A PAH arremete contra a banca e a conivencia política ante os deputados no Congreso

Ada Colau Dominio Público Praza Pública

"Estamos ante unha estafa porque todo te levaba a acceder á vivenda e a hipotecarte". Así arrincou Ada Colau, portavoz da Plataforma de Afectados pola Hipoteca, os seus 45 minutos de intervención na Comisión de Economía do Congreso dos Deputados. "Algúns fixeron un grandísimo negocio, como as administracións, as inmobiliarias, e non asumiron a súa responsabilidade, porque a mensaxe oficial do Estado era que non había burbulla inmobiliaria", proseguiu. Foron 45 minutos nos que o Congreso dos Deputados oíu por vez primeira a voz de Colau, e escoitou os súas reproches á desidia dos políticos durante anos fronte ao problema dos desafiuzamentos, e tamén para que quedase constancia das súas propostas, avaladas por un millón de firmas en forma de Iniciativa Lexislativa Popular.

Colau afirmou que “non se asinaban contratos libremente, contratos cheos de cláusulas abusivas das que nunca se informou, polo que é unha obriga moral reaccionar ante a violación de dereitos fundamentais, incluso saltándose leis inxustas"

Colau afirmou que “non se asinaban contratos libremente, contratos cheos de cláusulas abusivas das que nunca se informou, polo que é unha obriga moral reaccionar ante a violación de dereitos fundamentais, incluso saltándose leis inxustas". Neste sentido, replicou á intervención que lle precedeu, do vicesecretario da Asociación Española de Banca, Javier Rodríguez Pellitero, a quen chamou "criminal" mentres mostraba sobres aos deputados. "Que a xente que nos afundiu na miseria diga 'non' á dación en pago reafírmanos", argumentou.

"Non imos aceptar unha solución sen efectos retroactivos. Que paguen os estafadores, non os estafados. Pedimos a paralización dos desafiuzamentos de vivenda habitual e de debedores de boa fe, así como a dación en pago retroactiva"

En canto ás propostas, Colau detallou "os mínimos" que recolle a ILP que se debaterá o martes no Congreso grazas a que o PSOE substituíu a súa proposta pola da PAH: "Non imos aceptar unha solución sen efectos retroactivos. Que paguen os estafadores, non os estafados. Pedimos a paralización dos desafiuzamentos de vivenda habitual e de debedores de boa fe, así como a dación en pago retroactiva". Estes mínimos, "avalados por un millón de firmas" deben terse en conta, segundo Colau: "Se vostedes cren na democracia e en que o Congreso é un órgano de representación desa democracia, deberían escoitar as demandas cidadás. Os desafiuzamentos son a maior violencia contra o dereito á vivenda; o Estado pon todo o aparello policial e xudicial ao servizo dos desafiuzamentos. Apelamos aos deputados, con nome e apelidos, e quen desprece a vontade cidadá, será sinalado, sen violencia, pero será sinalado alá onde vaian".

"Apelamos aos deputados, con nome e apelidos, e quen desprece a vontade cidadá, será sinalado, sen violencia, pero será sinalado alá onde vaian"

Tanto a cualifición de "criminal" ao representante da AEB como a apelación á sinalización dos deputados que voten en contra da ILP da PAH, foron motivo de enfrontamento entre o presidente da Comisión, Santiago Lanzuela (PP) e Colau ao final da comparecencia. Lanzuela pediu que retirase "as ofensas". "Non nos ameace", dixo. Ao que respondeu Colau: "O que faltou é esta chamada de atención a quen me precedeu".

Na súa intervención, Colau tamén insistiu en que "as casas que están en mans das entidades financeiras, deben constituír o parque en aluguer social, cuxa renda non debería superar o 30% da renda familiar. As 6.000 vivendas do fondo previsto no último decreto son migallas".

Antes de Colau, interviñeron na Comisión o expresidente do Banco Hipotecario e da Caixa de Aforros de Granada, Xulio Rodríguez, e o vicesecretario xeral da Asociación Española de Banca, Javier Rodríguez Pellitero.  A comparecencia de Rodríguez Pellitero foi duramente contestada por Colau posteriormente, o que motivou o enfrontamento entre a portavoz da PAH e o presidente da Comisión de Economía.

O vicesecretario da Asociación de Banca defendeu o marco legal: "Non hai que cambiar a lei. Se a situación actual é consecuencia da crise, que é transitoria, as medidas deben ser tamén temporais, como as que aprobou o Goberno". Rodríguez Pellitero defendeu que "os desafiuzamentos non son un negocio para a banca: "Pérdese un cliente, a súa familia, hai que incorrer en gastos de avogados, de xestión do piso, o IBI, a comunidade, e logo montar todo un sistema de xestión do piso. Só cando non queda outra opción, o banco inicia a execución hipotecaria, porque non facelo poría en risco a solvencia do banco". En conclusión, segundo Rodríguez Pellitero: "O sistema hipotecario non é tan malo. Si a crise económica".

O expresidente do Banco Hipotecario, Xulio Rodríguez, si viu insuficientes os decretos aprobados, o de marzo de 2012 sobre o código de boas prácticas da banca, e o de novembro, sobre a moratoria de desafiuzamentos

O expresidente do Banco Hipotecario, Xulio Rodríguez, si viu insuficientes os decretos aprobados, o de marzo de 2012 sobre o código de boas prácticas da banca, e o de novembro, sobre a moratoria de desafiuzamentos: "Habería que prolongar un ano máis a moratoria e ampliar o campo de persoas que poidan acollerse a ela. Ademais, o código de boas prácticas, que permite a dación, debería ser de cumprimento ordinario polos bancos, non como agora. E, tamén, debería rebaixarse o interese de demora, que agora está en torno ao 12%: despois da moratoria, a familia atópase na rúa e cunha débeda multiplicada".

Ademais, Rodríguez puxo o énfase na falta de datos "para calibrar a magnitude do problema: as estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial non distinguen entre primeira vivenda e segunda vivenda. É moi pobre. E as estatísticas oficiais tampouco se publican todas, úsanse politicamente na Cámara". Por último, Rodríguez insistiu en "modificar a lei hipotecaria sen ameazar a solvencia do sistema financeiro. O máis urxente é a reforma do procedemento e que o código de boas prácticas sexa común no día a día dos bancos".

Ada Colau Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.