A Iniciativa BenComún anuncia a súa disolución

Logotipo de BenComún CC-BY-SA BenComún

A Iniciativa BenComún finaliza a súa andaina. Nada na primavera de 2011, en plena "eclosión" do 15-M, as persoas promotoras deste colectivo, "ligadas ao activismo nos movementos sociais, na esquerda nacional e no nacionalismo cívico e progresista" consideráronse "interpeladas" e consideraron que os seus "referentes partidarios debían mudar, aceptar as críticas que estaban a recibir e actuar en consecuencia". Case dous anos despois, o seu "comité dinamizador decide formalizar o que xa viña sendo unha realidade" nos últimos tempos, isto é, que BenComún chega ao remate da súa andaina.

BenComún sinala que hai meses que deixou de funcionar "na práctica"

"BenComún fixo un traballo propositivo e de achegamento entre as esquerdas políticas e sociais", sinalan dende a Iniciativa para explicar a súa disolución. Neste sentido, amosan satisfacción polo labor realizado, que consideran "necesario", mesmo "sen ter logrado os froitos que na nosa opinión serían desexables". Dado que o grupo "deixou de funcionar na práctica", apostan por anunciar o seu remate definitivo, xa que "non nos gusta que os proxectos fiquen nunha situación de indefinición, creando dúbidas, desconfianzas ou posibles instrumentalizacións posteriores".

Así as cousas, BenComún vén de proceder ao peche do que, "na práctica, eran os únicos restos" da súa actividade, isto é, os seus espazos en internet. "Entendemos que para intercambiar información existen múltiples foros", polo que dende este martes "non se subirán máis nvas nin se realizarán novas incorporacións" ás súas redes sociais. Nesta liña, rematan o seu percorrido expresando as súas "grazas" a quen colaborou con BenComún e animan a "seguir na loita pola defensa do ben común, sexa cal sexa o lugar colectivo de cada unha e de cada un", conclúen.

Logotipo de BenComún CC-BY-SA BenComún

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.