Os afectados polas preferentes levarán este sábado a súa protesta até a porta da casa de Núñez Feijoo

Manifestación de afectados polas preferentes en Lugo CC-BY-NC-SA BNG

Os afectados polas preferentes queren levar as súas reivindicacións -a devolución de todos os seus aforros retidos nas entidade bancarias- até a mesma porta da residencia oficial do presidente da Xunta. Este sábado 2 de febreiro unha nova manifestación percorrerá as rúas de Compostela, partindo ás 11.30 da Alameda e rematando ao pé de Monte Pío. 

A marcha está apoiada por todos os partidos da oposición, sindicatos e por varios concellos de toda Galicia entre eles a Ares, Mugardos, Narón, As Pontes, A Capela, San Sadurniño, Redondela, Oleiros ou Carballo, que nas últimas semanas aprobaron mocións nas que se comprometían a dirixirse á Xunta e ao Goberno central, así coma ao Banco de España e ao FROB, para esixirlles unha solución xeral e íntegra de todos os casos de preferentes e subordinadas, ben mediante resolución, orde ou ben calquera outro recurso xurídico.

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, manifestou este mércores o apoio dos socialistas galegos á marcha e anunciou tamén que a dirección do partido informou os alcaldes, portavoces e secretarios xerais socialistas para que difundan esta convocatoria e chamen á participación da cidadanía, pois “calquera de nós poderíamos ter resultado estafados”. Tamén anticipou unha “presenza relevante” de cargos orgánicos, representantes institucionais e militancia nesta convocatoria unánime das plataformas de afectados, coa que “o PSdeG-PSOE quere esixir a devolución dos cartos aos estafados e que a xustiza actúe para que non queden impunes os responsables dos delitos cometidos”.

No primeiro pleno da cámara, no mes de febreiro, os socialistas van defender unha moción que “obrigará ao PP a posicionarse”

Carmen Gallego engadiu que no primeiro pleno da cámara, no mes de febreiro, os socialistas van defender unha moción que “obrigará ao PP a posicionarse” sobre este anuncio, e esixirán máis medios económicos e humanos para a arbitraxe e incluír nela a todos os estafados. Tamén esixen os socialistas que se fagan públicos os criterios de inclusión e exclusión na arbitraxe e que a Xunta ofreza cobertura xurídica aos estafados se queren acudir aos tribunais.

Cartaz da marcha Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.