A UE podería propor este xoves a prohibición de tres pesticidas mortais para as abellas

Abellas mortas preto de Xátiva (Valencia) © COAG

A UE podería propor este xoves a prohibición de tres pesticidas neonicotinoides para o cultivo de millo, colza e xirasol, que son mortais para as abellas. Os ministros de Agricultura da UE examinaron este luns en Bruxelas un informe da Axencia europea de seguridade alimentaria (EFSA) que cuestiona o uso destas substancias e este xoves a Comisión realizará unha proposta para limitar o seu uso.

A Comisión Europea é partidaria de comezar cunha prohibición "equilibrada" que afecte a aqueles cultivos que "máis atraen ás abellas", isto é, o millo, a colza e o girasol

O comisario de Saúde e Consumo, Tonio Borg, anunciou medidas "ambiciosas e proporcionadas" pero non se espera que este xoves se adopten decisións definitivas, senón que haberá un debate e unha primeira proposta de acción. A Comisión Europea é partidaria de comezar cunha prohibición "equilibrada" que afecte a aqueles cultivos que "máis atraen ás abellas", isto é: o millo, a colza e o xirasol. A UE analizará os tipos de plantacións máis afectados e os calendarios de sementa, entre outros factores, para decidir cos países membros os pasos a seguir.

Os pesticidas postos en dúbida están fabricados por Bayer e Syngenta, que segundo denuncian os colectivos ambientalistas están a realizar unha intensa campaña de presión para impedir que se limite o seu uso. Polo de agora están autorizados na Unión Europea, pero xa hai varios países que non permiten o seu uso en determinados cultivos, como é o caso de Alemaña, Italia ou Francia. Eslovenia, pola súa banda, conta cunha prohibición total.

Son varias a iniciativas na rede de denuncia e recollida de sinaturas para esixir a prohibición total destes pesticidas. A petición que se realiza a través de Avaaz.org está chegando aos dous millóns de apoios.

Abellas mortas preto de Xátiva (Valencia) © COAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.