AGE exixe explicacións á Xunta pola morte dunha paciente en Povisa

Vista das instalacións de Povisa © UVigo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) exixe explicacións á Xunta pola morte dunha paciente en Povisa o pasado martes, logo de que fose trasladada ao hospital vigués tras a avaría do aparello de electrocardiogramas do Punto de Atención Continuada (PAC) de Cangas do Morrazo. A deputada Chelo Martínez pregunta ao Servizo Galego de Saúde "se ese acontecemento era inevitable".

AGE pregunta se a morte da muller "era inevitable" ou tivo que ver coa avaría no electro de Cangas

A familia da mulller falecida denuncia que o  médico de urxencias que a atendeu en Cangas non puido realizar a proba diagnóstica dun electrocardiograma ao estar o aparato avariado. A anciá, natural de Vilanova, foi trasladada a Povisa ante a imposibilidade de poder relizarlle as probas pertinentes e, malia que na ambulancia non se rexistrou incidencia ningunha, faleceu pouco despois de ingresar no hospital.

O Sergas, tal e como adiantou o Faro de Vigo, confirmou o fallo no aparato utilizado para realizar os electrocardiogramas, pero asegura que o PAC de Cangas conta con tres máis do mesmo tipo, dous fixos e un portátilo, polo que poderíase ter utilizado calquera dos outros dous. Ademais, insiste en que se cadra o médico considerou máis axeitado e rápido remitir a paciente directamente a Povisa, dado ao seu historial clínico e ao feito de que se tratase dunha proba diagnóstica.

Así, AGE exixe á Consellería de Sanidade explicacións polo acontecido e quere saber, como amosa a pregunta rexistrada no Parlamento, "se a demora na proba electrocardiográfica en Cangas ten a ver coa morte da paciente, que ocorre coa muller en Povisa e se este deceso foi inevitable".

 

Vista das instalacións de Povisa © UVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.