O Parlamento pronúnciase de forma unánime contra o 'fracking'

O fracking é unha perigosa técnica de extracción de gas natural Dominio Público Praza Pública

Os catro grupos con representación parlamentaria instan a Xunta a “acordar unha moratoria” na súa utilización en Galicia. Este acordo foi posible grazas á transacción dunha proposición non de lei presentada en comisión por Antón Sánchez (AGE) que finalmente foi asinada por todos os partidos. O texto pide que o Goberno galego impida o uso desta técnica de extracción de gas natural  “mentres non se garanta a súa seguridade e inocuidade para o medio ambiente e as persoas a través dunha lexislación que a desenvolva”.

O fracking é unha perigosa técnica, para as persoas e para o medio ambiente, de extracción de gas natural. Tan perigosa que Estados como Irlanda, Canadá ou Francia prohibírona e Australia, Bulgaria ou Sudáfrica estabeleceron unha moratoria. Consiste en fracturar as rochas a gran profundidade –entre dous e cinco quilómetros- mediante a inxección de grandes depósitos de auga e de area con diversos produtos biotóxicos. As grandes empresas que empregan a técnica néganse a concretar a composición dos mesmos, pero o certo é que dos miles de litros de auga usados, só se recuperan entre o 50% e o 70%. O resto queda depositada no subsolo e pode afectar aos acuíferos. Algúns países mesmo detectaron efectos sísmicos debido a esta maneira de extraer gas.

Apostar por esta controvertida técnica, cuestionada por técnicos, ecoloxistas e científicos, supón, en palabras de Antón Sánchez, “unha marcha atrás no camiño das enerxías renovábeis”. A vía dos combustíbeis fósiles, que as grandes compañías eléctricas parecen defender ao se valer do fracking, significa, conclúe Sánchez, “un intento de prolongar o pasado no canto de encarar o futuro”.

Antón Sánchez, no Parlamento © AGE
O fracking é unha perigosa técnica de extracción de gas natural Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.