade de reducir en 15 millóns o seu orzamento.

"A conselleira non sabe ou non quere dicirnos cal vai ser o recorte e de que forma se vai aplicar"

Os representantes de CCOO, CIG-SAÚDE, CSIF, CEMS-OMEGA, SATSE, SAE e UGT critican que a conselleira se limitou a "facer propaganda", comunicándolles unha relación de datos de asistencia e actividade dos centros e que posteriormente desculpou a súa ausencia. "Aquilo parecía unha rolda de prensa e non debía selo", din. "A conselleira non sabe ou non quere dicirnos cal vai ser o recorte e de que forma se vai aplicar", denuncian, ao tempo que alertan que a rebaixa se pode producir nos complementos por gardas ou por produtividade. E critican que se pode dar o caso de que "dous profesionais coa mesma categoría cobren distintos salarios".

Á espera de que se confirme a rebaixa e as partidas ás que vai afectar, os sindicatos que representan os traballadores sanitarios anuncian mobilizacións: "os traballadores do sector público sufrimos un acoso dende hai anos", din, e engaden que "xa contribuimos bastante, xa fixemos moitos esforzos". Afirman que "chegou o momento de botar toda a carne no asador" e que van comezar asembleas informativas e peches nos centros de saúde e hospitais de toda Galicia. Na semana do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro reuniranse, nas comarcas, as organizacións sindicais que forman a plataforma sanitaria para organizar as mobilizacións nas súas áreas. E a partir do 5 de febreiro comezarán os peches.

  • 1º peche,  día 5 de febreiro: Coruña, Lugo, Verín.
  • 2º peche, día 7 de febreiro: Ferrol, Monforte, Pontevedra e Cee.
  • 3º peche, día 14 de febreiro: Santiago, Burela, O Barco e Salnés.
  • 4º peche, día 18 de febreiro: Vigo, Barbanza e Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.