0 Gardados para despois

Un ano na Praza, contigo

Redacción | @prazapublica

Hai un ano Praza Pública comezou a súa andaina na Rede. O seu primeiro editorial sinala puntos cardinais e desexos: "Praza nace aumentar o pluralismo informativo; e tamén para exercer a pluralidade de voces, de visións e de perspectivas, sen máis liñas vermellas que aquelas que nos definen como proxecto comunicativo: a defensa do autogoberno, do progreso e do benestar da cidadanía galega, e mais a reivindicación da lingua e da cultura galegas como valores esenciais desa Galicia que vén".

Até aquí chegamos. Grazas ás achegas e complicidades do lectores e electoras Praza Pública faun ano informando na Rede. 2013 sinálase como o ano de fortalecemento e ampliación do xornal. Somos sabedores de que queda moito por facer para consolidar un espazo informativo libre, pluralista e na nosa lingua. Aspiramos a que sexa posible en 2013. Sabemos que é un desexo compartido por milleiros de galegos e galegas.

Estamos de aniversario e imos celebralo xuntos para reiterar mancomunadamente o compromiso de Praza Pública como un xornal dos seus lectores e lectoras, independente, plural e crítico, posto ao servizo da defensa de Galicia e dos nosos dereitos e liberdades.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O proxecto de Praza Pública

Praza Pública como un medio de comunicación comunitario, plural, integrador e sen ánimo de lucro.

Praza Pública é un medio de comunicación comunitario, plural, integrador e sen ánimo de lucro

O carácter comunitario determina a súa actuación como espazo asociativo a través da Fundación Praza Pública e o seu labor xornalístico. Praza é un medio na Rede para promover a implicación da comunidade lectora no quefacer xornalístico e o financiamento de Praza recae de xeito predominante na comunidade a través de doazóns tanto periódicas como puntuais.

A pluralidade do medio abrangue a liña editorial, independente de todo grupo de poder, e  procura a inclusión de voces diversas tanto no seu espazo de opinión, nas entrevistas e nas súas pezas informativas; como na conformación do seu goberno a través do Padroado de Praza Pública, no que se representa un amplo abano político, sindical, asociativo, profesional e, mesmo, xeracional.

Praza é tamén un proxecto integrador, pois desde a súa definición como un xornal comprometido con Galicia desde coordinadas progresistas e de estima da lingua e cultura de noso, pretende crear un amplo espazo de encontro que sobarde as fronteiras existentes noutros ámbitos da vida social galega.

Temos dous propósitos esenciais: contar cunha redacción profesional e totalmente independente para desenvolver o seu traballo; e ser un xornal dos seus lectores e lectoras

A ausencia de calquera pretensión ou ánimo de lucro verifícase na fórmula escollida para dar soporte legal ao proxecto xornalístico, que é a dunha fundación na cal o peso das decisións é colexiado e non garda proporcionalidade cos cartos achegados polas persoas que a compoñen.

Características definidas para garantir os dous propósitos esenciais: contar cunha redacción profesional e totalmente independente para desenvolver o seu traballo; e ser un xornal dos seus lectores e lectoras.

A Fundación Praza Pública

Para impulsar o proxecto xornalístico constituíse a Fundación Praza Pública, unha entidade sen animo de lucro e aberta á participación da comunidade, que ten por finalidade o fomento da información e o debate públicos como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega, ben como a promoción da cultura e da lingua galegas.

O goberno, representación e administración de Praza Pública correspóndelle ao seu Padroado. O Padroado está presidido por Filipe Antonio Fernández Diez. Francisco Pillado Mayor ocupa a presidencia de Honra.

 

Filipe Diez. Presidente do Padroado.

Naceu en 1971 na Coruña, nunha familia con raíces en León. Pasou a maior parte da infancia na veciña Vilaboa e estudou en Rutis, na Coruña, no Burgo e máis tarde na UdC, onde se licenciou en Filoloxía Galego-Portuguesa. Morou durante dez anos en Brasil, exercendo como profesor primeiramente de lingua e literatura galegas e máis tarde de lingua española. Á volta, retomou o compromiso político que comezara como fundador dos CAF e de Galiza Nova na Coruña. Máis adiante, comezou unha intensa actividade como blogueiro e activista nas redes sociais, antes de promover Praza Pública. Actualmente dá clases no IES Alfredo Brañas de Carballo, onde promoveu a implantación do ensino de Língua Portuguesa.

 

Francisco Pillado Mayor. Presidente de Honra.

Profesor, músico, crítico literario, xornalista, columnista, promotor teatral, escritor, tradutor, editor. Exerceu como xornalista e colaborador en La Voz de Galicia, A Nosa Terra e El Correo Gallego. Fundador dos grupos teatrais O Facho, Escola Dramática Galega, Luís Seoane, Elsinor Teatro e Grupo de Teatro de Alumnos da Escola de Estudos Sociais da Coruña. Director da Escola Dramática Galega. Coautor de obras de referencia nos estudos teatrais, como o Diccionário do teatro galego (1671-1985) ou a Antoloxía do teatro galego, e de libros de conversas con Ricardo Carvalho Calero e Xosé Manuel Beiras. Membro da Xunta Directiva da AELG e director de Laiovento.

 

Composición do Padroado.

Filipe Antonio Fernández Diez, Presidente do Padroado

Carlos Alberto Amoedo Souto, Vicepresidente do Padroado
Pablo No Couto, Secretario do Padroado
María Pilar Jiménez Aleixandre
Encarna Otero Cepeda
Mª. Dolores Candedo Gunturiz
Xulia Guntín Araujo
Valentín Fagim Rodrígues
Sonia Fernández Casal
Carolina Díaz Ripoll
Manuel Martínez Barreiro
Martiño Noriega Sánchez
Antonio de Padua Pérez Casas
Antón Baamonde García
Henrique Monteagudo Romero
Luis Ferreiro Loredo
Mª. Xosé Porteiro García.
Xoaquín Fernández Leiceaga
Ana Luísa Bouza Santiago
Francisco Pillado Mayor, Presidente de Honra.

O xornalismo e a Redacción de Praza

Praza é un medio de comunicación para exercer o xornalismo, nacido para informar desde unha perspectiva crítica e para darlles voz a persoas e colectivos que cada vez atopan menos altofalantes nun escenario no que moitos e bos medios de comunicación foron desaparecendo. Para logralo Praza dotouse dunha redacción profesional  e tamén cunha rede de colaboradores remunerados para ampliar o foco daqueles temas e voces que queriamos que fosen protagonistas.

Praza quere contar a actualidade no momento en que se produce. Pero Praza tamén quere ser un medio para a reflexión

É un espazo no que facer xornalismo e contar historias e un medio dixital nacido que quere explorar e explotar todas as posibilidades comunicativas que a rede nos ofrece. Para iso favorece o labor xornalístico apoiado en recursos multimedia (vídeos, infografías e audios) e a conversa colectiva nas redes sociais.

Praza quere contar a actualidade no momento en que se produce. Pero Praza tamén quere ser un medio para a reflexión, a análise e debate e artigos de fondo para ofrecer unha visión ampla de cada temática suxeita ao debate cidadán.

Praza é un medio centrado en Galicia porque é o espazo cidadán que coñecemos e ao que queremos informar. É asemade un medio aberto ao mundo e focalizado nas tendencias que conforman o presente e o noso futuro colectivo, queremos ser tamén o xornal da Galicia que vén. Dedicámoslle por iso unha atención especial ás manifestacións culturais emerxentes.

Praza é un medio centrado en Galicia porque é o espazo cidadán que coñecemos e ao que queremos informar. É asemade un medio aberto ao mundo e focalizado nas tendencias que conforman o presente e o noso futuro colectivo

Alén das seccións máis habituais, como política, economía ou cultura, quixemos que outros eidos tamén fosen protagonistas, coma a información dedicada aos movementos sociais ou a ciencia e tecnoloxía.

 

A Redacción

Praza Pública carece dunha redacción física. Os tres redactores que a compoñen traballan dende os seus domicilios e dende alí desprázanse aos focos informativos e coordínanse a través das variadas ferramentas tecnolóxicas que existen na actualidade. A reducida estrutura de Praza obriga a concentrar os esforzos informativos nun número determinado de temas cada semana, tentando manter un equilibrio entre as distintas áreas e entre o referido obxectivo de contar a actualidade cando está pasando e á vez afondar nas novas e mover á reflexión. Durante as fins de semana traballa un dos tres xornalistas para asegurar a cobertura informativa nos sábados e domingos.

A reducida estrutura de Praza obriga a concentrar os esforzos informativos nun número determinado de temas cada semana

O groso dos gastos de Praza corresponde ao pago do traballo xornalístico e a dimensión da redacción está axustada ao nivel de ingresos do medio. Como se repetiu varias veces, na medida en que os ingresos sexa maiores o xornalismo que se realiza en Praza será máis e mellor e eses cartos servirán para aumentar a redacción e para pagar máis colaboracións externas.

 

Marcos Pérez Pena. Director

Naceu en Montevideo en 1980 e creceu en Ferrolterra. Licenciouse en Xornalismo na USC e tamén obtivo alí o titulo de doutor cunha tese sobre a prensa galega na Transición Política e o seu papel na conformación da Autonomía. Realizou durante anos un variado traballo no campo da investigación en comunicación, con traballos publicados sobre xornalismo político medios dixitais ou sobre o ámbito comunicativo dos movementos sociais. Editou as obras A Galicia de Maeloc, sobre Milladoiro, e A praza é nosa. Quen constrúe a democracia?, sobre o 15M. Traballou no Diario de Ferrol, La Voz de Galicia, GzNación, Vieiros e a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega. É director de Praza Pública e tamén foi un dos seus promotores.

 

David Lombao. Redactor

David Lombao naceu en Lugo en 1985. Estudou Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela e foi en Compostela comezou a exercer o oficio nos informativos de Radio Galicia-Cadena SER. A súa traxectoria continuou vinculada á información e á radio en Radio Voz, etapa na que colaborou tamén co suplemento literario de Tempos Novos. En 2008 formou parte do equipo de Xornal de Galicia, encadrado na súa sección de política e centrado na crónica parlamentaria e no seguimento do Goberno galego e a actividade dos partidos. Interesado na relación do xornalismo con Internet, participou tamén en iniciativas individuais e colectivas no mundo dos blogs e forma parte da redacción de Praza Pública dende o nacemento do xornal.

 

Miguel Pardo. Redactor

Naceu na Coruña en 1980. Xornalista coruñés con todas as súas raíces no Ortegal. Licenciado en Periodismo na Universidade de Santiago, co último ano cursado na Universitat Autònoma de Barcelona. Comezou a traballar en La Opinión de A Coruña, pasando despois algún tempo polo xornalismo deportivo antes de incorporarse ao gratuíto LV.De luns a venres desde a súa fundación. Logo traballou tamén no Xornal de Galicia e agora faino en Praza Pública. Colaborou en varios medios como Expansión ou La Región Internacional e participa nalgún faladoiro sobre deportes na radio. É coautor da obra La imagen del mundo árabe y musulmán en la prensa española (2010, Fundación Tres Culturas), froito da investigación levada a cabo dentro do CICAM (Centro de Investigación y Análisis de Medios).

 

Colaboradores, opinión e blogs

O labor da redacción de Praza complétase coas achegas remuneradas de xornalistas freelance e cunha ampla nómina de colaboradores que dan vida á sección de Opinión e os blogs aniñados en Praza Pública

O labor da redacción de Praza complétase coas achegas remuneradas de xornalistas freelance e cunha ampla nómina de colaboradores que dan vida á sección de Opinión e os blogs aniñados en Praza Pública. No último anos máis de 250 persoas asinaron artigos de opinión no xornal e atenderon máis de corenta blogs de variada temáticas e centros de interese cos que se dá entrada en Praza a moitos contidos que decote fican fóra da actualidade informativa, coma as viaxes, a infancia ou os deportes minoritarios.

A audiencia de Praza

No último ano Praza recibiu máis de dous millóns de visitas e foron vistas máis de 4,5 millóns de páxinas. Mensualmente, o número de lectores oscilou entre un mínimo de 35 mil en agosto ao máximo de 82 mil en outubro cando se celebraron as eleccións autonómicas. Os blogs de Praza Pública sumaron 80 mil visitas no primeiro ano de vida e os seus lectores únicos mensuais sitúanse entre 2.300 (agosto) e os 7 mil (en marzo), estabilizándose ao redor dos 3.200 lectores no último trimestre de 2012.  Estes datos fan de Praza o xornal dixital en lingua galega que ten unha maior audiencia. Praza Pública ten 5406 seguidores en Facebook e 7471 en Twitter.

O peto de Praza

Para garantir a viabilidade e a independencia de Praza, o xornal está financiado mediante doazóns dos propios lectores e colaboradores. Estes ingresos complétanse con publicidade e campañas específicas para a recadación de fondos. Son os lectores e lectoras os que sustentan financeiramente o proxecto xornalístico de Praza Pública.

Son os lectores e lectoras os que sustentan financeiramente o proxecto xornalístico de Praza Pública

En 2012 Praza Pública acadou uns ingresos de 91.500 euros. 84.200 euros das achegas fundacionais e doazóns e 7.300 euros ingresados por publicidade, a partir do último cuadrimestre de 2012. En 2012, o 92% dos ingresos procederon de 368 lectores e lectoras de Praza que realizaron achegas puntuais ou subscribiron doazóns mensuais.

En 2012 os gastos de Praza Pública ascenderon a 96.500 euros que se dedicaron, basicamente, ao pago dos salarios dos redactores e colaboradores (74,7%) e ao deseño e desenvolvemento da web e as ferramentas de edición (20,1%)