0 Gardados para despois

Os PAS da USC anuncian o seu calendario de mobilizacións

Redacción | @prazapublica

Ás once da mañá deste venres entrou en vigor oficialmente a instrución aprobada pola Xerencia da USC relativa á xornada, permisos e vacacións dos traballadores da Universidade de Santiago. A esa mesma hora representantes dos PAS levaban a cabo concentracións e unha cazolada na Casa da Balconada como sinal de protesta ante unha modificacións nas súas condicións laborais que denuncian que os obriga "a traballar máis por menos cartos", incrementa o persoal dedicado xusto nas horas nas que é menos necesario, e que ademais foi acordado sen a necesaria negociación previa. 

Denuncian "este empeoramento das condicións laborais derivado da Instrucción da Xerencia como gratuíto e discriminatorio, como un castigo inmerecido"

Esa negociación é a primeira das demandas que lle realizan ao reitor, ao que veñen de remitir un escrito. No texto lémbranlle que "aínda que existe unha normativa a nivel estatal que afecta a estas condicións de traballo, a USC ten unha ampla marxe para facelo sen que isto afecte ao conxunto dos traballadores da administración e servizos e sen que lle cause prexuízos nin á Universidade nin aos seus responsables". Engaden que a aplicación desta instrución "non lle reporta ningún beneficio á Universidade, nin dende o punto de vista económico nin dende o da mellora da calidade dos servizos". E denuncian "este empeoramento das condicións laborais derivado da Instrucción da Xerencia como gratuíto e discriminatorio, como un castigo inmerecido".

Por todo o anterior demándanlle a "inmediata retirada" da Instrucción da Xerencia até "a súa negociación e acordo cos órganos de representación do PAS". Como medidas de presión acordouse a presentación conxunta de instancias dirixidas ao Reitor, "co obxectivo de que reflictan o respaldo global á demanda de retirada da Instrucción". E o luns e martes da vindeira semana realizaranse asembleas informativas repartidas polos dous Campus "nas que se valorará a situación, as medidas xa tomadas e se recollerán propostas para novas accións".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.