O Sergas obriga un paciente a adiar unhas probas por solicitar a documentación en galego

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que o Sergas obrigou un paciente a adiar unhas probas por solicitar a documentación en galego no Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, onde fora derivado para un preoperatorio o 5 de febreiro. Segundo A Mesa, no hospital solicitáronlle que asinase unha serie de documentos, mais cando o paciente os pediu en galego, dereito que lle recoñece a lexislación vixente, desde o hospital dixéronlle que non dispuñan deles.

O propio paciente informounos de que a Secretaría Xeral de Politica Lingüistica dispuña dun servizo de asesoramento lingüístico e un acordo co Sergas polo que se comprometía a traducir este tipo de documentación nun máximo de 30 minutos. Porén, tras realizar unhas consultas, a empregada do Hospital indicoulle que se non asinaba os documentos en español tería que marchar e agardar na súa casa a que enviasen a documentación á administración da Xunta e esta lla devolvese traducida, co conseguinte retraso nas súas probas e operacións. Segundo A Mesa, o paciente "non aceptou renunciar aos seus dereitos lingüísticos". Tras presentar outra reclamación ante o Sergas, da que tampouco obtivo resposta, contactou coa Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística para denunciar o caso.

O propio paciente informounos de que a Secretaría Xeral de Politica Lingüistica dispuña dun servizo de asesoramento lingüístico e un acordo co Sergas polo que se comprometía a traducir este tipo de documentación nun máximo de 30 minutos

A raíz dun caso anterior no Hospital Nuestra Señora de Fátima, en Vigo, desde a Xerencia do Sergas emitiuse unha nota informativa a todo o persoal onde se puña a disposición de quen o precisase o servizo de tradución da Secretaría Xeral de Política Lingüística e indicábase que esta emitiría a tradución do documento que fose en non máis de media hora. Para a Mesa "este novo caso deixa en evidencia a pouca efectividade da medida, e que das declaracións de boas intencións á concreción na realidade dos feitos hai un trecho ben grande que a Xunta que preside Núñez Feijóo nunca está disposta a percorrer".

Desde A Mesa denuncian estes feitos como "un inadmisíbel intento de coaccionar os cidadáns para que non poidan exercer os seus dereitos lingüísticos legalmente recoñecidos, xogando cun tema tan sensíbel e fundamental como a saúde das persoas" e engade que “se non saen máis casos á luz non é porque na maioría dos hospitais se respecten os dereitos lingüísticos dos pacientes senón porque esta é unha chantaxe terribelmente efectiva”.

Para a Mesa, “se non saen máis casos á luz non é porque na maioría dos hospitais se respecten os dereitos lingüísticos dos pacientes senón porque esta é unha chantaxe terribelmente efectiva”

Susana Méndez, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, salientou que “as discriminacións lingüísticas son frecuentes nos hospitais galegos, e desde A Mesa hai anos que as vimos denunciando. Casos semellantes como os do Hospital Nuestra Señora de Fátima de Vigo ou do Complexo Hospitalario das Illas Cíes foron tamén obxecto de debate parlamentario na pasada lexislatura, polo que estas discriminacións non son novas nin descoñecidas para o SERGAS nin para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e se continúan a se producir é porque desde a Xunta non se fai nada por solucionalo". Por esta razón A Mesa pola Normalización Lingüística puxo o caso en coñecemento da Conselleira de Sanidade e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen obter polo momento resposta ningunha, e tamén o trasladou aos diferentes grupos parlamentarios da oposición con representación no Hórreo. 

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.