A Liga Estudantil alerta de que os graos de Filoloxía Clásica e Lingua e Literatura Galegas están en risco na USC

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC

A Liga Estudantil Galega alerta de que a continuidade dos graos de Filoloxía Clásica e Lingua e Literatura Galegas na USC podería esta no aire. O pasado mércores 20 de febreiro tivo lugar a Comisión Permanente da Facultade de Filoloxía da USC, na que se deu conta, segundo a Liga, "da dramática situación" na que se atopan dúas das titulacións que alí se imparten. A Xunta impón que cada grao debe manter un mínimo de 50 estudantes por curso e estes teñen entre 20 e 30.

O colectivo denuncia isto como parte "dun ataque dos gobernos do PP ás humanidades"

A Liga entende que "o futuro destes dous graos é incerto, e é moi probábel que desaparezan como tal, algo totalmente inadmisíbel tendo en conta que o grao en Clásica da USC é o único que se imparte nas tres universidades galegas". O colectivo denuncia isto como parte "dun ataque dos gobernos do PP ás humanidades", e engade que "non se pode esperar que se enchan as aulas destas titulacións á vez que se pretenden reducir as horas de docencia, tanto do galego como das linguas clásicas, en primaria e secundaria, e que constitúen boa parte das saídas profesionais destes estudos".

A Asemblea de Centro de Filoloxía da Liga Estudantil Galega oponse firmemente á supresión destes graos, "pois só serviría para empobrecer máis aínda o servizo que a universidade debe prestar á sociedade galega" e conclúe "que non se pode permitir perder o único grao en latín e grego, así como a única titulación especializada en lingua e literatura galegas, das que dispoñemos".

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.