A Xunta contradí os reitores e di que "ninguén deixa a universidade por causas económicas"

A Coordinadora en Defensa da Universidade Pública anunciou un calendario de mobilizacións CC-BY-SA Praza Pública

"Estamos vendo xa como hai xente que renuncia á matrícula cando chegan ao segundo ou terceiro prazo de pagamento porque non poden asumir o custo. Temos un índice de renuncias un 40% superior ao do ano anterior". O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, explicaba hai poucos días con esta crueza, nunha entrevista con Praza Pública, os efectos que está a ter na institución académica a combinación da crise económica coas reducións de bolsas e as subas das taxas de matrícula. Cada vez máis estudantado abandona a carreira por non podela pagar, viña dicir Armesto, describindo un panorama que, a xuízo da Xunta, é totalmente oposto. Segundo o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o que di o reitor coruñés simplemente "non é certo" e non lle pasa a "ninguén".

"É falso, ninguén quedou fóra da universidade por motivos económicos", mantén

No marco dunha comparecencia na comisión de Educación do Parlamento Díez de Castro foi interpelado polos grupos da oposición a conta da alerta dos dirixentes universitarios. Os abandonos son "unha evidencia" e "hai que mellorar o sistema", instouno Ramón Vázquez, de AGE. Hai "milleiros de familias" no paro que non son quen de sufragar os estudos dos seus fillos e fillas, advertiu Cosme Pombo, do BNG. "Van a un modelo neoliberal a ultranza", xulgou Concepción Burgo, do PSdeG. Pero segundo o alto cargo da consellería de Jesús Vázquez nada disto está a pasar. "É falso, ninguén quedou fóra da universidade por motivos económicos", mantén.

Segundo Díez de Castro o estudantado que "quedou fóra" das axudas do Goberno central "entrou" nas bolsas da Xunta "e non quedou ningunha persoa en lista de agarda". "Pódese repetir mil veces, pero non é certo", igual que "non é certo", segundo o conservador, "que a taxa de abandono na Universidade da Coruña aumentase un 40%", como denunciou Armesto. Esta afirmación lánzaa baseándose en que "a Universidade de Vigo di que non apreza baixada ningunha; a quen facemos caso, ao reitor da Coruña ou ao de Vigo?", pregúntase. Non obstante, e xusto despois de acusar o máximo responsable da UdC de facer públicos datos falsos, o secretario xeral nega "crispación" ou "enfrontamento" cos reitores. "Hai discusións, cousas que parecen mellor ou peor" pero en "temas" como as taxas "hai acordo e ao final imos todos da man".

“É incrible que se digan certas cousas sen ruborizarse. Con seis millóns de parados como pode alguén dicir dende unha tribuna que o que queira estudar pode?”, preguntouse Alberte Pérez Viso, da CIG

Os representantes da Coordinadora en Defensa da Universidade Pública, que hoxe presentaban as mobilizacións que teñen previstas, criticaron de inmediato as palabras de Díez de Castro: “é incrible que se digan certas cousas sen ruborizarse. Con seis millóns de parados como pode alguén dicir dende unha tribuna que o que queira estudar pode?”, preguntouse Alberte Pérez Viso, da CIG. Os colectivos estudantís lembraron o incremento das taxas e denunciaron que moitas das bolsas tardan meses en ser concedidas, "deixando moitos estudantes nunha situación limite”.

De igual xeito, fixeron fincapé en que "se están incrementando notablemente os impagos de matricula" e Alba Nogueira engadiu que se produce unha importante redución na recadación por matriculas e hai un descenso moi importante nas matriculacións dos masters. Estes e outros datos contradín, na súa opinión, as palabras do secretario xeral de Universidades.

 

Mobilizacións ante o Parlamento

As mobilizacións crecerán en intensidade coincidindo co debate no Parlamento da Lei de Orzamentos, os vindeiros 25 e 26 de febreiro

A Coordinadora en Defensa da Universidade Pública anunciou este martes o inicio dunha serie de accións de protesta e mobilizacións contra a anunciada redución no financiamento das universidades galegas e os recortes salariais dos traballadores dos centros. As mobilizacións crecerán en intensidade coincidindo co debate no Parlamento da Lei de Orzamentos, os vindeiros 25 e 26 de febreiro.

As organizacións que forman a coordinadora: Acción Universitaria, APA (UDC), CIG, CCOOComités, CUT, Liga Estudantil Galega, TGU (USC), UGT e USO, solicitarán encontros cos grupos políticos con representación no Parlamento e tamén cos tres reitores. Ademais, están previstos peches e cazoladas en todos os campus e así mesmo a celebración de aulas na rúa. Tamén apoian as concentracións convocadas para este xoves 21 pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos a partir das sete da tarde.

O luns 25 de febreiro a coordinadora convoca unha concentración ás dez da mañá diante do Parlamento coincidindo co comezo do pleno de orzamentos. Ao longo desa xornada están previstos tamén actos e mobilizacións a desenvolver nas distintas facultades. O martes 26 varios dos grupos convocan un paro de catro horas para apoiar a manifestación que diante da cámara pedirá que non se apliquen os recortes previstos sobre os servizos públicos. Estará acompañado pola celebración dun pique-nique con pan e auga “porque a pan e auga é como nos pretenden deixar”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.