Os dereitos das mulleres, reivindicados de forma unitaria e masiva

Manifestación feminista © Susete

Milleiros de persoas participaron este domingo en Compostela nunha manifestación convocada baixo o lema Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos. e convocada por colectivos feministas (Andaina, Faraxa, FeminismosCompostela, Marcha Mundial das Mulleres, Nós Mesmas, Rede Feminista Galega), sindicatos (CIG, CUT, STEG) ou as organizacións agrupadas na Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento.

A marcha partiu da Estación de Tren pasadas as doce do mediodía e despois de percorrer as rúas da cidade, entrou na zona vella e rematou na Praza da Quintana. Alí representantes das distintas organizacións que convocaban a mobilización leron un manifesto que ligaba as reivindicacións de dereitos para as mulleres coas críticas á xestión da crise sistémica: "mulleres galegas de diferentes colectivos queremos denunciar a precariedade histórica á que estivemos sometidas polo sistema capitalista, baseado en que os esforzos sempre recaen sobre a mesma parcela da sociedade: a clase traballadora e os sectores populares".

A marcha partiu da Estación de Tren pasadas as doce do mediodía e despois de percorrer as rúas da cidade, entrou na zona vella e rematou na Praza da Quintana

Ademais, o texto denuncia que "a actual ofensiva patriarcal está alcanzando cotas insospeitadas. Só así se explica o recrudecemento do machismo nas institucións, a ausencia de políticas feministas reais, a eliminación de organismos como o Servizo galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e de orientación afectivosexual, os impedimentos para acceder a métodos contraceptivos e, sobre todo, a última proposta de derrogar a Lei do aborto, que ten o seu punto de partida na retrógrada Lei da familia". O manifesto pechouse con quince reivindicacións concretas, en defensa de prestacións sociais e pensións dignas, ensino gratuíto e laico, a eliminación das desigualdades salariais ou a gratuidade do aborto no sistema público de saúde.

Os e as participantes denunciaron "o recrudecemento do machismo nas institucións e a ausencia de políticas feministas reais", concretadas en determinadas medidas adoptadas ou anunciadas polo Goberno galego e español

A manifestación contou co apoio de partidos coma BNG e IU e contou coa presenza, por exemplo, de Ana Pontón, voceira nacionalista no Parlamento, ou Guillerme Vázquez, voceiro nacional do Bloque. Os e as participantes denunciaron "o recrudecemento do machismo nas institucións e a ausencia de políticas feministas reais", concretadas en medidas adoptadas polo Goberno galego, coma a eliminación de organismos como o Servizo galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e de orientación afectivosexual, os impedimentos para acceder a métodos contraceptivos e, sobre todo, a última proposta de derrogar a Lei do aborto, que ten o seu punto de partida na Lei da familia.

 

(HABERÁ REPORTAXE EN VÍDEO)

A manifestación rematou na Praza da Quintana © Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.