A presión social fai recuar ao PP, que di si á tramitación da ILP sobre desafiuzamentos

Protestas a prol da ILP ás portas do Congreso © Gonzalo Cortizo (Eldiario.es)

Rectificación e marcha atrás. A presión social, en especial a que até o último momento fixo a Plataforma de Afectados por la Hipoteca (PAH) obrigou o PP a recuar e decidir apoiar a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra os desafiuzamentos e a prol da dación en pago. Todo, malia que os populares negaron até o último momento que fosen aprobar o que unicamente é a toma en consideración da devandita ILP.

Foi a mobilización continua e a presión social, ademais dos máis de 1,4 millóns de sinaturas, a que fixo cambiar de opinión ao PP. Xusto antes da votacións, membros da PAH reuníronse cos voceiros da materia do grupo Popular para intentar convencelos de que, cando menos, aceptasen o trámite. "Pedimos aos deputados que non desprecen os cidadáns", pediu Ada Colau, unha das portavoces da plataforma e a máis significativa de todas elas.

Xa ao mediodía, os activistas solicitáranlles a todos os deputados que votaran a favor, máis aínda tendo en conta que aceptar a iniciativa a trámite non supuña aceptar o seu contido, senón debatela a expensas de cambios. Unha proposta "de mínimos" que, de non ser aceptada, ía desembocar en manifestacións ante as sedes do PP, tal e como propuxo a PAH, ademais de varias mobilizacións que xa se deron fronte ao Congreso durante todo o día.

O PP xa advirte de que fará valer a súa maioría absoluta para que as medidas da ILP non saian adiante

Pero ademais, e no mesmo día que se decidía a aceptación a trámite ou non da iniciativa, coñecíanse tres novos suicidios ante os futuros desaloxos das súas casas dun  matrimonio balear e dun home en Basauri. Se cadra esta nova desgraza, unida á presión social, acabaron por convencer a un PP que xa anuncia que fará valer a súa maioría absoluta para que as medidas reclamadas na iniciativa non saian adiante.

O caso é que o PP accede a que se tramite a ILP na que se pide a dación en pago retroactiva e medidas de alquiler social. Os populares, aínda que agora voten a favor, non darán moito máis pé a avances. Segundo explicou Alfonso Alonso, voceiro do PP que anunciou o cambio de opinión, o presidente do Congreso, Jesús Posada, comprometeuse a axilizar o máis posible a tramitación.

Na súa intervención no pleno do Congreso, o PP volveu confirmar o seu si, pero non dubidou en criticar o anterior Executivo socialista. "Entendemos o enfado da PAH, sobre todo ante a inacción do anterior Goberno", asegurou, tras aclarar que a ILP permitirá "mellorar a lei" que se aprobará en poucos días.

Protestas a prol da ILP ás portas do Congreso © Gonzalo Cortizo (Eldiario.es)
Cambio de postura do PP na súa conta oficial de Twitter en pouco máis de media hora Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.