Doafund, a outra maneira de deter desafiuzamentos

Páxina web de Doafund Dominio Público Praza Pública

Logo do éxito acadado pola presión social no caso de Aurelia Rey -a muller coruñesa de 85 anos que aspira agora a unha vivenda social tras a paralización do seu desafiuzamento- outro triunfo da solidariedade contra os intentos de desaloxo emerxe desde Galicia. Doafund.com, unha web que pretende axudar a pagar as cotas hipotecarias de persoas con dificultades económicas para así evitar que os bancos poñan en marcha o proceso de desafiuzamento, xa ten a súa primeira vitoria.

As pequenas achegas de 27 persoas axudaron a unha familia de Miño a pagar a súa cota hipotecaria e evitar o desafiuzamento

A solidariedade cidadá a través do crowdfunding evitou o desaloxo da súa casa de Miño da familia Varela. José Ángel, un xornalista en paro desde hai tres anos, e seu pai, dependente por unha enfermidade, vían imposible pagar unha nova cota da súa hipoteca logo de que o fillo se lle acabase a prestación de 426 euros que cobraba desde hai meses.

"Resulta duro, moi duro, erguerse cada mañá e ver como todas as tentativas por atopar traballo fracasan  unha tras outra. Malia todo, intento seguir loitando por min e, sobre todo, por el, que non merece pasar os últimos anos da súa vida así", explicaba José Ángel Varela no perfil de presentación que Doafund inclúe na listaxe de familias ás que se pode patrocinar. Solicitaban 286 euros que lles permitisen pagar a cota hipotecaria un mes máis e conseguir así máis tempo. Conseguiron os cartos en pouco tempo logo das pequenas axudas -de entre 35 e 5 euros- de 27 persoas de toda España e evitaron que se puxese en marcha o proceso de desafiuzamento.

"A nosa fórmula e a presión social no caso de Aurelia son dúas formas de solidariedade en situacións diferentes", di Fernando Sierra, promotor de Doafund

"A presión social no caso de Aurelia e o noso caso son dúas formas diferentes de solidariedade en dous casos distintos", explica Fernando Sierra, o galego promotor desta exitosa e novidosa iniciativa. "No caso da muller coruñesa actúase a posteriori porque coa decisión xudicial é inevitable o desafiuzamento, pero a protesta e a mobilización, así como a concienciación social que se logra, consegue paralizar o desaloxo e que se loite por conseguirlle outra casa", explica.

Fernando Sierra ve compatibles as dúas fórmulas. "O caso de Aurelia tamén é solidariedade e nós identificámonos con todas estas loitas porque mañá podemos ser nosotros os afectados", insiste. "Temos que unirnos e buscar nós a axuda porque non podemos esperar nada das administracións que deberían preocuparse por estes casos", engade.

"Temos que unirnos e buscar axuda; non podemos esperar nada das administracións que deberían ocuparse destes casos"

A familia Varela está aliviada e conta cun  mes máis para intentar arranxar o seu problema. José Ángel está pendente de dous posibles empregos. Se empeza a traballar, paralizarase a recadación. De non conseguilo, Doafund seguirá promovendo achegas solidarias para axudar a un pai e un fillo que cumpren as estritas condicións que a plataforma web impón ás familias que se unen ao proxecto e que se acreditan mediante documentación. Corren o risco de perder a súa primeira e única vivenda ao non poder facer fronte ás cotas hipotecarias derivadas da súa compra e os ingresos dos seus familiares son insuficientes para facer fronte á cota e a outros gastos básicos de calquera fogar medio.

Nas mesmas condicións se atopa José Luis Carrera, un home de Ávila que vén de evitar este mesmo martes a ameaza do desafiuzamento ao conseguir a través de Doafund os 40 euros que lle faltaban para completar os 420 que precisaba para pagar as cotas hipotecarias e logo de que adebedase dous pagos. Outra familia de Zamora é agora un  novo obxectivo solidario. Non hai trampa ningunha. No momento no que se inicia o proceso, Doafund é "altamente transparente" e permite ao patrocinador coñecer todos os datos, xa sexa o momento no que se realizan os pagamentos das cotas ou ben os obxectivos que se van acadando grazas ás súas achegas.

Ademais, e en canto se obtén a cantidade adebedada ao banco, a plataforma efectúa o pago íntegro, ingresando o 100% das axudas conseguidas na entidade bancaria correspondente, que cede unha porcentaxe do recibido ao proxecto, permitindo así que este sexa sustentable.

Doafund "necesita" encher a súa web de familias necesitadas para seguir axudando e crecendo

Agora, Fernando Sierra fai un chamamento ás familias en dificultades para que se poñan en contacto coa plataforma. "Necesitamos encher a web de familias porque as persoas en dificultades están cansas de que lles ofrezan axudas e que ao final non reciban nada", insiste o promotor da iniciativa, "encantado" dos resultados iniciais, pero consciente de que a chegada ao seu proxecto de máis cidadáns necesitados axudará a asentar o proxecto e a conseguir máis achegas.

"Non nos esperabamos que se conseguisen cubrir as cotas tan rapidamente;  é evidente que canto maior é a crise, máis grande é tamén a solidariedade da cidadanía", remata Sierra. Ángel Varela, o xornalista de Miño que recibiu a primeira axuda de Doafund, teno claro nunha carta que escribiu para agradecer o apoio popular. "Máis que nunca teño a certeza de que os que sufrimos as trabadas desta crise feroz non estamos sós. A xulgar polo que vin estes días, sempre haberá alguén perto alumeándonos o camiño, alguén que non necesita preguntarse que fixo para mellorar as vidas dos demais, porque xa respondeu moitas veces a ese interrogan coa exemplaridade das súas accións".

A familia Varela, de Miño © Doafund

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.