Un 23F contra o "golpe de estado financeiro"

Asemblea do 15M en Vigo CC-BY-NC-SA Imagen en acción

O movemento de indignación que comezou aquel 15 de maio de 2011 achégase aos dous anos. Dende entón, o paro non deixou de subir, continuaron os desafiuzamentos, consumouse o multimilonario rescate bancario -que de paso completou o proceso de eliminación das caixas de aforros- e un cambio de goberno intensificou os recortes e a execución da politica económica recomendada polo BCE e o FMI. Todo, nun escenario marcado pola multiplicación dos casos de corrupción e a intermitente pero continuada mobilización da cidadanía.

Que cambiou, logo? Ou que cambiou para ben nestes últimos 21 meses? Pois se cadra o que mudou foi a conciencia colectiva dos culpables desta situación e da base do problema. E tamén se pode concluír que nestes case dous anos se produciu unha ruptura dos consensos previos, da confianza, no bipartidismo, nos medios de comunicación e nas versións oficiais. É por iso que hoxe se acepta con normalidade o lema de Contra o golpe de estado financeiro para as manifestacións convocadas este 23 de febreiro en toda España. 23F, si, facendo explícita a coincidencia e poñendo de novo a reclamación da democracia e da democracia real en primeiro plano. As marchas están convocadas pola Marea Cidadá, un conxunto de organizacións politicas, sociais, sindicais, asembleas do 15M e plataformas cidadás de todo tipo, poñendo o énfase na defensa dos servizos públicos e dos dereitos sociais.

Pódese dicir que se multiplicaron os ataques pero tamén as respostas, como lembra o colectivo Robin Hood da Coruña: "baixo este mandato neoliberal non elexido pola cidadanía, o intento de desmantelamento do público, coa ofensiva contra a Sanidade a Defensa universal ou a Educación, os ataques constantes ó medio ambiente, os dereitos laborais e sociais ou o desemprego son xa elementos cotiáns na nosa cidade. Poren, tamén o son as respostas cidadás".

"En 1981 a cidadanía saíu á rúa a expresar o seu rexeitamento rotundo ao golpe de estado militar. O sábado 23, 32 anos despois, sairemos á rúa a defender os nosos dereitos e a rexeitar os recortes e as brutais políticas de axuste coas que se canalizan fondos para satisfacer a avaricia dos mercados financeiros e políticos corruptos". Deste xeito chama á cidadanía o Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns de Marín e textos e chamamentos semellantes podemos atopar nos manifestos difundidos por outras asembleas cidadás que convocan ás marchas do sábado. Baixo a proclama de "Non ó golpe de estado financeiro. Non debemos, non pagamos" as manifestacións pedirán xustiza social e ambiental, transparencia e democracia participativa, a defensa duns servizos públicos e universais, e unha auditoría cidadá da débeda en protesta contra "a débeda ilexítima".

 

Converxencia de reivindicacións

"Chamamos a confluencia de aqueles colectivos e persoas que nos vemos violentamente afectadas polas políticas de recortes e polo saqueo do público que se está a exercer desde o poder político institucional"

Nas manifestacións confluirán outras reivindicacions. Na marcha de Pontevedra denunciarase o ataque ao ensino: "priorizan o lucro sobre o dereito á educación e sobre a vida das persoas. E esta situación repítese na xustiza, no transporte ou na vivenda" e tamén pedirase o traslado da planta de ENCE, de novo de actualidade pola reforma da Lei de Costas, ou a paralización do proxecto eólico do Morrazo.

Pero tamén se criticará a limitación do debate nos Parlamentos a lei electoral ou o proceso de recentralización: "non aceptamos que o goberno do estado e a Xunta de Galicia fagan demagoxia aproveitando o descontento coa clase política para reducir aínda máis a calidade democrática, eliminando representantes, capacidade de decisión local e silenciando minorías; nin unha lei electoral inxusta que favorece e beneficia o bipartidismo e aos grandes partidos, e que torna ilexítimas as accións dun goberno que, ademáis, non pode ter un cheque en branco durante catro anos para gobernar de costas ao pobo baixo a dictadura de maiorías aritméticas". Entre as esixencias figura tamén a posta en marcha dun proceso constituínte: "esiximos maior capacidade de decisión, participación e control popular; a dimisión do goberno e a posta en marcha dun proceso constituínte radicalmente democrático, previo exercicio do dereito a decidir dos pobos, que conclúa cunha nova Constitución baseada na democracia real"

Os propios organizares fan fincapé nesta converxencia de reivindicación, como por exemplo no manifesto da mobilización da Coruña: "Chamamos a confluencia de aqueles colectivos e persoas que nos vemos violentamente afectadas polas políticas de recortes e polo saqueo do público que se está a exercer desde o poder político institucional. E chamamos, en definitiva, a tomar as rúas este 23F: Contra a corrupción, por unha saída social a crise, contra a débeda ilexítima, as políticas neoliberais, os recortes e, ao cabo, pola construcción dunha cidade e unha sociedade baseadas na igualdade e na xustiza social". A converxencia farase explícíta na Coruña o sábado, pois os organizadores da marcha chaman a participar previamente na manifestación convocada polos afectados pola estafa das preferentes.

 

Horario das manifestacións

A Coruña. 12.30. Do Obelisco á Delegación do Goberno e a sede do PP 

Pontevedra. 17.30. Praza de España

Compostela. 18.00. Praza do Toural

Ourense. 18.00. Dende a Praza Maior até a Subdelegación do Goberno.

Vigo. 18.00. Dende a Praza de España até a Porta do Sol

Ferrol. 18.00. Edificio Administrativo Xunta de Galicia, Praza de España.

Lugo. 19.00. Praza Maior

Redondela. 20.00. Praza da Constitución

Vilagarcía de Arousa. 20.30. Concello

Cartaz da marcha convocada en Vigo Dominio Público 15M Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.