0 Gardados para despois

Ferrolterra mobilizouse pola Sanidade Pública

Redacción | @prazapublica

Ao redor de cinco mil persoas participaron este domingo na manifestación convocada en Ferrol pola pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en contra dos recortes e das privatizacións de servizos. Na marcha, convocada polos máis de 50 colectivos que se agrupan na plataforma, participaron numerosos representantes politicos de PSdeG-PSOE e Esquerda Unida na comarca.

A Plataforma denuncia que entre 2011 a 2013 o recorte nos orzamentos do Sergas foi de máis de 116 millóns de euros, e deles 103 millóns en Atención Primaria. Para a Plataforma isto levou a que “se colapsen os hospitais de agudos, debido a que os recortes en atención primaria impiden que os médicos de familia poidan atender debidamente aos pacientes crónicos nos seus domicilios”.

Entre as reivindicacións concretas para a comarca que se puxeron enriba da mesa está a situación do Consultorio Médico da Graña, que segue pechado a pesar de que nun Pleno do Concello de Ferrol, e por unanimidade, se acordou demandar da Xunta de Galicia a súa reapertura inmediata. Na comarca tamén vén de pechar o consultorio do Seixo en Mugardos e algúns colectivos alertan do inminente peche dos consultorios de Ferrol Vello, Maniños, Pedroso, o Val, Mera e Espasante e tamén da supresión de varios Puntos de Atención Continuada en concellos pequenos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.